xoves, decembro 10, 2015

Coñezamos mellor o legado humano de Xosé Chao Rego: Pepe Chao Rego foille fiel á vida, ... Por Xaquín Campo Freire


Por Xaquín Campo Freire [*]
10.12.2015


PEPE CHAO REGO FOILLE FIEL Á VIDA


Agora que finou, a moitos revólvenos por dentro a pregunta: Quen foi realmente Pepe Chao Rego? A Pepe Chao fíxoo a vida. A actitude fundamental nel foi responderlle con sinceridade, con coherencia, con honestidade radical á vida en cada intre vital da súa existencia. E ese foi un dos seus meirandes méritos. Sempre se confesou profundamente crente, pero non crédulo. Por iso nunha lectura crente da existencia, pero profundamente crítica, soubo escoller e atinar nas encrucilladas da vida que lle tocou vivir ata o seu pasamento. E agora tamén. Correndo riscos ben dolorosos revisou sempre todo o seu ser e saber, e a súa creatividade, ao contraluz da realidade e da fe que para el, sen exclusións nin exclusivismos, estivo ancorada na revelación de Deus, no acontecer cotián de El da historia. De aí saíu ese inxente estudo sobre a Biblia. E de aí tamén un achegamento sincero as fonduras das outras relixións.

Partindo da vida, onde a vida o foi colocando, non se botou para atrás. Respondeulle a vida, profundando na vida real. Por iso, coma Mafalda, apeouse dos libros, pero lendo cada vez máis libros e escribindo novos libros, para revisar todo de novo desde a vida, para aprender de novo seguindo o método de Xesús de Nazaré e así descubrir o acontecer de Deus en cada persoa, en cada situación, en cada evento, no universo mundo. “Todo esta a xemer en dores de parto”(Rom 8,22). Aquilo do Irmán Roger de Taizé: Aprender a “vivir no hoxe de Deus”. Achegouse á vida, escoitou a vida, dialogou coa vida sen medos. E a vida foi a súa grande matria: Desafios de crecemento. Crises. Sufrimentos.. Non se botou para atrás nin se arredou. Non lle torceu a cara á vida en cada persoa concreta, en cada circunstancia real e concreta.

El viña, como ten dito, de ambientes cómodos e acomodados. Pero a vida foino interpelando e el tiña unha grande inquedanza, creatividade, ilusión e ansias dun mundo mellor. Implicarase moito precisamente no “Movemento por un mundo mellor”, do P. Lombardi.

Foise deixando conducir pola vida. Soubo dicirlle sempre si á vida. Participou activamente en canto movemento de renovación ía nacendo na Igrexa. Pero tamén os foi deixando axiña, na medida que ao analizalos non daban a vara de medir da xustiza e da sagrada liberdade e do respecto á persoa.

Foille fiel a Deus e ás súas criaturas, tendo como exemplo a Paco de Asís como el gostaba de chamearlle. Moito saboreou o libriño : "Sabiduría de un pobre”.

Para baixar á vida e ás realidades da vida real, empezando polos máis pobres, viviu en auténtica pobreza material e de entrega en silencio. Só os máis achegados, por convivirmos, soubemos ata que punto de pobreza chegou, non por gusto enfermizo, senón porque os pobres cos que convivía eran máis pobres do que el. Sabía que el sempre tiña uns resortes que os pobres non tiñan, aínda pasando a mesma fame ou necesidades vitais. Aí ían incluidos o amor e a amizade, nos que el era extraordinariamente rico. Pepe Chao desbordou afectividade, cariño, tenrura, boas formas, respecto e limpeza de alma. Pero tamén foi contundente cando percibía o asoballamento dos débiles. Daquela non calaba. E así lle foi. Probou a cadea.

Deixou o seu rol de “notable” para calzar as alpargatas da xente do pobo, nas casas, cos enfermos, cos que sufrían, e apuntouse aos feitos máis axeitados para responder con intelixencia, compromiso e efectividade. A xente dicíalle que era un inxenuo, que se aproveitaban del, que lle mentían, que o enganaban. “Prefiro enganarme dando unha comida demais, que deixar morrer de necesidade a alguén que un día chega a min con fame”.

Lembro aquela casa en Casquido, s/n, hoxe pechada e pouco coidada. Na porta do primeiro andar onde el moraba de aluguer, había un letreiro. “Está aberto. Estás na túa casa. Entra sen medo. Usa o que hai. E se tes fame ou sede sérvete ti mesmo se hai algo que che valla”.

Cando non estaba na casa penduraba da porta unha nota informativa: “Agora non estou. Volvo en x tempo”. “Se chegas á hora de comer partillaremos do que haxa”. E moitas veces non había nada. Daquela ía á tenda e traía uns bocadillos. Moitas veces ao fiado. Logo falábase e había alegría, amizade e esperanza. Eu vivín con el esas utopías. Realmente era un estilo sedutor. Prendeu en min. Claro que a saúde axiña empezou a pasar factura, o mesmiño, igualiño, que nas casas de moitos parroquiáns.

A xente sabía que pasaba fame. Traíanlle cousas, comida ou mesmo algunha lambetada. Pero aprenderon a chegar mesmo cando o vían entrar e facíanlle comer na súa presenza ao par que o acompañaban. Doutro xeito esas viandas collían destino inmediato cara onde había necesidades ben coñecidas del.

É preciso explicar, para os que non coñeceron esas épocas, que estabamos en tempos de posguerra, aínda case de racionamento, de fame, de familias moi numerosas, de emigración, de nenos deixados cos avós, etc. Aquela Galiza e España non eran as de hoxe, con todos os problemas que nestes tempos temos e coñecemos.

Os ingresos del estaban limitados a unha pequena nómina que recibía do bispado. O que recibía do templo volvía aos pobres e ao templo para as obras. Eliminou o cobro por actos de culto e as “clases” dentro da igrexa. Un letreiro dicía: “Con la venia del Sr. Obispo se han eliminado toda clase de aranceles en esta parroquia. Sabemos de la generosidad de nuestros feligreses que colaborarán en la medida de sus posibilidades para el sostenimiento económico de nuestra parroquia. Gracias”. E certamente o pobo tomou conciencia.

Por mais que nada se fai sen pagar prenda. Cando morría alguén, “poñer” varios curas no enterro era signo de honra para o defunto e de significación para os familiares diante da veciñanza. Unha forma falsa de fuxir da connotación de pobre.

Cando el dixo que os enterros serían cun sacerdote só, o párroco, houbo serias discordancias, desafíos e desobediencias. “Non todos somos iguais. Se nós queremos honrar ao noso familiar con cinco, seis ou os cregos que sexan, iso é cousa nosa e vostede non ten que meterse”. “Miren, dicíalles na misa do domingo, o bautismo e o matrimonio son sacramentos moi importantes. E fanse cun só sacerdote. O enterro non ten meirande precedencia nesa categoría. Daquela, por que non se pode facer cun só cura? Eu non lles cobro. Os que veñen, si. O único que coñece á familia e ao defunto son eu, que vos acompaño na enfermidade. Non vexo onde está o problema. De todos modos se vostedes se empeñan en traer outros sacerdotes de fóra, quer dicir que eu non son preciso ou que non teño valía dabondo para facelo. Daquela que o fagan todo eles, xa que son varios. Malo sexa que entre todos non saiban”. "Non. Vostede ten obriga de estar. É o párroco. Si pero se vostedes se empeñan en traer a outros quere dicir que eu non son competente dabondo para ese mester, por tanto que cumpran o encargo que vostedes lles están a facer xa que vostedes pagan e eles veñen cobrando. Teñen un contrato.”. Iso creou problemas serios na freguesía e e tamén cos cregos durante o primeiro ano. Incluso ten habido insultos por parte do “chamador” cando viñan avisar, como de costume, para ir a outras parroquias e se lles dicía que "non había tempo para ir aos enterros de xente que non coñecía, que xa tiñan cura na súa parroquia".

O seu enfoque pastoral partiu sempre da teoloxía da misión. Nunca fun proselitista. Pero si misioneiro, como ten dito de si mesmo.

Mandiá-Ferrol, 10 de Decembro de 2015.


[*] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca],  Narón 1937, é un relixioso galeguista. Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola e Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo.

Pepe Chao (Xosé Chao Rego) - Bucador Google: Ir a Web.

Enviado por:
Xaquin Campo Freire
xaquinderoca@mundo-r.com-
9 de dezembro de 2015 11:36
Saudiños. Fóisenos Pepe Chao, o escritor de pro e o literato. Pero as profundidades do home Chao e o seu evoluir vital, fican máis na sombra. Cómprenos, polo menos aos de Ferrol, desvelar xa sen medos, como xurdiu de entre nós ese home. Un día liderei o recoñecemento del nese monólito: "Parque Xosé Chao Rego", en Santa Mariña. Hoxe vese ben que foi un acerto: Ese monumento está sempre cheo flores. Por algo será. Lástima dunha boa fotografía, cousa que eu non controlo. Por abril imos facer unha semana cultural arredor da súa figura. Que hai detrás? Un home e a súa obra que cómpren coñecérense mellor. Porque Galiza merece saber o máis posibel dos seus fillos. Unha aperta e bo Nadal. Xaquín Campo Freire.

_________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon