xoves, maio 26, 2016

Defendemos no Parlamento Europeo que non se debe pagar a débeda, polo que ten de ilexítima, ilegal e odiosa - Lídia Senra no Parlamento Europeo que está en sesión plenaria en Bruxelas, os 25 e 26 de Maio - Vídeo resumo da xornada "Débeda pública: O impacto do memorando da Unión Europea", celebrada en Compostela o 21 de Maio


Até as 23.30hrs. de onte, e hoxe entre as 08.30 e as 13.30hrs. desenvólvese a sesión plenaria do Parlamento Europeo en Bruxelas. | Adiantamos declaracións da eurodeputada de AGEe esta noite na quenda libre de turno de palabra para denunciar a estafa da débeda. | Defendemos no Parlamento Europeo que non se debe pagar a débeda, polo que ten de ilexítima, ilegal e odiosa.


O mércores 25 de maio, de 15.00hrs. a 23.00hrs, e o xoves 26, dende as 08.30 e até as 13.30hrs, o Parlamento Europeo (PE) está en sesión plenaria en Bruxelas [ORDE DO DIA e SEGUIMENTO EN DIRECTO, de 25 a 26 de Maio de 2016 - Bruxelas].

Esta noite, durante a quenda de intervención libre dun minuto de duración, a eurodeputada de AGE, Lídia Senra, referirase á crise da débeda no Estado español -que a día de hoxe supera o 100% do Produto Interior Bruto (PIB)-, identificándoa como "o eixe central das reformas antisociais realizadas polos Gobernos nos últimos anos".

As clases populares estanse a ver abafadas nunha situación na que teñen máis gastos que ingresos, situación que se explica atendendo, por unha banda, á débeda pública e, por outra, ás "políticas neoliberais que nestes últimos anos levaron á deslocalización da produción, á eliminación de postos de traballo, á privatización de empresas públicas e a políticas fiscais regresivas que fan que o Estado ingrese menos”. No ano 2013 o 25% do orzamento do Estado foise para pagar os xuros da débeda.

Durante a súa intervención Senra lembrará que "a pobreza, o desemprego, a precarización laboral e das pensións e a exclusión social non deixan de aumentar". Na Galiza, seis de cada dez fogares teñen dificultades para chegar a fin de mes, e un terzo da nosa mocidade vive en risco de pobreza  ou exclusión social.

Nestes días soubemos que o presidente da Comisión Europea, o conservador Jean Claude Juncker, cómplice necesario na evasión de impostos a través de Luxemburgo cando era Primeiro Ministro, "ten a desvergoña de pedir un novo axuste fiscal de máis de 8.000millóns de euros e ameaza con multa de 2.200 millóns", é dicir, o 0.2% do PIB; "iso si, despois das eleccións no Estado, para podelo empregar como arma política contra a cidadanía no caso de que os resultados non lles gusten".

"Sras. deputadas/os, Sr. Juncker, os pobos do Sul esiximos que deixen de enganarnos", reivindicará Senra en alusión á carta de Rajoy a Juncker filtrada recentemente, unha misiva que para a eurodeputada galega constitúe "unha burla e un engano ás persoas que o próximo día 26 están chamadas a votar no Estado Español".

"Nas seguintes eleccións agardamos a chegada dun Goberno de esquerdas que poña fin á chantaxe e ao negocio duns poucos negándose a pagar a débeda polo que ten de ilexítima, ilegal e odiosa", concluirá.

Para analizar a actual situación económica e debullar propostas de resposta, o pasado sábado 21 de maio o grupo parlamentario da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), do que AGEe fai parte, desenvolveu en Compostela a xornada “Débeda pública. O impacto do memorando da Unión Europea”.

Bruxelas, 25 Maio 2016.


Vídeo resumo da xornada "Débeda pública. O impacto do memorando da Unión Europea". Celebrada en Santiago o 21 de maio do 2016

Existe a débeda? Existe e supera xa o 100% do PIB do Estado español. Pero é xusto que a sociedade pague as súas consecuencias? Non, evidentemente. A débeda é inxusta, non é soberana, a poboación non é responsable dela e sen embargo somos as clases populares quen a estamos pagando coa imposición de recortes nos servizos públicos e para beneficio dunha elite financeira minoritaria privilexiada. Non vale unha reestruturación, se a débeda é ilexítima, o único que se pode aceptar é a súa cancelación. As forzas de esquerda debémolo ter claro.


https://youtu.be/ZT5UIA2JD-0

Vídeo resumo da xornada "Débeda pública. O impacto do memorando da Unión Europea". Celebrada en Santiago o 21 de maio do 2016 e organizada polo GUE/NGL e AGEe, coa participación de Lídia Senra, Éric Toussaint, Xosé Manuel Beiras, David Rodríguez, Iolanda Fresnillo, Joan Tafalla, Esther Duro, Mar Blanco, Ramón Franquesa, Xoán Carlos Carreira, Miguel Quinteiro, Antón Sánchez, María Luisa Lores e Concha Fernández. | Publicado en 24 de Maio de 2016. Canle AGEe Europa.

Máis información:

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

Equipa de Comunicación AGEe:
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Bruxelas:
vera.montotovazquez@europarl.europa.eu
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Galiza:
age.europa.galiza@gmail.com
Xornal dixital de AGEe:
http://ageuropa.gal/

   

Nota.- A foto corrresponde a Intervención da eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa en sesión plenaria do Parlamento Europeo en Estrasburgo Maio de 2016, sobre a situación social en Gambia.


Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
25 de maio de 2016 18:35
__________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon