terça-feira, abril 19, 2016

Xornada aberta de debate na Estrada: "Presente e futuro enerxético da Galiza no contexto europeo", este sábado, 23 de abril, unha xornada aberta para reflexionar sobre os actuais modelos enerxéticos, no Teatro Principal da Estrada e reunirá unha decena de relatores que analizarán a situación actual e exporán novas propostas


Xornada: "Presente e futuro enerxético da Galiza no contexto europeo" (A Estrada, Sábado 23/04). | O GUE/NGL e AGEe desenvolverán o vindeiro sábado, 23 de abril, unha xornada aberta para reflexionar sobre os actuais modelos enerxéticos. | Terá lugar no Teatro Principal da Estrada e reunirá unha decena de relatores que analizarán a situación actual e exporán novas propostas
.

Dende as 10.00 e até as 19.30hrs. deste sábado 23 de abril, o Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), do que Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) forma parte no Parlamento Europeo, desenvolverá a través de AGEe a xornada aberta Presente e futuro enerxético da Galiza no Contexto Europeo [1], que terá lugar no Teatro Principal da Estrada (Pontevedra).

Este espazo informativo e de encontro celebrarase a iniciativa da eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, quen destacou que nestes momentos "estase a dar un debate moi importante a nivel da UE en relación ao modelo enerxético; Juncker quere impulsar nesta lexislatura o Mercado Único Enerxético, unha proposta que vai ter grande impacto en toda a poboación europea pero do que a cidadanía carecemos de información suficiente".

Fai apenas uns días debatiamos en sesión plenaria no Parlamento Europeo sobre a pobreza enerxética na UE, segundo os datos manexados nese debate, nalgúns estados membro o 60% da cidadanía non pode quecer a súa casa axeitadamente e o 33% está a vivir con goteiras e humidades nas paredes.

"Ao igual que o dereito á alimentación debería prevalecer por riba da productividade comercial, todas as persoas deberiamos ter garantido uns mínimos de acceso á enerxía que nos asegure unha calidade de vida óptima", reivindicou a eurodeputada galega. Sen embargo, a día de hoxe "a distorsión dos intereses de mercado é tan grande que atopamos situacións inxustificábeis como que na Galiza, un País produtor de enerxía, moitas persoas non poidan acender a calefacción todo o tempo que precisan no inverno".

Logo da APERTURA a cargo de Lídia Senra e Mar Casais -voceira de Móvete-Movemento Veciñal Estradense e concelleira na Estrada- a xornada, que contará con quenda de mañá e de tarde, estruturarase en torno a catro paneis temáticos.

Encetaremos o debate cunha reflexión sobre O MODELO ENERXÉTICO. VISIÓN GLOBAL DA SITUACIÓN ACTUAL. INSUSTENTABILIDADE E TRANSICIÓN ENERXÉTICA (10.30hrs.), introducida polo Profesor de Economía Aplicada da USC e Vicepresidente de Véspera de Nada, Xoán Doldán e polo investigador da USC e membro de Verdegaia, Miguel Pardellas. A deputada no Parlamento español por En Marea, Alexandra Fernández, será a encargada de realizar a moderación.

A través de Alfons Pérez, encargado de Monitorización das Políticas de Seguridade Enerxética da UE no Observatori del Deute en la Globalització, e ca introdución e moderación de Lídia Senra, achegarémonos á UNIÓN DA ENERXÍA (12:30hrs), como sinalabamos, unha das apostas máis controvertidas e de maior calado da Comisión Europea para a presente lexislatura [2].

A sesión de tarde centraranos no contexto e nas propostas enerxéticas a nivel galego. Será a través das Doutoras en Economía Rosa Regueiro -profesora de Economía Aplicada da Universidade da Coruña- e Natalia Fabra -profesora da Universidade Carlos III e Premio Sabadell-Herrero á investigación económica-. Este panel, que se desenvolverá baixo o título O MERCADO ELÉCTRICO NA GALIZA E NO ESTADO ESPAÑOL NO CONTEXTO EUROPEO. NORMATIVA E DÉFICIT TARIFARIO (16.00hrs), será introducido e moderado polo deputado de AGE no Parlamento Galego, Juan Fajardo.

Antón Sánchez, deputado de AGE tamén no Parlamento Galego, coordenará a derradeira mesa, que a través do título REFORMAS LEVADAS A CABO NOS ÚLTIMOS TEMPOS. OUTRAS EXPERIENCIAS DE COMERCIALIZACIÓN DENDE O COOPERATIVISMO (18:00hrs), centrarase na exposición de experiencias prácticas. Así, coñeceremos o proxecto cooperativo de orixe catalá Som Energía da man da súa presidenta, Ana Marco; e do coordinador de Som Enerxía Galiza, Daniel Espinheira. A continuación afondaremos tamén na traxectoria, obxectivos e funcionamento de Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega, que será presentada polo seu presidente, Pablo Álvarez; e o proxecto cooperativo de orixe vasca Goiener, será dado a coñecer da man do seu director, Santiago Ochoa de Eribe.

Bruxelas, 18 de Abril de 2016.

Notas.-
[1] Adxuntamos cartaz e díptico-programa. | Acceder/Baixar. | Acceder/Baixar.
[2] Información da UE: http://www.europarl.europa.eu/atyourservice/pt/displayFtu.html?ftuId=FTU_5.7.2.html; información crítica: http://www.rosalux.eu/fileadmin/user_upload/energy-union-what-is-behind-it-2015.pdf.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)

Equipa de Comunicación AGEe.
lidia.senra@europarl.europa.eu

http://ageuropa.gal/

twitter  Facebook

Enviado por:

SENRA RODRÍGUEZ Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
18 de abril de 2016 16:11
__________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon