Lídia Senra insta á Unión Europea a recoñecer que o euro “foi unha estafa para os pobos do sur da UE”. | Hoxe tivo lugar na sesión plenaria do Parlamento un debate conxunto co Eurogrupo e a Comisión sobre a unión económica e monetaria. | Demandamos ás institucións europeas que asuman a responsabilidade das consecuencias sociais provocadas polo actual modelo económico.
Dende onte e até o vindeiro xoves 17 o Parlamento Europeo está reunido en sesión plenaria [1] en Estrasburgo (Francia). A última hora da mañá de hoxe tivo lugar un debate conxunto do Parlamento, Comisión e Eurogrupo ao respeito da realización da unión económica e monetaria en Europa, unha proposta baseada no informe Realizar a Unión Económica e Monetaria Europea, publicado polos denominados “cinco presidentes” [2] -presentes tamén hoxe no debate-, o pasado 22 de xuño.
Diante dos argumentos pro-neoliberais expostos no debate, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, encetou a súa intervención no hemiciclo recordando que “o euro foi unha estafa para os pobos do sur da Unión Europea”. Se dende a UE non se realiza unha autocrítica analizando e avaliando as consecuencias do propio euro, “a Unión Económica e Monetaria que vostedes proxectan seguirá agrandando as desigualdades e seguirá aumentando a pobreza e a exclusión social”.
Diante das caducas propostas do Presidente do Eurogrupo, Jeroen Dijsselbloem, reiterando seguir cas reformas económicas estruturais, reformas das pensións e reformas laborais... “Isto non é nada novo”, retrucou a eurodeputada galega, “isto xa o coñecemos e por iso sabemos que son medidas para seguir extorsionando ás clases populares, para eliminar as conquistas sociais de séculos de loitas das clases traballadoras e para beneficiar a especulación”.
Senra tamén visibilizou a súa decepción diante da intervención do presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, criticando que non contemplara “propostas para acabar cas políticas de austeridade, medidas políticas para rescatar ás persoas da pobreza e da exclusión social, para recuperar e xerar emprego digno, garantir prezos remuneradores para o campesiñado, medidas para manter o pequeno comercio e ás pequenas e medianas empresas...”.
A deputada de AGEe instou na Eurocámara a garantir “unha ensinanza e unha sanidade públicas, gratuítas, de calidade e de acceso universal”, así como a “liberar aos pobos da obriga de priorizar o pago da débeda”.
“De todo isto esperabamos falar hoxe”, concluíu con contundencia Lídia Senra, “sen embargo, vostedes seguen falando de propostas para as corporacións transnacionais e a Banca e en contra das persoas”.
Bruxelas, a 15 Decembro, de 2015.
Sesión Plenaria [15.12.2015]
TEMA DA INTERVENCIÓN - ENLACE Á INTERVENCIÓN - ENLACE AO DEBATE COMPLETO
- Debate conxunto ao respeito da realización da unión económica e monetaria en Europa
- https://www.youtube.com/watch?v=ORWM6nAjhKE&feature=youtu.be
- http://www.europarl.europa.eu/plenary/pt/debate-details.html?date=20151215&detailBy=date
[1] Orde do día de toda a semana: http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-//EP//TEXT+AGENDA+20151214+SYN+DOC+XML+V0//PT
[2] Os “cinco presidentes” son o Presidente da Comisión Europea -Jean-Claude Juncker-, o do Cumio do Euro -Donald Tusk-, o do Eurogrupo -Jeroen Dijsselbloem-, o do Banco Central Europeo -Mario Draghi- e o do Parlamento Europeo -Martin Schulz-. O pasado 22 de xuño estes cinco presidentes fixeron público o informe “Realizar a Unión Económica e Monetaria europea”, folla de ruta da proposta neoliberal explicitada hoxe durante o debate conxunto. Posición de Alternativa Galega de Esquerda en Europa ao respeito deste informe, na [NdP250615AGEe] Senra: “O informe dos cinco presidentes significa afondar na axenda neoliberal”.
Máis información:
Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) | lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ | https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez.
Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
15 de dezembro de 2015 17:33
__________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon