terça-feira, fevereiro 23, 2016

A Xunta de Goberno Local de Ferrol deu o visto bo ao convenio entre o Concello e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia para a convocatoria dun concurso de proxectos de reforma da Praza de Armas - As cidadás e cidadáns poderán opinar e contribuir coas súas valoracións sobre o modelo de praza e o tipo de reforma que desexarían


A concelleira de Urbanismo, María Fernández Lemos, sinalou que cos prazos establecidos a reforma da praza de Armas podería iniciarse a finais deste 2016 e avanzou que se parte da idea dunha praza sen aparcamento soterrado.

A concelleira de Urbanismo do Concello de Ferrol, María Fernández Lemos [*], informou hoxe que na Xunta de Goberno Local deuse o visto bo ao convenio entre o Concello e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia para a convocatoria dun concurso de proxectos de reforma da praza de Armas.

Deste xeito, ponse en marcha o proceso para que a praza fronte ao Pazo Consistorial sexa reformada integramente, cumprindo así cun dos compromisos do goberno local. Na Xunta de Goberno aprobouse o convenio que esta mesma semana será asinado de xeito oficial co COAG, no que supón o establecemento da colaboración para a elaboración dos pregos, as consultas e a páxina web -na web do COAG- para levar a cabo o concurso, cun cronograma tipo estipulado a partir da firma do convenio.

O convenio establece as condicións do concurso de proxectos, a nivel de anteproxectos, para a remodelación do espazo público da praza de Armas, así como do acondicionamento do entorno inmediato que comprende aproximadamente unha superficie de 7.000 metros cadrados, mediante procedemento aberto e tramitación común.

Ao concurso poderanse presentar tanto arquitectos como enxeñeiros de camiños, que son os que teñen competencias nestas obras de urbanización de espazos públicos. Fernández Lemos amosouse “optimista” e asegurou que confía en que haxa numerosas propostas. As aportacións e opinións cidadáns tamén serán tidas en conta.

Despois de dispoñer dos proxectos, o xurado seleccionará entre 5 e 10 e farase unha exposición pública, para sometelos a exame da cidadanía. Transcorridos dous meses, se publicaría o fallo do concurso.

Confiando no cumprimento dos prazos establecidos, María Fernández Lemos resaltou que as obras, polo menos de demolición do espazo actual, poderían xa estar iniciadas a finais deste 2016.

O orzamento estimado é de 50.000 euros (IVE non incluído) para o proxecto con dirección de obra, e de preto de 1.200.000 (IVE non incluído) para a obra de reforma, se ben esta cantidade podería ter algunhas variacións, atendendo a feitos como os custos de demolición da actual praza ou os elementos patrimoniais da zona. O proxecto gañador obterá un premio de 4.000 euros como adianto ao encargo do proxecto básico e de execución e dirección de obra.

En canto ao deseño, a concelleira de Urbanismo incidiu en que os “concursos están para que se presenten distintas propostas e poidan abrirnos a todos a mente”. “Non teño ningunha idea preconcibida e posiblemente me sorprendan moitas das propostas que se presenten”, se ben remarcou que a idea de partida é que non haberá aparcamento soterrado, lembrando que o obxectivo é que sexa un entorno con menos vehículos e encamiñado cara unha progresiva peonalización do centro. Lembrou que non sería preciso indemnizar polo actual parking.

CONSULTA CIDADÁ

Os cidadáns, lembrou María Fernández, poderán opinar e aportar as súas valoracións sobre o modelo de praza e o tipo de reforma que desexarían. Abrirase unha consulta na páxina web do Concello na que os cidadáns poderán subir as súas opinións. María Fernández Lemos incidiu en que serán tidas en conta polos técnicos á hora de elaborar os seus proxectos.

Do mesmo xeito, os cidadáns poderán coñecer e opinar sobre os proxectos que escolla o xurado, sendo de novo estas opinións tidas en conta en todo o proceso.

Publicada na web do Concello de Ferrol. | Luns, 22 de febreiro de 2016.

[*] María Fernández Lemos -Mugardos 1971, é a Concelleira Delegada Titular de Urbanismo, Planeamento e Mobilidade do concello de Ferrol. Concelleira independente na lista do PSdeG-PSOE. Arquitecta pola Universidade da Coruña, especialidade de Urbanismo no ano 2000. Exercicio libre da profesión no estudio EM2 Obradoiro de arquitectos. Delegada da Comisión de Asuntos Tecnolóxicos na delegación de Ferrol do Coag dende o ano 2005 ao 2007. Presidenta da delegación do Ferrol do Coag no período 2007-2011.


Enlace de interese:

A Praza de Armas segundo o noso compañeiro Amadeo Varela. | Ir a web.

_____________________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon