domingo, febreiro 07, 2016

A velutina avanza- A praga da avespa asiática afecta xa máis da metade dos concellos galegos


A avespa asiática esténdese sen remedio por toda Galicia e alcanza xa, segundo os últimos datos actualizados da Consellería de Medio Rural, máis da metade dos concellos. Nun total de 160 municipios foron detectados niños da vespa velutina, cen localidades máis que hai ano e medio e uns sesenta máis que seis meses atrás. Son, malia todo, unhas cifras moi optimistas ao basearse tan só nas denuncias que chegan á Xunta e non incluír outras moitas localidades onde tamén se detectaron enxames que non foron comunicados.
A praga é especialmente agresiva na Mariña, o Ortegal, Ferrolterra, Eume e o Baixo Miño
Así o aclaran os expertos e a Asociación Apícola Galega (AGA), que aseguran que mesmo na provincia interior de Ourense é habitual xa ver niños de avespa asiática en varias localidades, aínda que tan só sete delas estarían afectadas pola praga segundo os datos actualizados por Medio Rural a finais de 2015. Especialmente grave é a situación, no entanto, nas comarcas da Mariña, o Ortegal, boa parte de Ferrolterra, Eume e a área da Coruña, ademais do Baixo Miño e a zona de Vigo en Pontevedra. Nesta provincia, tan só doce dos seus 62 concellos non contarían coa presenza de niños de velutina, mentres que na da Coruña un total de 82 dos seus 93 concellos estarían afectados.

Segundo informara Belén do Campo, directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, ata o pasado mes de novembro máis de 3.200 niños de avespa asiática foran retirados pola Xunta en 2015, unha minoría do total tendo en conta os eliminados polos municipios, polos propios veciños ou por empresas particulares, os que ninguén foi quen de alcanzar por estar a demasiada altura -ata 50 metros- ou todos aqueles que nin sequera se localizaron. Só con cen trampas adicionais que Medio Rural levou ás zonas máis afectadas recolléronse preto de 80.000 avespas asiáticas neste 2015. A media de avisos diarios á Xunta alertando da presenza de niños non baixa de 24.
A avespa asiática afecta especialmente as abellas pero crea graves prexuízos no sector froiteiro e forestal, ademais de inseguridade cidadá
E a problemática apunta a ser maior coa chegada da primavera e logo dun outono pouco frío. É unha praga que non se detén desde que en 2012 se avistasen os primeiros exemplares desta avéspora asiática. Unha especie que provoca a redución da biodiversidade -nomeadamente pola afectación nas abellas-, causa serios prexuízos económicos no sector apícola e froiteiro e crea riscos de picaduras en traballos forestais, así como inseguridade cidadá.
A plataforma de concellos afectados insiste en "máis medios, coordinación e persoal cualificado" para loitar contra a praga
Máis de 40 concellos moi afectados, AGA e representantes doutros sectores que sofren as consecuencias uníronse nunha plataforma que censurou a "inacción" da Xunta e reclamou unha serie de medidas urxentes baseadas en máis medios e na coordinación entre municipios e Xunta. Manuel Varela, un dos impulsores do colectivo e concelleiro de Medio Ambiente en San Sadurniño, insiste na necesidade na "coordinación" comarcal e da implicación do Executivo autonómico para supervisar os traballos para "reducir niños, achegar material e facer campañas informativas". Máis aínda agora e antes de que chegue a primavera. "De pouco serve que un concello faga as cousas ben se ao lado hai outro que non as fai e tamén está afectado polos niños", explica quen insiste na necesidade de "persoal cualificado e con preparación" para, por exemplo, atopar e identificar os enxames, unha das tarefas fundamentais e máis complexa.
Alternativa dos Veciños destina parte dos fondos que lle asigna a Deputación a facer campaña informativa sobre a ameaza da avespa asiática
Desde a Deputación da Coruña, por exemplo, traballouse nunha serie de axudas para achegar material aos concellos, que xa poden pedir subvencións para a compra de traxes especiais e pértegas, e traballa agora na coordinación coa Xunta para formar grupos comarcais destinados á extinción dos niños. Fora Alternativa dos Veciños quen presentara no pleno provincial unha moción para que o organismo colaborase na erradicación desta especie invasora.

Agora, o partido representado na Deputación polo seu presidente e alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, decidiu destinar parte dos fondos que a institución provincial lle asigna mensualmente a cada grupo para a súa actividade política e social a levar a cabo unha campaña informativa sobre a ameaza da avespa velutina. Inclúe anuncios en radio e valados publicitarios.

Reportaxe de Miguel Pardo publicado en Praza Pública | @depunteirolo | Xoves 7, Xaneiro 2016 | Tamén en elDiario.es.

Nota.- No mapa concellos afectados segundo a Consellaría do Medio Rural - Xunta de Galicia.

Información baseada na enviada por:
Comunidade Montes do Cha
-comunidade-montesdocha@hotmail.com-
6 de fevereiro de 2016 11:36

_________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon