venres, abril 15, 2016

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol desenvolve este sábado, 16 de abril, às 12 horas na galería Sargadelos, un Encontro Aberto para presentar o “Proceso Adiante”, coa presenza da súa Portavoz nacional Ana Pontón - O BNG local renovou, en Asemblea, o seu Consello Local, da que saiu eleito como responsábel Carlos Outeiro Baamonde


Este sábado, 16 de abril, o BNG celebra un Encontro Aberto para presentar o “ Proceso Adiante”


O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol desenvolve este sábado, 16 de abril, às 12 horas na galería Sargadelos, un Encontro Aberto para presentar o “Proceso Adiante.

O Proceso Adiante nace do acordo na XV Asemblea Nacional do BNG de iniciar un proceso de refundación do Bloque Nacionalista Galego. Pretende sumar homes e mulleres que sen ser membros da organización comparten connosco a necesidade de dispormos dunha expresión política propia.

A Portavoz nacional do BNG Ana Pontón, canda ao Portavoz municipal Iván Rivas e o Responsábel Local Carlos Outeiro, presentarán este foro de análise e reflexión posto en marcha coa finalidade de actualizar, reforzar e relanzar o proxecto nacionalista galego mediante un proceso de debate aberto encamiñado a ofrecer á sociedade un proxecto político sólido, con maior capacidade de incidencia social e de transformar positivamente o noso país en proveito da súa xente.

Desde o BNG procuramos con este debate aberto realizar unha reflexión transversal sobre a necesidade de forzas políticas propias como alternativa política para este país. Faremos unha radiografía da Galiza de hoxe para actualizar as nosas principais análises e diagnoses sobre a situación económica, política, social, lingüística ou cultural.

Así mesmo, recolleremos propostas sobre melloras na estratexia política do nacionalismo galego; revisaremos cales deben ser as principais ideas que debemos comunicar e como debemos facelo. Mesmo estará en debate a estrutura do BNG na procura do modelo organizativo máis útil para defender os intereses galegos nas vindeiras décadas.

Máis información sobre este proceso na seguinte ligazón:
http://adiante.gal/

---

O BNG DE FERROL RENOVOU O SEU CONSELLO LOCAL

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol procedeu a renovar a súa dirección local nunha asemblea celebrada o pasado 17 de Marzo de 2016, un proceso enmarcado na XV Asemblea Nacional da formación, e do que saíu electo como responsábel local Carlos Outeiro Baamonde [*].

Ademais de Carlos Outeiro o novo Consello Local do BNG estará formado por Roberto Montero (Vice-Responsábel), Eva Espiñeira, Iván Rivas, Dolores Prieto, Ramón Fernández, Xoán Xosé Lourenzo, Pedro Fernández, Luisa Sánchez, Ladislau Rodríguez, Elia Rico, Miguel Anjo González e Iolanda Gómis.

Desde o BNG sinala que co impulso da recente Asemblea Nacional, en breve abriremos à sociedade o proceso de refundación, de adaptación da organización ás necesidades actuais do obxectivo de sempre, sermos útiles a Galiza.

Nesta asemblea, tamén se analizaron as liñas de traballo que o BNG vai desenvolver a nivel local nos vindeiros meses e resaltouse a importancia política do traballo do BNG resaltando que os debates sobre os problemas estruturais da nosa localidade están presentes cando son formulados pola nosa organización.

bngferrol@gmail.com

O BNG de Ferrol no facebook  ou no twitter.

http://bng.gal/ferrol/

[*] Carlos Outeiro Baamonde, enxeñeiro, traballador de Navantia e técnico de medio ambiente. Ligado á defensa da lingua e ao ecoloxismo desde hai moitos anos. Tamén desenvolveu actividade sindical ligada á sección sindical da CIG no estaleiro. Activista da Mesa para a Normalización Lingüística, das plataformas cidadáns 'Queremos Galego' e 'Nunca Máis' e de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza). Manten unha conta de facebook.

Información baseada na enviada por:
BNG
-bng@ferrol.es-
14 de abril de 2016 12:56
___________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon