luns, febreiro 22, 2016

As autoras dos votos particulares optan por non presentar lista e piden unha "refundación profunda" do BNG


Carme Adán, Tereixa Paz e Alba Nogueira, asinantes de votos particulares á totalidade do relatorio oficial da XV Asemblea Nacional do BNG, compareceron apoiadas por militantes para pedir un “debate sen tabús” do que saia “un proxecto nacionalista o máis vigoroso posíbel
.

O BNG debe acometer na súa XV Asemblea Nacional unha “refundación profunda” alén das palabras, froito dun debate “sen tabús” e de se “repensar a fondo”, para ser así unha ferramenta útil para a sociedade galega. Carme Adán, Tereixa Paz e Alba Nogueira, asinantes de votos particulares á totalidade do relatorio oficial, fixeron esta segunda feira un chamamento á participación da militancia na AN. Arroupadas por militantes e rostros coñecidos da organización nacionalista, comezaron a intervención anunciando que non presentaban candidatura alternativa á proposta polo Consello Nacional. “Non é unha cuestión de listas ou de postos, é unha cuestión de ideas, de debate, de pluralidade”, manifestou Carme Adán, que preguntada polos xornalistas sobre se nesa postura estaban representados asinantes doutros votos particulares (como é o caso do portavoz nacional saínte, Xavier Vence), respondeu afirmativamente.
Carme Adán: “Non estamos aquí para propoñer unha lista ou outros nomes, senón para que haxa un debate franco sobre o nacionalismo”
Adán explicou que os alí presentes “temos unha postura distinta” do relatorio oficial en canto ao debate sobre a refundación e sobre a política de alianzas. Por iso manteñen os votos particulares, dixo, e apostan na creación dunha comisión que 'pilote' a nova etapa do BNG e que culmine cunha refundación antes das eleccións. A deputada nacionalista incidiu en que o “fundamental”, en todo caso, “é que o proxecto nacionalista saia o máis vigoroso posíbel”. Tereixa Paz dixo que o elemento importante nesta Asemblea Nacional non debe ser “elexir unha nova dirección” senón preguntarse polo “devalo” electoral destes anos e polas causas que levan a que “o pobo que nun tempo nos considerou útiles” actualmente non apoie a organización nacionalista.
Tereixa Paz: “O fundamental nesta Asemblea Nacional non é elexir unha nova dirección: temos que reflexionar sobre por que a sociedade xa non nos consideran útiles”
Paz avogou por “profundas mudanzas” e chamou a “preservar a unidade dos que estamos organizados no BNG, e a partir de aí, acrecentar”, salientando que no que todos coinciden é en que “Galiza conte cun proxecto nacionalista forte”. Iso si, continuou a deputada, se a Asemblea Nacional “de verdade quere reconstruír un proxecto nacionalista” non debe “pechar” este domingo -día que decorre a AN- “cal vai ser a fórmula de concorrencia ás eleccións”, e apostou en “explorar sen vetos nin condicións previas” as diferentes posibilidades nun proceso no que a militancia “sexa quen deida”.
Alba Nogueira: “Non queremos que a palabra 'refundación' fique nun slogan, nunha palabra bonita. Hai que repensar profundamente o noso proxecto”
“O BNG non pode pensar en pequeno”

Alba Nogueira foi a última en intervir. Dixo que o BNG “non pode pensar en pequeno” e situou as “prioridades” do nacionalismo en “botar o PP e gobernar este país”. Alba Nogueira dixo que o feito de que o relatorio oficial “se apropie” da palabra 'refundación' non pode permitir que o que haxa na AN sea “un simple slogan, unha palabra bonita” e por iso a refundación “ten que ser unha alianza coa nosa base social” que parta de “repensar profundamente o noso proxecto”. “Formulamos un proceso de refundación que non se pode aprazar 'sine die' e que tenda a man a xente que non está no BNG”, concluíu.

Publicado por Xesús Manuel Piñeiro @JesuPinheiro en Sermos Galiza. | 22 Febreiro 2016 19:41 h.

Todo sobre a XV Asemblea Nacional do BNG:
http://bng.gal/xvanbng/

Web do BNG:
http://bng.gal/

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
22 de fevereiro de 2016 23:01

___________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon