martes, maio 03, 2016

Dúas sentenzas do Tribunal Supremo declaran ilegal a planta ferrolana e poñen fin en sé xudicial a unha loita popular histórica, co acompañamiento de Patricia Gabeiras, ... Por Raquel Rivera Fernández - Audio dunha entrevista realizada hoxe a Patricia Gabeiras en RNE


Por Raquel Rivera Fernández [*]

03.05.2016

Reganosa ou o triunfo da perseveranza e do estado de dereito. | Dúas sentenzas do Tribunal Supremo declaran ilegal a planta ferrolana e poñen fin en sé xudicial a unha loita popular histórica, co acompañamento de Patricia Gabeiras.

Podería parecer que a través deste título tan clásico propoño-lles unha fábula edificante. Pero aínda que o que lle imos a contar é fabuloso non é ningún conto, senón unha historia xudicial moi real, que tras quince anos de travesía, arriba ao mellor porto; o Tribunal Supremo.

Corría o ano 2001 e a empresa regasificadora REGANOSA decidía situar unha gran planta na ría de Ferrol, ría que aínda que gozaba dunha tradicional actividade industrial derivada dos estaleiros, a súa vida comunitaria estaba envorcada cara ao océano, e del e con el, vivía-se en paz. Este equilibrio medio ambiental e económico, vería-se fortemente alterado ante un xigantesco artefacto perigoso e contaminante, que coa falsa promesa de bonanza económica para a comarca, viña en realidade a cumprir os soños de riqueza dos poderes económicos locais (caciques, conselleiros de caixas de aforros e gobernos). Estes actuaron con método, o seu propio, sempre conscientes da súa superioridade, sobre os cidadáns, e as regras que permiten o xogo pacífico entre todos eles, o Dereito e os seus procedementos.

Ante esta situación a primeira vista "goliatesca", constituíase en 2001 en Ferrol o Comité Cidadán de Emerxencia para a  Ría de Ferrol que, formado por un  grupo de cidadáns diverso de ben e presidido por un vello e nobre Xeral na reserva, o Xeneral Gabeiras, articulou desde entón unha loita asimétrica pero tenaz, pola defensa dos dereitos civís e pola defensa do patrimonio local; tanto cultural (protexendo os usos e costumes económicos das comunidades), como medio ambiental. Esta defensa polos interese locais comunitarios baseábase en algo incontestábel: a radical ilegalidade do proxecto da planta gasificadora. Deste xeito propoñíase unha loita por uns enraizados valores cunha soa ferramenta, a lei. É neste escenario no que a avogada Patricia Gabeiras sumouse á causa presidida polo seu querido pai, asumíndoa desde entón como propia, e como tal, foi realizada de xeito desinteresado desde o seu despacho.

As batallas foron moitas pero a primavera foi xenerosa e trouxo o mellor dos finais a este proceso: o Tribunal Supremo en senllas sentenzas declarou nula de pleno dereito á autorización de construción da Planta de Regasificación de REGANOSA, así como a autorización administrativa previa, esta mediante a sentenza do Supremo de 22 de marzo de 2016. O Alto Tribunal, facendo seus os argumentos do Comité Cidadán, expresa, ademais, que "a aprobación do proxecto de execución queda sen cobertura xurídica", isto é, que é radicalmente ilegal.

Chegados a este punto da historia, o procedente é que a Dirección Xeral de Política Enerxética do Ministerio do Ministerio de Economía acorde a paralización e peche inmediato da planta para o exercicio da súa actividade, a razón do establecido en Lei do Sector de Hidrocarburos. Pero isto é xa outra historia?

E en tanto a xustiza faise efectiva só recordar a todas as persoas que traballaron durante anos xunto ao Comité e que xa non están entre nós. Este éxito do Estado de Dereito será celebrado na súa memoria.

[*] Raquel Rivera Fernández, é Licenciada en Dereito, e na actualidade pertence ao departamento de comunicación do Estudo Xurídico de Gabeiras&Asociados. Investigadora en dereito da cultura no Instituto Interuniverstario para a Comunicación Cultural, docente, xestora cultural e violinista. Coordinadora do Portal Iberoamericano de Dereito da Cultura.

Fonte: Gabeiras&Asociados | 29.04.2016

Foto da cabeceira do artigo de Jorge Meis | Mugardos, a 500 metros os tanques de Reganosa | Abril de 2016.



Audio dunha entrevista realizada hoxe a Patricia Gabeiras en RNE


Entrevista, de hoxe en RNE, a Patricia Gabeiras avogada e asesora xurídica do Comité Cidadán de Emerxencia, sobre as últimas sentenzas do Tribunal Supremo en torno á ilegalidade da Planta de Gas de REGANOSA. | en formato mp3: Escoitar/Baixar.

[*] Patricia Gabeiras Vázquez, Doutora en Dereito pola UNED e a Universidade Carlos III de Madrid (2013). Licenciada en Dereito e Diplomada en asesoría de empresa pola Universidade Complutense de Madrid (1993). Profesora Asociada do Departamento de Dereito Mercantil da Universidade Carlos III de Madrid. Fundadora da Asociación de Usuarios Afectados por Permutas e Derivados Financeiros da cal tamén exerce como avogada, obtendo resultados de público recoñecemento. É a avogada do movimento veciñal, social e ecoloxista opositor a Reganosa e  leva todos os procesos xudiciais do Comité Cidadán de Emerxencia daRía de Ferrol contra Reganosa e conseguiu que o Tribunal Supremo ditara tres sentenzas firmes e inapelábeis contra Reganosa.

Enviado por:
Comite Cidadan de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
3 de maio de 2016 14:32
 http://www.comitecidadan.org/

_____________


As tres sentenzas firmes do TS contra Reganosa:
  • Sentenza 889/2016 do Tribunal Supremo. Sala do Contencioso-Administrativo. Sección: Terceira. 25.04.2016 | Acceder/Baixar. (Recorrían as entidades ligadas ao Comité Cidadán de Emerxencia).
  • Sentenza 695/2016 do Tribunal Supremo. Sala do Contencioso-Administrativo. Sección: Terceira. 28.03.2016 | Acceder/Baixar. (Recorrían as entidades ligadas ao Comité Cidadán de Emerxencia)
  • Sentenza do Tribunal Supremo. Sala do Contencioso-Administrativo. Sección: Quinta. 11.05.2012| Recurso de Casación Núm. 4512/2008 | Acceder/Baixar. (Recorrían Reganosa e o Concello de Mugardos).
A loita contra o despropósito gasista de Reganosa en Ártabra 21.
_________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon