xoves, abril 28, 2016

E xa son tres, as sentenzas do Tribunal Supremo contra Reganosa, con esta última, do 25 de Abril de 2016, que anula as resolucións que aprobaban o proxecto de execución de instalación da planta de gas en Punta Promontoiro (Mugardos)

Tags


E xa son tres, as sentenzas do Tribunal Supremo, con esta última, do 25 de Abril de 2016, que anula as resolucións que aprobaban o proxecto de execución de instalación da planta de gas de Reganosa.

Trata-se da Sentencia 889/2016 do TS Sala do Contencioso-Administrativo Sección Terceira, que falla sobre o Recurso de Casación Número 2175/2013, interposto polas entidades veciñais pertencentes ao Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol, contra a Sentencia ditada pola Sección Sexta da Sala do contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, datada en 30 de Abril de 2013 no Recurso Contencioso-Admisitrativo número 966/2004, sendo partes recurridas a Administración Xeral do estado e Reganosa.

Polo tanto a Sentencia do TS (889/2016), agora fallada, ven anular a Resolución da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas de 13 de Febreiro de 2004, pola que se aprobaba o proxecto de execución das instalacións da planta de recepción, almacenamento e regasificación de GNL de Mugardos (Reganosa) e contra a Secretaría de Estado de Enerxía que confirmou a citada Resolución da Dirección Xeral o 13 de Decembro de 2014.

En resumo Reganosa ten anuladas por sentenzas firmes do TS, a modificación puntual do PXOM de Mugardos sobre o que se construíu a planta regasificadora, a Autorización Previa de Instalación da Planta de Gas e por último, agora tamén, o proxecto de execución das instalacións da planta de recepción, almacenamento e regasificación de GNL de Mugardos. Polo tanto todo o despropósito gasista, non só é altamente perigoso, senón que está baseado en resolucións ilegais que foron declaras nulas de xeito irrevogábel polo Tribunal Supremo, máxima instancia xudicial que dioua sentenzas firmes e inapelábeis.


Mañá venres, 29 de Abril, reúne-se o Comité Cidadán de Emerxencia para analizar a situación e acordar os novos pasos a dar na loita contra este despropósito gasista, construído coa complicidade de políticos sen escrúpulos que nos instalaron unha planta de gas no corazón da nosa Ría que nos ameaza todo-los días, aumentando exponencialmente esta ameaza, sempre que entra na Ría un buque, cargado con gas natural licuado (GNL/LNG) para a perigosa e ilegal planta regasificadora de Reganosa en Punta Promontoiro, encostada ao complexo petroquímico do Grupo Tojeiro (Forestal del Atlántico, Imegalsa, ...).

As tres sentenzas firmes do TS contra Reganosa:

  • Sentenza 889/2016 do Tribunal Supremo. Sala do Contencioso-Administrativo. Sección: Terceira. 25.04.2016 | Acceder/Baixar. (Recorrían as entidades ligadas ao Comité Cidadán de Emerxencia).
  • Sentenza 695/2016 do Tribunal Supremo. Sala do Contencioso-Administrativo. Sección: Terceira. 28.03.2016 | Acceder/Baixar. (Recorrían as entidades ligadas ao Comité Cidadán de Emerxencia)
  • Sentenza do Tribunal Supremo. Sala do Contencioso-Administrativo. Sección: Quinta. 11.05.2012| Recurso de Casación Núm. 4512/2008 | Acceder/Baixar. (Recorrían Reganosa e o Concello de Mugardos).
Enlaces de referencia:

Comité Cidadán de Emerxencia
para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

Información baseada na enviada por:
Comite Cidadan de Emerxencia

-comitecidadan@gmail.com-
14 de abril de 2016 00:01
_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon