A REVÁLIDA DE 6º DE PRIMARIA
"Sexa cal for o desenlace político da situación que estamos a vivir -novo goberno ou novas eleccións-, o máis sensato e menos gravoso para todos é que o propio goberno en funcións asuma o máis que seguro resultado da votación no Congreso, renunciando a empecer a súa aplicación".NEG súmase aos colectivos de profesorado e familias que reclaman que non se realice a chamada proba de final de etapa de Educación Primaria tal como se contempla na LOMCE e no seu calendario de aplicación.
En primeiro lugar, por non considerármola apropiada para a formación do alumnado. O seu establecemento normativo concreto, feito no Real Decreto 1058/2015, de 20 de novembro (BOE do 28 de novembro), establece esta proba confirmando o seu carácter de “reválida” -denominación que desgusta ou da que foxen tanto o Ministerio como a Consellaría- ou sexa, de volver a validar ou “revalidar” o que se cursou nos seis cursos anteriores. Confírmase o seu carácter de reválida por varias razóns:
- Por realizarse nun momento puntual e único (exame), e non como unha observación continua e procesual, dando por bo que aquel instrumento de avaliación é mais fiable.
- Por ser feita por persoas externas ao centro, como se estas fosen garantes dunha maior obxectividade, e non o coñecemento continuado e en profundidade do alumnado e das súas circunstancias.
- Por ter como resultado unha cualificación individual, o que provoca unha sinalización e un primeiro paso a unha segregación, que se poderá concretar só dous anos despois, ao finalizar segundo da ESO, obrigando nese momento a decantarse por un tipo de matemáticas que marcarán o camiño para elixir un itinerario de estudos despois da ESO (FP ou Bacharelato).
- Por ter outra consecuencia individual que non se explicita, pero que con moita probabilidade consistirá, para aqueles que acaden malos resultados, a da repetición de 6º de Primaria, se non se repetira antes nesta etapa.
Por se isto fose pouco, o anuncio do debate e votación no Pleno do Congreso da primeira proposición de lei da lexislatura, co obxectivo de paralizar o calendario de implantación da LOMCE, que traería con seguridade como mínimo a anulación desta proba, deixa nunha incerteza inadmisible a centros e familias cando está a piques de rematar o curso. Sexa cal for o desenlace político da situación que estamos a vivir -novo goberno ou novas eleccións-, o máis sensato e menos gravoso para todos é que o propio goberno en funcións asuma o máis que seguro resultado da votación no Congreso, renunciando a empecer a súa aplicación. Se, como xa están anunciando, o PP decide dilatar ao máximo os tempos, independentemente do prexuízo que, sen dúbida, ocasionaría, demandamos que, tal e como están facendo outras comunidades autónomas, o goberno galego se formule abordar, no uso das súas competencias, o modelo de avaliación que resulta máis acaído de cara a facer un seguimento completo dos obxectivos do sistema educativo no noso contexto.
Outras comunidades están dando pasos nesta liña, apostando por unha avaliación do sistema no seu conxunto e non reducíndoa á comprobación da adquisición de determinadas competencias por parte do alumnado.
www.neg.gal
Nova Escola Galega
OPINA
Abril de 2016
Nova Escola Galega
· Rúa das Hedras, 4, 2º O · 15895 · Milladoiro - AMES (A Coruña)
Tfno./Fax 981.56.25.77 · Apdo. 586 · www.nova-escola-galega.org · neg@mundo-r.com
Asociación declarada de Utilidade Pública (Orde INT/2335/2008, BOE 5/8/08)
__________
1 comentarios so far
que podemos facer os país que nos negamos a que os nosos fillos fagan o exame de revalida pero que non temos maneira de deixalos na casa?
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon