Esther Leira, na Casa do Concello de Ferrol Foto: Jorge Meis |
1. Resolver o problema do saneamento (entendéndoo na súa complexidade, como infraestrutura necesaria e como servizo público que debe ser financiado e dotado economicamente) era un dos fitos máis importantes ao que se enfrontaba esta Corporación. Neste senso, o saneamento marcaba, debería marcar, un punto de inflexión na acción de calquera goberno municipal. Desgraciadamente a boa nova do inicio da depuración da ría non está acompañada dunha proposta do Goberno municipal en canto a unha proposta de taxa xusta, transparente e axustada a un servizo público.
2. O Goberno municipal, e o alcalde, veñen actuando con enorme torpeza. O camiño percorrido é todo o contrario ao trazado polo programa de FeC que, polo demais, é moi similar ao de outras candidaturas que concorreron ás eleccións municipais e que se caracterizaron por chegaren a acordos e unidade de acción cando o anterior goberno impuxo unha taxa de maneira escurantista e fraudulenta na medida en que se pretendía cobrar por un servizo que non se estaba a prestar.
3. A transparencia na información e a participación cidadá acompasada na toma de decisións políticas compartidas e sustentadas en maiorías suficientes nos plenos deberon ser desde o primeiro minuto moeda corrente. E non foi así. Foi todo o contrario. Hoxe por hoxe a cidadanía ten tal grao de confusión que case é inútil que o Goberno se explique: ninguén entende de que fala porque ninguén pode entender a alguén que afirma algo e o seu contrario practicamente ao mesmo tempo. Debeu haber unha Audiencia pública con información detallada do problema, por exemplo. Houbo todo o contrario.
4. O personalismo e o caudillismo son malos conselleiros. Non é verdade que fora imposible chegar a acordos para elaborar unha taxa diferente á suspendida. Púidose facer dende hai moitos meses. Só facían falta cousas elementais: ter vontade política para chegar a acordos vinculando a problemática da taxa a unha actuación decidida a respecto de Emafesa e o socio privado. Abrir unha mesa de negociación cos partidos e grupos que votaron por Jorge Suárez como alcalde non pode ser un imposible. Falamos dunha mesa de negociación (para estes ou para outros temas) non audiencias en cadea, en alcaldía, de dez minutos contados. O primeiro é algo serio, o segundo é un paripé.
5. A inacción do Goberno durante tantos meses é o motivo polo que podemos afirmar que son eles mesmos os que crearon o seu propio calexón sen saída. A inacción constante por tanto tempo o único que fixo foi facer medrar a bola de neve. Creáronse eles mesmos un problema de responsabilidade societaria gravísimo no persoal e igualmente grave para o conxunto da cidadanía de Ferrol. As consecuencias para o erario público e para a veciñanza de Ferrol están aínda sen cuantificar pero debería o señor Jorge Suárez non demorarse moito en dar conta de toda a información da que dispón, de todos os informes que recibiu e do conxunto da problemática financeira que creou.
6. A decisión de facerlle ao PP a oferta para que sexa el quen os acompañe na aprobación da taxa é dunha gravidade inaudita. Marca un antes e un despois e fai que sexa moi difícil buscar unha saída política a esta situación de desgoberno sobre a base do entendemento dunha maioría de trece votos, os que levaron a Jorge Suárez á Alcaldía. As persoas críticas co rumbo do Goberno municipal xa non podemos agardar máis tempo. Tiñamos previsto a convocatoria dunha asemblea constituínte para finais de ano pero decidimos adiantala para o 28 de outubro. Alí analizaremos moi polo miúdo estes e outros despropósitos deste goberno e, sobre todo, poñeremos en marcha unha alternativa que recupere todo o que Jorge Suárez e o seu grupo están tirando pola borda.
Ferrol, 6 de outubro de 2017
Asdo. Esther Leira Penabda
eleira@ferrol.es
Concelleira non adscrita.
Enviado por:
esther leira
-estherleira@gmail.com-
6 de outubro de 2017 13:54
_________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon