Lídia Senra: "É vergoñento ver ao PP apurando favores co sector privado á costa da saúde e o medioambiente". | Confírmase o denunciado polas organizacións que se entrevistaron ca CE en decembro: moitas veces o peor inimigo é a Administración. | AGEe contactará inmediatamente á Dirección Xeral de Medioambiente da Comisión Europea para informar do acontecido con ENCE.
O pasado 2 de decembro distintos colectivos e organizacións que loitan pola defensa das rías e ríos da Galiza participaron en Bruxelas nun encontro con Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) e Jose Manuel Servert, representante da Comisión Europea pertencente á unidade adicada ao seguimento de infraccións e cuestións xurídicas. Nesa xuntanza subliñouse como un dos principais axentes responsábeis da mala situación das nosas rías e ríos precisamente á propia Administración.
"Ver un goberno en funcións tomando a decisión de conceder 60 anos máis de licenza a unha fábrica contaminante é un claro exemplo de como o Partido Popular xestiona as cuestións meidoambientais actuando igual que o raposo 'coidando' das galiñas", valorou hoxe a eurodeputada de AGEe dende Bruxelas.
"O PP xa non é que non faga políticas para mellorar a calidade de vida das persoas, senón que directamente fai políticas en contra de todas e todos nós", criticou, "é vergoñento velos apurando o intercambio de favores co sector privado á costa da saúde da poboación e da riqueza da Ría".
Como trasladou no mes de decembro en Bruxelas a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), e reiterou hoxe Senra, "se de verdade se quere acadar o saneamento e recuperación da Ría o camiño é a eliminación definitiva de ENCE".
Aliás, se pensamos nas fontes de emprego vinculadas ao aproveitamento racional da Ría, "na actualidade está catalogada como Zona C por culpa da contaminación de ENCE, o que supón a perda de moitos postos de traballo, especialmente o das mulleres que exercen a actividade marisqueira", como nos explicaron as representantes da Agrupación de Mariscadoras a Pé da Confraría de Pescadores de San Telmo de Pontevedra, presentes tamén na xuntanza mantida ca Comisión Europea.
Lembremos ademais que esta fábrica foi construída no ano 1958 baixo ditadura franquista, expropiando forzosamente as terras e reprimíndoa forte contestación da cidadanía, unha oposición social con especial protagonismo das mulleres mariscadoras, que eran conscientes da máis que posíbel desaparición dos seus postos de traballo [1].
Dende AGEe poremos en coñecemento da Comisión Europea, a través do propio Servet, o feito de que o goberno do PP en funcións vén de ampliar a actividade desta empresa contaminante.
Bruxelas, 27 Xaneiro 2016.
[1] Libro branco de ENCE
Máis información:
Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) | lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ | https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez.
Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
27 de janeiro de 2016 16:43
_____________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon