sábado, febreiro 13, 2016

Fuco Buxán solidariza-se cos membros da compañía Títeres desde Abajo e soma-se á concentración de protesta de hoxe sábado 13 de febreiro ás 20:00h na Praza de Armas de Ferrol


Concentración en solidariedade cos Titiriteiros e en defensa dos dereitos fundamentais, sábado 13 de Febreiro na Praza do Concello de Ferrol, diante do Palacio Municipal


A Asociación Cultural Fuco Buxán súmase ós milleiros de voces que por todo o estado consideran sen fundamento, arbitraria e desproporcionada a decisión do xuíz Ismael Moreno de ditar auto de prisión preventiva contra os membros da compañía teatral Títeres desde Abajo por un suposto delito de enaltecemento do terrorismo. Se ben nun primeiro momento, o papel dos medios de comunicación conseguiu dar á representación de "La bruja y Don Cristobal" aparencia macabra e despiadada -mencionando contidos como violacións, asasinatos e unha pancarta facendo apoloxía da banda terrorista ETA-, finalmente resultou ser unha obra satírica na que se denunciaban os abusos de poder: entre eles, curiosamente, o escenificado por un axente de policía que colocaba nas mans da bruxa unha pancarta co slogan "GORA ALKA-ETA" coa fin de que a condenasen por apoloxía do terrorismo. Un delito que, ironías do destino, lles imputarían a eles mesmos, e que os mantería no cárcere varios días, para finalmente ser postos en liberdade con cargos.

Ante estes feitos:

Manifestamos a nosa solidariedade cos membros da compañía Títeres desde Abajo, e solicitamos a retirada inmediata dos cargos contra eles. Non so a maioría do público presente na actuación, senón todos aqueles que coñecemos máis tarde o contido da obra, somos capaces de discernir entre facer propaganda dunha banda terrorista e empregar unha pancarta como atrezzo no argumento dunha obra de teatro

Consideramos a actuación completamente desproporcionada: continuamente estamos a presenciar casos na prensa de delitos graves -corrupción, branqueo de capitais, acoso, abusos a menores, ...- nos que os imputados son tratados con suma delicadeza en comparación: liberdades con fianza, permisos para saír do país, ... e incluso de excesivo celo defensivo por parte do ministerio fiscal.

Condenamos o papel de certos -e non poucos- medios de comunicación que se adicaron a difundir durante as primeiras horas informacións esaxeradas, torticeras e parciais. E Instámolos a que cumpran o código deontolóxico da Federación de Asociacións de Periodistas de España, que os compromete, entre outras cuestións, a respectar e buscar a verdade contrastando as súas fontes e emendando inmediatamente os erros que detecte usando como mínimo os mesmos medios e intensidade empregados para difundilos.

Solicitamos que o Ministerio de Xustiza investigue ó xuíz Ismael Moreno para determinar se a súa actuación é constitutiva dun delito de prevaricación. De considerarse aceptable a súa actuación, calquera persoa se atoparía en risco de ser acusado de tal delito e privado de liberdade por motivos tan ridículos como o representado na obra: que alguén che pegue un papel no lombo con sóframas pro-etarras, contar un chiste, representar ou reproducir obras nas que personaxes ou situacións estean relacionadas co terrorismo, ...

Por todo isto, sumarémonos á convocatoria das Marchas da Dignidade de Ferrolterra para realizar unha concentración de protesta este sábado 13 de febreiro ás 20:00h na Praza de Armas de Ferrol.

Asociación Cultural Fuco Buxán: Dirección: Rúa Armada Española, 32 baixo - 15406 - Ferrol (A Coruña) |  Apartado Correos: 240 - C.P. 15400 - Ferrol | Telefono: 981325492 | Email:  fucobuxan@gmail.com Visita a nosa web: www.fucobuxan.net | Blog Pensamento Crítico http://opinionsfuco.blogspot.com.es/  | Facebook: http://www.facebook.com/pages/Fuco-Bux%C3%A1n/118931821452749 | Twitter: http://twitter.com/FucoBuxan  | Google+: https://plus.google.com/u/0/108716477794009532670/posts

Enviado por:
A.C. Fuco Buxán Fuco Buxán
-fucobuxan@gmail.com-
13 de fevereiro de 2016 02:02

__________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon