mércores, xaneiro 20, 2016

Lídia Senra: "O Mercado Único Dixital desprazará inda máis ao comercio local e eliminará postos de traballo", a eurodeputada galega adverte de que a UE está a impulsar o Digital Single Market como "unha das pezas clave para avanzar na negociación do TTIP"


Lídia Senra: "O Mercado Único Dixital desprazará inda máis ao comercio local e eliminará postos de traballo". | AGEe critica que a UE adique os seus esforzos a fomentar o consumismo e modelos comerciais que expulsan ás traballadoras/es. | Senra adverte de que a UE está a impulsar o Mercado Único Dixital como "unha das pezas clave para avanzar na negociación do TTIP".


Dende onte e até o vindeiro xoves 21 de xaneiro o Parlamento Europeo desenvolve sesión plenaria en Estrasburgo [ORDE DO DÍA DO PLENO]. Entre os debates celebrados durante o día de hoxe, a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, quixo subliñar a importancia da discusión desenvolvida arredor da proposta da Comisión Europea de concretar o Mercado Único Dixital [RESOLUCIÓN].

Nunha estratexia económica que nos remite ao incremento do consumismo e á preponderancia da economía financeira sobre a real, a Comisión Europea estableceu como un dos obxectivos principais desta lexislatura deseñar un espazo comercial, "que consiste fundamentalmente en eliminar as barreiras ás transaccións efectuadas en liña", é dicir, o Mercado Único Dixital.

"O mercado dixital único significa o expoñente máximo da liberalización comercial intracomunitaria aumentando inda máis a deslocalización produtiva", advertiu a eurodeputada de AGEe. Aliás, dar pulo a esta proposta cando inda non está garantida a neutralidade na rede, non se están facendo apenas esforzos dende a UE por fomentar o software libre e adoecendo dunha fenda dixital enorme dentro dos Estados e entre os países membro, "revela que este mercado é unha proposta de negocio feita á medida para os grandes capitais; pensando nas grandes transnacionais e nas empresas, non nas persoas ou nas PEMES", analizou en alusión á falta de proporcionalidade da que adoece dende o seu nacemento a proposta do Mercado Único Dixital.

"Se a día de hoxe a Unión Europea non só non foi quen de establecer unhas regras de mercado xustas no mundo real, senón que é un dos principais axentes impulsores da liberalización salvaxe, que cabe agardar dun Mercado Único Dixital que xa de entrada está a ser deseñado por grandes poderes económicos, algúns dos cales están xa organizados como lobby para defender os seus propios intereses?", cuestionou Lídia Senra.

Xa dende o seu inicio, o prantexamento deste espazo comercial non está a resultar integrador con respecto a opcións actuais de importante valor social, como o pequeno comercio ou os mercados locais, "nesta proposta fálase mesmo de establecer redes de puntos de recollida para a paquetería transfronteiriza; onde queda neste esquema o pequeno comercio? Por que deberiamos establecer redes de recollida en vez de manter a compra a través dos comercios físicos e, sobre todo, do comercio local?". "É máis", abondou a eurodeputada, "onde ficou a preocupación da UE pola emisión de gases de efecto invernadoiro derivados do irracional e masivo transporte de mercadorías actual?".

Xusto nos mesmos días nos que o Foro de Davos está a presentar un estudo no que prevé a perda de alomenos 7 millóns de postos de traballo nos vindeiros cinco anos, fundamentalmente debido á dixitalización e robotización da produción e do comercio, "A UE prefire seguir encamiñando os seus esforzos a fomentar o consumismo e a crear novos escenarios comerciais, o menos regulados posíbel, onde operar transaccións económicas". "Ademais, atrévense a argumentar que creará postos de traballo, obviando por completo que son moitísimos máis os que eliminaría", reprochou Senra.

Aliás, xorden tamén moitas dúbidas ao respecto das condicións de traballo que se darían neste espazo produtivo, xa que a proposta da Comisión mantén presente a necesidade da "competitividade" neste eido comercial, é dicir, empregar o dumping social e medioambiental para que o produto final teña un valor asequíbel. Até o momento, o exemplo paradigmático deste tipo de comercio é o xigante da venda por internet, Amazon, que é tamén un xigante da explotación laboral.

Para Senra, "non é casual que a UE estea a dar pulo a esta proposta comercial xusto cando está a negociar o TTIP cos Estados Unidos e ten o CETA negociado con Canadá[1]; é unha das pezas clave". "Todo o que signifique homologar a lexislación comercial dos Estados membro facilita a cacarexada 'armonización' á baixa que pretenden establecer entre as partes negociadoras", sinalou a eurodeputada.

Finalmente, advertiu Lídia Senra, "resulta tamén preocupante que se presente como un dos principais obxectivos deste mercado dixital a construción dunha 'economía de datos' vinculada ao sector das enerxías, servizos financieiros, e mesmo a saúde, fundamentándoa na connivencia público-privada".

Estrasburgo, 19 Xaneiro 2016.

[1] Os servizos de telecomunicacións e o comercio electrónico son capítulos do texto consolidado no acordo con Canadá (CETA), están sendo abordados nas negociacións do acordo cos Estados Unidos (TTIP) e figuran entre os puntos que potencialmente poden ser incluídos no acordo multilateral de comercio en servizos (TiSA). Máis información: http://trade.ec.europa.eu/doclib/press/index.cfm?id=1230.

Máis información:
Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) | lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ | https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez.



Enviado:
SENRA RODRÍGUEZ Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
19 de janeiro de 2016 17:35
____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon