Concentración e xuízo en Ferrol denunciando ao BBVA, por non ter informado ao cliente da posibilidade de acoller-se ao Código de Boas Prácticas e pola contra si iniciou demanda de execución hipotecaria
Este mércores 24 de maio ás 11 da mañá, vai ter lugar nos Xulgados de Ferrol un xuízo contra o BBVA, por non ter informado ao cliente da posibilidade de acoller-se ao Código de Boas Prácticas e pola contra si iniciou demanda de execución hipotecaria. Stop Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra e a PAH de Ferrol e Comarca, convocan unha concentración para apoiar á familia -con menores- afectada e denunciar esta práctica habitual por parte das entidades financeiras. Neste xuízo estarán presentes o avogado José María Erauskin e a avogada Maite Ortiz, do movemento antidesafiuzamentos de Gipuzkoa. Que nos escriben:
"De aí votaremos a Ferrol. Interesante a vista que temos alí A través da Plataforma de Ferrol presentamos demanda fronte a BBVA por canto este non informou a un afectado da zona da existencia do Código de Boas Prácticas, con detalle das medidas que ofrece e os requisitos que esixe. Hai que recordar que as entidades voluntariamente adheridas ao Código están obrigadas a realizar tal comunicación por escrito no momento en que se produce o primeiro non pago, e iso co fin de evitar os procedementos de execución hipotecaria. BBVA non cumpriu con esa obrigación e acudiu directamente á execución hipotecaria. Tendo en conta de que non ofrecer o Código de Boas Prácticas non constitúe unha causa de oposición á execución, vímonos obrigados a acudir a un procedemento declarativo ante o xulgado de instancia e solicitar do xuíz que declare que BBVA non cumpriu coa obrigación que se especifica no artigo 5.9 do Código de Boas Prácticas, que iso causou un dano importante ao noso defendido que agora se ve inmerso nun procedemento de execución hipotecaria no que non debía estar, de cumprir o Banco coa súa obrigación, e solicitamos do xuíz que condene ao Banco a retirar a demanda executiva que ten presentada.Intervención e Moción no Pleno do Concello de Ferrol, reclamando unha implicación do Concello na divulgación Código de Boas Prácticas Bancarias e inste ás entidades financeiras a cumprir a lei
Este procedemento é importante porque si gañamos ábrese unha porta para todos aqueles que foron ou están sendo executados directamente sen que a entidade lles informara da existencia do Código e as súas posibilidades, e iso con independencia de que, posteriormente, o executado non cumprise cos requisitos, pois unha cousa é a obrigación de ofrecelo, e outra cousa é que se xunten os requisitos"
Por outra banda as mesmas entidades antidesafiuzamentos e polo dereito a unha vivenda digna, presentaron unha proposta de moción no Concello, para que se trate no vindeiro pleno deste último xoves de mes, 25 de maio, onde tamén pedimos intervir. Co obxectivo de que o Concello se implique na divulgación Código de Boas Prácticas Bancarias e inste ás entidades financeiras a cumprir a lei informando do mesmo ás persoas da existencia do citado Código, ao que se adheriron voluntariamente a práctica totalidade de entidades financeiras, e que prevé expresamente, entre outras medidas, a moratoria durante cinco anos do préstamo hipotecario pagando exclusivamente o euribor mais un 0,25%. Esta moratoria é de obrigatoria aplicación polos bancos para aquelas persoas que cumpran os requisitos de vulnerabilidade que normalmente son as mesmas que están acudindo aos servizos sociais dos concellos a solicitar a axuda pública. Os bancos están-se aproveitando da situación de vulnerabilidade das persoas e intentan apoderar-se de todo o diñeiro do que podan dispoñer as familias e os seus contornos e mesmo de fondos públicos que podan conceder os concellos en forma de axudas de emerxencia, en lugar de informar por escrito ás familias vulnerábeis do seu dereito a solicitar unha moratoria do seu préstamo hipotecario.
A nosa compañeira Aurelia Teijeiro Carnero, ten solicitado a intervención no Pleno Municipal de Ferrol que está prevista a súa celebración o vindeiro xoves 25 de maio, para denunciar esta situación, pedir unha maior implicación municipal contra os desafiuzamentos e polo dereito a unha vivenda digna e lembrar ao Pleno que fai máis dun ano (25.02.2016) foi aprobada unha moción que declaraba a Ferrol Cidade Libre de Desafiuzamentos (presentada polo BNG e FeC) con medidas e demandas que deberían ter unha acción posterior.
Os concellos son quen tramitan as axudas de emerxencia social e os que están en contacto coas persoas e familias en situación de vulnerabilidade e polo que debería de informar da existencia do Código de Boas Practicas Bancarias á veciñanza, mais sobre todo lembrar-lles aos bancos a súa obriga, segundo o disposto na lei, que teñen de informar da existencia do mencionado Código. Mais tamén poden asesorar e mediar, medida que pedimos na moción.
Documentos anexos.-
Achegamos o texto da proposta de moción. | 3 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.
Detalle da Acta do Pleno Municipal onde está a moción aprobada e reflexa o debate sobre a mesma e a intervención da nosa co0mpañeira Aurelia. | 19 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon