venres, abril 15, 2016

O Parlamento Europeo debateu na mañá do 14 de Abril a aplicación de medidas para paliar o empobrecemento enerxético da poboación - Lídia Senra: “Basta de hipocrisía! Para acabar ca pobreza poñan fin á concentración da riqueza”


Lídia Senra: “Basta de hipocrisía! Para acabar ca pobreza poñan fin á concentración da riqueza”. | O Parlamento Europeo debateu na mañá de hoxe a aplicación de medidas para paliar o empobrecemento enerxético da poboación. | Segundo datos do ano 2013, o 16,7% da poboación da Unión Europea está en risco de pobreza e o 9,6% padece privación material grave.


Esta mañá o Parlamento Europeo procedeu ao debate en sesión plenaria en Estrasburgo (Francia) do Informe sobre a consecución do obxectivo de loita contra a pobreza á  luz do aumento dos gastos das familias, un intercambio de opinións que, ao estilo institucional europeo, remitía a medidas paliativas en lugar de preventivas, eludindo na maioría das intervencións a propia responsabilidade da Unión Europea (UE) no empobrecemento da poboación a través da imposición de medidas de austeridade.

Como sinala o informe tomado como base para o debate, entre o ano 2008 e o 2013 o número de persoas empobrecidas na UE incrementouse en 5,6 millóns de persoas, atopándose no ano 2013 o 16,7 % da poboación en risco de pobreza e o 9,6 %, en situación de privación material grave. Na Galiza, o 20,8% dos fogares chega con moita dificultade a fin de mes (INE 2015) e o 18% dos fogares en Galiza vense na obriga de gastar máis do 10% dos seus ingresos en pagar as facturas de enerxía [1].

A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, Lídia Senra, sinalou que son precisamente as políticas de austeridade e as recomendacións do semestre europeo para os pobos do sur “as causantes do aumento da pobreza e da exclusión social”, constituíndo “unha forma de violencia contra as persoas e vulnerando os dereitos humanos”.

Así, dirixiuse á Comisaria de Emprego, Asuntos Sociais, Capacidades e Mobilidade Laboral, Marianne Thyssen, presente no hemiciclo, recriminándolle que acuda ao pleno “a vender declaracións de intencións” para loitar contra a pobreza en Europa, mentras as políticas da Comisión “seguen  provocando destrución de traballo nas empresas, na agricultura e na pesca; redución dos salarios e o aumento das e dos traballadores pobres; que a xuventude, a pesar de ter mais e mellor formación, non atope traballo e que moitas famílias segan perdendo a súa vivenda”.

Aliás, continuou, a imposición de medidas de austeridade que conlevou facer pagar á cidadanía as perdas xeradas pola especulación do sector financieiro en connivencia cos gobernos, supuxo “o empeoramento da calidade de servizos públicos como a sanidade ou o ensino”. No caso concreto da sanidade, abondou, “incluso provoca que moitas persoas non teñan acceso a ela ou ter que agardar moitísimos meses para realizar probas médicas”.

Por iso, Comisaria, se realmente vostede e o Sr. Juncker queren loitar contra a pobreza, comecen por poñer  fin á concentración da riqueza”, espetou; “non é admisíbel que só vinte persoas no Estado español acumulen unha riqueza equivalente á do 30% da poboación máis empobrecida”. “Abandonen xa as políticas de austeridade, fagan políticas a favor do emprego e poñan en marcha desde xa a Renda Básica Universal”, esixiu a eurodeputada galega.

Bruxelas, 14 de Abril de 2016

Avance Informativo sobre a actividade da eurodiputada nos vindeiros días:
  • [1] Dende as 10.30 e até as 19.30hrs. de mañá, sábado 16 de abril, o Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), do que Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) forma parte no Parlamento Europeo, desenvolverá a través de AGEe a xornada aberta “As figuras de protección medioambiental da Unión Europea en zonas de montaña”, que terá lugar na Casa da Cultura da Pobra de Trives -Auditorio Julio Vázquez- (Ourense). | Ir a Web.
  • O vindeiro sábado 23 de abril o Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea levará adiante, a través de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, as xornadas “Presente e futuro enerxético da Galiza no contexto europeo”, que terán lugar no Teatro Principal da Estrada. | Ir a Web.
---

RELATÓRIO: PROPOSTA DE RESOLUÇÃO DO PARLAMENTO EUROPEU | 25 de Fevereiro de 2016  | PE 569.633v02-00 | A8-0040/2016 | Sobre o cumprimento do objetivo de luta contra a pobreza à luz do aumento dos encargos domésticos. | (2015/2223(INI)) | Comissão do Emprego e dos Assuntos Sociais. | Relator: Tamás Meszerics | Accesar/Baixar. | + Info.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)

Equipa de Comunicación AGEe.
lidia.senra@europarl.europa.eu

http://ageuropa.gal/

twitter  Facebook

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
14 de abril de 2016 11:59
______________ _____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon