Créase a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, convocando o primeiro acto público: unha manifestación, este sábado, 23 de abril, en Santiago de Compostela a partir da 1 da tarde desde a Praza Roxa até a Praza 8 de Marzo (Porta do Camiño), onde ás 5 da tarde comezará a unha Gala organizada por Refuxiadas Compostela ao que tamén se suma a Rede, baixo o lema "Rachemos coas Fronteiras".
Constituída a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas
Formada por máis de 45 colectivos, a Rede nace para denunciar a política migratoria da UE, mobilizar á cidadanía galega na defensa dos dereitos das persoas refuxiadas, informar sobre a súa realidade e facer incidencia política nas administracións
Nace a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, unha plataforma formada por máis de 45 colectivos, asociacións, ONGD, sindicatos, partidos políticos e persoas individuais que ten por obxectivo mobilizar á cidadanía galega na defensa dos dereitos das persoas refuxiadas, informar sobre a súa realidade, denunciar a política migratoria da UE e incidir politicamente nas administracións. A Rede, aberta a que se sumen outros colectivos, presentouse hoxe, 20 de Abril de 2016, en rolda de prensa.
Baixo o lema, RACHEMOS COAS FRONTEIRAS, NON ÁS GUERRAS, a Rede presentou o seu manifesto no que inclúe demandas dirixidas ao goberno da Xunta, ás administracións locais e ao executivo estatal, para esixir a garantía e o cumprimento dos dereitos das persoas refuxiadas. O manifesto pódese atopar na súa web www.rederefuxiadas.org. Entre as súas reivindicacións, destacan:
Que se revise en profundidade a política migratoria e exterior europea. O modelo de Europa fortaleza está a dilapidar millóns de euros nunha sinistra infraestrutura de vixilancia, disuasión, control, intimidación e violencia mentres elude calquera xestión global que antepoña a vida das persoas. Só abandonando a actual política exterior baseada no lucro imperialista que vulnera a soberanía dos pobos e camiñando cara unha outra centrada na cooperación e na loita contra as desigualdades, poderemos atallar a raíz das crises migratorias e actuar de maneira solidaria perante os seus efectos.
Ampliar e axilizar o sistema de asilo para as persoas que xa están no Estado español e Galicia que actualmente están pendentes de ser atendidas, mediante o reforzo da Oficina de Asilo e Refuxio do Ministerio do Interior e de persoal debidamente formado nas Oficina de Estranxeiría, para conseguir unha maior axilidade nas entrevistas de solicitude.
Que as administracións asuman que son elas as responsables de garantir os dereitos das persoas refuxiadas e promover a súa autonomía. Iso significa que haberá que promover a súa integración facilitando alugueres de pisos, garantido o acceso ao sistema educativo e sanitario, a través da mediación lingüística, etc.
Que a Xunta de Galicia poña a disposición das persoas migrantes e refuxiadas recursos que tamén beneficien ao conxunto das persoas en situación de pobreza e/ou exclusión: recursos sanitarios, de reforzo escolar e educación inclusiva plena, de tradución, de integración e mediación, etc. Para iso, ademais de incrementar os escasos recursos existentes, haberá que promocionar a formación entre as persoas que os atenden e asegurar a coordinación cos xa existentes.
Que se recuperen os fondos de cooperación e os programas de atención á poboación de orixe estranxeira previos aos recortes, imprescindibles para mellorar a situación nos países de orixe e a construír unha sociedade xusta e cohesionada.
O primeiro acto público será a convocatoria dunha manifestación, á que a Rede convida a participar ao conxunto da cidadanía galega, este sábado, 23 de abril, en Santiago de Compostela. A manifestación desenvolverase a partir das 13:00 h con saída na Praza Roxa e final na Praza 8 de Marzo (Porta do Camiño) baixo o lema "Rachemos coas Fronteiras", Non ás Guerras. Ás 17:00 horas, na mesma Praza 8 de Marzo, comezará a Gala Refuxiadas, un acto organizado por Refuxiadas Compostela ao que tamén se suma a Rede.
Realidade das persoas refuxiadas
Nos últimos anos, Galicia acolleu centos de persoas refuxiadas de países como Siria, Cuba, Congo, Costa do Marfil, Irán, territorios Saharauís, Colombia, Ucraína, Kirguizistán, Camerún, Chad... E tamén moitas outras persoas de territorios en conflito que chegaron ao noso territorio en busca dunha vida segura e normal: xente de Mali, Ruanda, Serra Leona, Burkina Faso, O Salvador, Afganistán ou Albania. Persoas que, a pesar de sufrir unha persecución e de que o seu Estado non lles garante a súa seguridade persoal, nunca conseguirán que se lles recoñeza o dereito de asilo por proceder de determinados países.
O peche de fronteiras e a presión producen efectos nefastos. Confirmouse esta semana co naufraxio e desaparición de 400 persoas en Lampedusa, a actual ruta de entrada de persoas que foxen da guerra en Siria despois do acordo entre a UE e Turquía. Unha vía moitísimo máis perigosa que a xa insegura Lesbos. A desesperación sempre supera ao horror. E unha fronteira pechada non vai conter a persoas que foxen dunha guerra.
Por outra banda, é importante destacar que a problemática das persoas refuxiadas non é nova: no Estado español hai xa centos de persoas solicitantes de asilo ás que non se lles está dando resposta. A atención na única Oficinas de Asilo e Refuxio de Madrid, onde se tramitan as solicitudes de asilo, leva anos colapsada. Actualmente, o proceso de obtención do estatus de persoa refuxiada chega a demorarse ata 5 anos, motivo polo cal unha parte importante destas persoas acaban por regularizar a súa situación por outras vías legais como o arraigo social, o cal significa que perden todos os dereitos que establece a Convención sobre o Estatuto das Persoas Refuxiadas, como, por exemplo, o dereito a unha vivenda.
O complicadísimo camiño de conseguir o recoñecemento como persoas refuxiadas ou simplemente permisos para vivir e traballar. A aprendizaxe do idioma. O labirinto de trámites para lograse asistencia sanitaria ou axudas sociais. O acceso a un posto de traballo. O imprescindible apoio psicolóxico que necesitan as persoas que pasaron por situacións traumáticas durante moito tempo... Todos estes recursos son imprescindibles para garantir a medio e longo prazo unha verdadeira acollida ás persoas que solicitan asilo en Galicia.
Santiago de Compostela, 20 de abril de 2016.
O sábado, 23 de abril, a Rede convoca unha manifestación,
desde a Praza Roxaás 13:00hs en Compostela
PARA MÁIS INFORMACIÓN
Sobre a Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas e a situación actual das Persoas Refuxiadas en Galicia e nas portas de Europa.
Web e correo Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas
www.rederefuxiadas.org
rederefuxiadasgal@gmail.com
Foro Galego de Inmigración - Coordinadora de Ferrolterra
ferrol.forogalegoinmigracion@gmail.com
https://www.facebook.com/forodeinmigracionferrolterra2015/
Foro Galego de Inmigración
Rúa San Roque 6-bis. C.P. 15704 - Santiago de Compostela
foroinmigracionsantiago@yahoo.es
http://www.forogi.wordpress.com
Enviado por:
Foro Inmigracion Ferrolterra
-ferrol.forogalegoinmigracion@gmail.com-
20 de abril de 2016 21:13
Hoxe pola mañá tivo lugar a rolda de prensa de presentación da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, á que o Foro Galego de Inmigración está adherido. Poñémonos en contacto con vos co fin de facervos chegar a nota de prensa.
_______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon