mércores, marzo 08, 2017

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca folga en todos os niveis educativos de Galiza para o día 9 de marzo - En Ferrolterra, Manifestación desde a Praza Amada Garcia diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, ás 11:30hs.


A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca folga en todos os niveis educativos de Galiza para o día 9 de marzo.  “A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público pretende con esta folga asestar un golpe mortal e definitivo á LOMCE e aos recortes no ensino público para restituír os dereitos laborais e salariais do profesorado e mellorar a calidade do ensino mediante una Lei Galega de Educación”, explica o seu portavoz Anxo Louzao.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público considera que unha vez máis é necesario que nos mobilicemos en defensa do ensino público galego, reclamando a derrogación plena da LOMCE e unha lei galega de educación ante a posibilidade de que se elabore un pacto entre as forzas políticas estatais que prexudique gravemente a situación do noso ensino. Este pacto mantería os principios fundamentais da LOMCE e o que é peor, blindaríaos para os vindeiros anos.

Ante o éxito da xornada de folga do 16 de febreiro temos que volver saír á rúa desde unha óptica centrada no país e na súa realidade educativa. En Galiza non sufrimos os recortes do mesmo xeito que no resto do Estado, e o noso ensino ten necesidades específicas pola nosa realidade diferenciada. Por iso é fundamental que a xornada de folga do día 9 sexa todo un éxito.

No entanto, considerando que a derrogación da LOMCE é imprescindíbel a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público acordou convocar folga para o día 9 de marzo en todos os niveis educativos do ensino de Galiza, mantendo as nosas reivindicacións e accións propias que dan continuidade ás que xa vimos realizando, concretadas en manifestacións en diferentes localidades ás 11.30 horas.
A Coruña: Praza de Vigo.
Ferrol: Praza de España.
Lugo: Praza da Horta do Seminario.
Ourense: Subdelegación do Goberno.
Pontevedra: Praza da Peregrina.
Santiago: Alameda.
Ribeira: Diante do IES Nº1.
Vigo Praza América.
MANIFESTO DA PLATAFORMA GALEGA EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO

9 de marzo
Todos e todas á folga!!!

Non á LOMCE!
Non aos recortes!
Lei galega de educación!

Unha vez máis é necesario que nos mobilicemos en defensa do ensino público galego, reclamando a derrogación plena da LOMCE e unha lei galega de educación ante a posibilidade de que se elabore un pacto entre as forzas políticas estatais que prexudique gravemente a situación do noso ensino. Este pacto mantería os principios fundamentais da LOMCE e o que é peor, blindaríaos para os vindeiros anos.

Ante o éxito da xornada de folga do 16 de febreiro temos que volver saír á rúa desde unha óptica centrada no país e na súa realidade educativa. En Galiza non sufrimos os recortes do mesmo xeito que no resto do Estado e o noso ensino ten necesidades específicas pola nosa realidade diferenciada. Por iso é fundamental a participación masiva na folga que a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público acordou convocar para o día 9 de marzo en todos os niveis educativos do ensino de Galiza, mantendo as nosas reivindicacións e accións propias que dan continuidade ás que xa vimos realizando, concretadas en manifestacións en diferentes localidades ás 11.30 horas.

A Plataforma  Galega en Defensa do Ensino Público está comprometida en continuar na loita contra a LOMCE até a súa derrogación definitiva e en paralizar os recortes que están desmantelando o ensino público.

Grazas ás permanentes e importantes mobilizacións  e folgas que levamos a cabo, fomos capaces de paralizar a aplicación das reválidas en 6º de Primaria, 4º de ESO e 2º de Bacharelato. Mais temos presente que a LOMCE segue vixente e as reválidas adiadas, non derrogadas, até coñecer o resultado do “pacto pola educación”.

O PP continúa obstinado na súa aplicación, malia o rexeitamento maioritario e a decisión do Congreso dos Deputados de paralizala. Consideramos, por tanto, que é necesario seguir na loita como única maneira de conseguir a derrogación definitiva da LOMCE, a desaparición das reválidas, a paralización dos recortes no ensino público, a restitución de todos os dereitos que lle foron arrebatados ao profesorado e a mellora do ensino público.

Temos  razóns mais que sobradas para denunciar o engano e a farsa que supón o punto de arranque do chamado “pacto pola educación” proposto polo PP, cuxo obxectivo non é outro que consolidar os principios e fundamentos da LOMCE, revestidos agora da auréola do “pacto pola educación”.

O punto de partida, a concepción do mesmo, o procedemento e os obxectivos que persegue procuran un modelo educativo neoliberal, confesional, cada vez máis españolizado e profundamente mercantilizado, no que a relixión seguirá sendo materia curricular. A privatización continuará mediante os concertos en todos os ámbitos educativos e o ensino será cada vez máis elitista e segregador. Hai que desenmascarar todo esta armazón propagandística que o único que pretende é facer máis presentábel socialmente a aplicación da LOMCE.

Calquera acordo educativo ten que partir, como mínimo, dun amplo debate social e de participación de todas as organizacións e entidades, tanto sociais como políticas, sindicais e educativas.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público exixe:
  • A derrogación da LOMCE e das súas reválidas e a elaboración dunha lei galega de educación.
  • A defensa inequívoca do ensino público, galego, laico, coeducativo e gratuíto.
  • O recoñecemento e asunción da pluralidade nacional, cultural e lingüística do Estado para poder conformar un sistema educativo galego, enraizado na nosa realidade social, cultural, histórica e lingüística.
  • Compromiso de dedicar o 7% do PIB á Educación.
  • A eliminación inmediata das subvencións aos centros que segregan alumnado por razón de xénero, co obxectivo de suprimir os concertos no ensino non obrigatorio e continuar co resto dos concertos educativos para conseguir unha única rede, a pública.
  • Redución das ratios máximas do alumnado por aula: 15 en educación infantil e 20 no restos dos niveis educativos e a  redución destas cando se escolarice alumnado con necesidades especiais.
  • Gratuidade e oferta pública suficiente de prazas en educación infantil de 0 a 3 anos.
  • Derrogación do Decreto 79/2010 de plurilingüismo e elaboración dunha nova norma que garanta a vehiculización do ensino en galego para a plena normalización lingüística.
  • Eliminación da materia de Relixión do currículo escolar.
  • Restitución de todos os dereitos arrebatados ao profesorado -horario, salarios etc.
  • Dotación de suficiente profesorado en todos os niveis educativos que garantan a atención á diversidade e a unha educación adecuada, co persoal necesario, ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Dotación doutro persoal necesario nos centros -persoal coidador, sanitario, educador social, etc.
  • Oferta ampla de emprego e supresión das taxas de reposición para dar resposta ás necesidades de profesorado dos centros e rematar coa precariedade e temporalidade do profesorado.
  • Obrigatoriedade de dotar todos os centros públicos de persoal administrativo.
  • Garantirase a gratuidade dos libros de texto e do material didáctico na educación infantil e obrigatoria e do servizo de comedor escolar.
  • Xestión democrática dos centros, ampliación e mellora da participación do profesorado, elección democrática dos cargos directivos, traslado das competencias pedagóxicas ao claustro e facer do Consello Escolar un órgano colexiado de participación da comunidade escolar. Isto é,  democratizar a escola e xestionala coa participación e corresponsabilidade de todos e todas.
  • Incremento de bolsas de estudo e das súas contías. A carencia de recursos non debe comportar a imposibilidade de estudar.
  • Non á aplicación do 3+2 no ensino universitario por reducir a duración dos graos a 3 anos e os mestrados a 2 anos, que supón, entre outras cuestións, un encarecemento dos estudos universitarios.
  • A modificación lexislativa necesaria para que as ensinanzas artísticas superiores poidan adscribirse á universidade.
  • Elaboración dun plan específico de apoio ao ensino no rural.
  • Un plan de actuación integral nos centros educativos, co obxecto de solucionar todas as carencias e necesidades, e dotalos de todas as dependencias e instalacións precisas, así como tomar a medidas necesarias para evitar calquera risco na saúde da comunidade escolar -amianto, radon, etc.
O 9 de marzo, ás 11.30 horas, participa nas mobilizacións da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público.

Fonte: http://plataformagalegadefensaensinopublico.blogspot.com.es/

________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon