Amosando publicacións coa etiqueta Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas. Amosar todas as publicacións

sábado, setembro 30, 2017

Rematou o Prazo: A Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas, convoca mañá sábado 30 de setembro, mobilizacións, coordinando con toda Europa - En Ferrolterra será ás 11:30 na Praza de Armas.


A Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas, convoca mañá sábado 30 de setembro, mobilizacións, coordinando con toda Europa.

En Ferrolterra será ás 11:30 na Praza de Armas.


Convoca a Concentracións en toda Galicia o día 30 de setembro , dado que terminou o prazo para acoller a cota de persoas refuxiadas que lle pertencía ao Estado español. De 17.333 persoas refuxiadas só acolleu 1.983, vítimas de guerra que tiveron que fuxir do seu país e piden refuxio. 1.983 refuxiados é unha cifra miserable, ridícula, para a capacidade que ten un Estado como o español.

O criminal acordo da Unión Europea explica esta situación: os europeos pechamos as nosas fronteiras e enviamos de xeito forzosa á xente para Turquía a campos de concentración dos cales non poden saír.

Somos culpables das mortes do Mediterraneo, conseguindo que miles morresen nos dous últimos anos, mulleres, homes e nenos.

É UNHA CUESTIÓN DE HUMANIDADE, NON PODEMOS CONSENTIR QUE EN ESPAÑA SE INCUMPRAN OS DEREITOS HUMANOS.

http://rederefuxiadas.org

Foro Galego de Inmigración - Coordinadora de Ferrolterra
ferrol.forogalegoinmigracion@gmail.com
https://www.facebook.com/forodeinmigracionferrolterra2015/

Foro Galego de Inmigración
Rúa San Roque 6-bis. C.P. 15704 - Santiago de Compostela
foroinmigracionsantiago@yahoo.es - 981-576 142
http://www.forogi.wordpress.com

Info baseada na enviada por:
susana beatriz alaníz gonzález
-sual259@hotmail.com-
28 de setembro de 2017 22:40
________________

mércores, abril 20, 2016

Constituída a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, ao tempo que convoca unha manifestación e apoia unha gala pública baixo o lema 'Rachemos coas Fronteiras' este sábado, 23 de abril, en Santiago de Compostela


Créase a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, convocando o primeiro acto público: unha manifestación, este sábado, 23 de abril, en Santiago de Compostela a partir da 1 da tarde desde a Praza Roxa até a Praza 8 de Marzo (Porta do Camiño), onde ás 5 da tarde comezará a unha Gala organizada por Refuxiadas Compostela ao que tamén se suma a Rede, baixo o lema "Rachemos coas Fronteiras".

Constituída a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas
               
Formada por máis de 45 colectivos, a Rede nace para denunciar a política migratoria da UE, mobilizar á cidadanía galega na defensa dos dereitos das persoas refuxiadas, informar sobre a súa realidade e facer incidencia política nas administracións

Nace a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, unha plataforma formada por máis de 45 colectivos, asociacións, ONGD, sindicatos, partidos políticos e persoas individuais que ten por obxectivo mobilizar á cidadanía galega na defensa dos dereitos das persoas refuxiadas, informar sobre a súa realidade, denunciar a política migratoria da UE e incidir politicamente nas administracións. A Rede, aberta a que se sumen outros colectivos, presentouse hoxe, 20 de Abril de 2016, en rolda de prensa.

Baixo o lema, RACHEMOS COAS FRONTEIRAS, NON ÁS GUERRAS, a Rede presentou o seu manifesto no que inclúe demandas dirixidas ao goberno da Xunta, ás administracións locais e ao executivo estatal, para esixir a garantía e o cumprimento dos dereitos das persoas refuxiadas. O manifesto pódese atopar na súa web www.rederefuxiadas.org. Entre as súas reivindicacións, destacan:

Que se revise en profundidade a política migratoria e exterior europea. O modelo de Europa  fortaleza está a dilapidar millóns de euros nunha sinistra infraestrutura de vixilancia, disuasión, control, intimidación e violencia mentres elude calquera xestión global que antepoña a vida das persoas. Só abandonando a actual política exterior baseada no lucro imperialista que vulnera a soberanía dos pobos e camiñando cara unha outra centrada na cooperación e na loita contra as desigualdades, poderemos atallar a raíz das crises migratorias e actuar de maneira solidaria perante os seus efectos.

Ampliar e axilizar o sistema de asilo para as persoas que xa están no Estado español e Galicia que actualmente están pendentes de ser atendidas, mediante o reforzo da Oficina de Asilo e     Refuxio do Ministerio do Interior e de persoal debidamente formado nas Oficina de Estranxeiría, para conseguir unha maior axilidade nas entrevistas de solicitude.

Que as administracións asuman que son elas as responsables de garantir os dereitos das persoas refuxiadas e promover a súa autonomía. Iso significa que haberá que promover a súa integración facilitando alugueres de pisos, garantido o acceso ao sistema educativo e sanitario, a través da mediación lingüística, etc.

Que a Xunta de Galicia poña a disposición das persoas migrantes e refuxiadas recursos que tamén beneficien ao conxunto das persoas en situación de pobreza e/ou exclusión: recursos sanitarios, de reforzo escolar e educación inclusiva plena, de tradución, de integración e mediación, etc. Para iso, ademais de incrementar os escasos recursos existentes, haberá que promocionar a formación entre as persoas que os atenden e asegurar a coordinación cos xa existentes.

Que se recuperen os fondos de cooperación e os programas de atención á poboación de orixe estranxeira previos aos recortes, imprescindibles para mellorar a situación nos países de orixe e a construír unha sociedade xusta e cohesionada.

O primeiro acto público será a convocatoria dunha manifestación, á que a Rede convida a participar ao conxunto da cidadanía galega, este sábado, 23 de abril, en Santiago de Compostela. A manifestación desenvolverase a partir das 13:00 h con saída na Praza Roxa e final na Praza 8 de Marzo (Porta do Camiño) baixo o lema "Rachemos coas Fronteiras", Non ás Guerras. Ás 17:00 horas, na mesma Praza 8 de Marzo, comezará a Gala Refuxiadas, un acto organizado por Refuxiadas Compostela ao que tamén se  suma a Rede.

Realidade das persoas refuxiadas

Nos últimos anos, Galicia acolleu centos de persoas refuxiadas de países como Siria, Cuba, Congo, Costa do Marfil, Irán, territorios Saharauís, Colombia, Ucraína, Kirguizistán, Camerún, Chad... E tamén moitas outras persoas de territorios en conflito que chegaron ao noso territorio en busca dunha vida segura e normal: xente de Mali, Ruanda, Serra Leona, Burkina Faso, O Salvador, Afganistán ou Albania. Persoas que, a pesar de sufrir unha persecución e de que o seu Estado non lles garante a súa seguridade persoal, nunca conseguirán que se lles recoñeza o dereito de asilo por proceder de determinados países.

O peche de fronteiras e a presión producen efectos nefastos. Confirmouse esta semana co naufraxio e desaparición de 400 persoas en Lampedusa, a actual ruta de entrada de persoas que foxen da guerra en Siria despois do acordo entre a UE e Turquía. Unha vía moitísimo máis perigosa que a xa insegura Lesbos.  A desesperación sempre supera ao horror. E unha fronteira pechada non vai conter a persoas que foxen dunha guerra.

Por outra banda, é importante destacar que a problemática das persoas refuxiadas non é nova: no Estado español hai xa centos de persoas solicitantes de asilo ás que non se lles está dando resposta. A atención na única Oficinas de Asilo e Refuxio de Madrid, onde se tramitan as solicitudes de asilo, leva anos colapsada. Actualmente, o proceso de obtención do estatus de persoa refuxiada chega a demorarse ata 5 anos, motivo polo cal unha parte importante destas persoas acaban por regularizar a súa situación por outras vías legais como o arraigo social, o cal significa que perden todos os dereitos que establece a Convención sobre o Estatuto das Persoas Refuxiadas, como, por exemplo, o dereito a unha vivenda.

O complicadísimo camiño de conseguir o recoñecemento como persoas refuxiadas ou simplemente permisos para vivir e traballar. A aprendizaxe do idioma. O labirinto de trámites para lograse asistencia sanitaria ou axudas sociais. O acceso a un posto de traballo. O imprescindible apoio psicolóxico que necesitan as persoas que pasaron por situacións traumáticas durante moito tempo... Todos estes recursos son imprescindibles para garantir a medio e longo prazo unha verdadeira acollida ás persoas que solicitan asilo en Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2016.
O sábado, 23 de abril, a Rede convoca unha manifestación,
desde a Praza Roxaás 13:00hs en Compostela
Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas: A Cova da Terra, ADEGA, AGARESO, Anova- Irmandade Nacionalista, Arquitectura sen Fronteiras, Asociación Arela, Asemblea de Cooperación pola Paz, Asociación Cultural Fuco Buxán, AGAMME, Asociación de Mulleres Cristiás Galegas, Bloque Nacionalista Galego, CERNA, CCOO, Compostela Aberta, Confederación Intersindical Galega, Coordinadora de Crentes Galeg@s, Coordinadora Galega de ONGD, CUT, Decide en Común, Ecos do Sur, Entreculturas, Esquerda Unida, Farmamundi, Fundación Amaranta-Delegación Galicia, Fundaçom Artábria, FISC Galicia, Foro Galego de Inmigración, Grupo de apoio as pesoas refuxiadas de Redondela, InteRed Galicia, Manos Unidas Galicia, Marea Atlántica, Marcha Mundial das Mulleres de Ferrolterra, Médicos do Mundo, Miradas al Mundo, Mundo sen Guerras e sen Violencia, Partido Humanista, Partido Socialista de Galicia, Paz e Solidariedade, Plataforma polo Emprego, Podemos Galicia, Refuxiadas Compostela, Solidariedade Internacional de Galicia, SOS Racismo Galicia, Stop Desahucios Compostela, Terra de Homes, Viraventos, Xuventude Comunista

PARA MÁIS INFORMACIÓN

Sobre a Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas e a situación actual das Persoas Refuxiadas en Galicia e nas portas de Europa.

Web e correo Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas
www.rederefuxiadas.org
rederefuxiadasgal@gmail.com

Foro Galego de Inmigración - Coordinadora de Ferrolterra
ferrol.forogalegoinmigracion@gmail.com
https://www.facebook.com/forodeinmigracionferrolterra2015/

Foro Galego de Inmigración

Rúa San Roque 6-bis. C.P. 15704 - Santiago de Compostela
foroinmigracionsantiago@yahoo.es
http://www.forogi.wordpress.com

Enviado por:
Foro Inmigracion Ferrolterra
-ferrol.forogalegoinmigracion@gmail.com-
20 de abril de 2016 21:13
Hoxe pola mañá tivo lugar a rolda de prensa de presentación da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, á que o Foro Galego de Inmigración está adherido. Poñémonos en contacto con vos co fin de facervos chegar a nota de prensa.
_______________