xoves, outubro 19, 2017

Chamamento a unha gran mobilización o vindeiro domingo 22 de outubro en Compostela, ás 12 do mediodía: Paremos a #LeiDepredacionGaliza


Paremos a #LeiDepredacionGaliza

Lei de Fomento da Implantación das Iniciativas Empresariais en Galicia = Lei de Depredación

MANIFESTACIÓN NACIONAL
Día: Domingo 22 de outubro.
Hora, 12 do mediodía.
Lugar: Na Alameda de Santiago de Compostela.
Convoca: Plataforma contra a Lei de Depredación de Galiza.


Onte, día 17 de outubro de 2017, en plena catástrofe ambiental cunha onda de incendios arrasando o país, o (des)Goberno Galego deu prioridade a utilizar a súa maioría absoluta no Parlamento Galego para aprobar e impor a Lei de Depredación de Galiza. Fixérono no mesmo pleno no que o Presidente da Xunta se negou a falar dos incendios e a dar contas pola xestión da vaga de lumes destes días, e mesmo retirando a palabra aos deputados da oposición. Pasaron por riba de todo.

Outra vez, como sistematicamente acontece, esa maioría absoluta do PPdG serviu para a imposición da súa visión destrutiva e depreciativa do país, atendendo aos intereses dos lobbies empresariais en vez dos intereses das galegas e galegos. Outra vez se fixo sen ningún debate social ou tan sequera parlamentar, facendo ouvidos xordos do clamor do pobo que din representar, negando calquera diálogo, argumentación ou matización. En vez diso, aínda incorporaron na Lei da Depredación emendas que a empeoran! Estamos ante un goberno totalitario que pasa por riba do pobo e goberna contra o pobo e contra o país.

Esta lei é a posta en venta de Galiza a prezo de saldo, vendida para ser destruída. É a lei de implantación da destrución do medio ambiente e das nosas paisaxes. Da implantación definitiva do modelo de privatización e espolio da nosa terra e dos nosos recursos. Da eliminación dos últimos controis e garantías que podían impedir tanta desfeita. Da implantación do exterminio do noso rural e da expulsión dos seus poboadores. Da eucaliptización, do extrativismo salvaxe da megaminaría, da industria nociva, do corrupto e ineficiente modelo de espolio enerxético, dos monopolios empresariais dos seus amigos. Da aceleración dos procesos de exterminio do noso país e da nosa cultura. En definitiva, esta lei é a lei de implantación do terrorismo ambiental contra todos nós. Olla ao teu redor, sabes do que falamos.

Mais aquí estamos nós. Existimos. Non teñen que darnos a voz, porque a voz xa é nosa. Nós temos a palabra, a conciencia e as máns. Esas mesmas coas que xa temos apañado chapapote e berrado Nunca Máis. Esas mesmas mans estes días collemos baldes de auga en cadeas humanas e rompemos o silencio oficial saíndo á rúa berrando "lumes nunca máis!!". Como sempre facemos, pois non somos tan pasivos e obedientes como nos queren facer crer. Teñamos memoria e lembremos como plantaron cara ao poder os movementos agraristas mantendo o comunal; as loitas en pleno franquismo en Baldaio, nas Encrobas, contra os encoros, as nucleares, ou os vertidos na foxa atlántica. Lembremos a desobediencia civil contra a cota empresarial e as tratoradas. Lembremos que somos capaces de pararlle os pés ao Álvarez Cascos en Rinlo ou a Edgewater en Corcoesto. Teñamos presente a DIGNIDADE e a LOITA tantas veces mostrada por este pobo, e en especial o papel das nosas mulleres. A pesar das mais terribles circunstancias, aquí estamos.

Somos unha multitude de persoas e colectivos das ideas máis diversas, que deixando de lado as nosas diferenzas nos unimos polo ben común, en defensa da nosa terra e do noso futuro. Outra vez ante as dificultades e as catástrofes ten que erguer o pobo. Non podemos permitir que continúe esta desfeita, este país reducido a cinzas, este totalitarismo e esta corrupción. Non podemos permitir que nos paralice o desánimo, a impotencia e a rabia. Non podemos resignarnos e claudicar. É tempo de erguer novamente como pobo unido e solidario e plantar cara a esta triste realidade. É tempo de xuntarnos e organizarnos, de mobilizarnos e tomar as rendas do noso destino dando un xiro que mude o rumbo. É tempo de mudanzas e alternativas. Abandonemos esta tristeza e comecemos a construír outro futuro; ninguén o vai facer por nós.

Este domingo é a ocasión de dar un primeiro paso saíndo á rúa en Compostela, e insurrectos, berrarmos que Galiza di non á Lei da Depredación! É ocasión de mostrarmos civicamente que non aceptamos xa máis imposicións, que non imos permitir que a Galiza continúe a arder, e que non imos permitir a implantación de máis desfeitas.

Non nos rendemos nin aceptamos unha lei que carece de lexitimidade. Como tampouco aceptamos o sistema corrupto e depredador que está detrás dos incendios.

18 de outubro, de 2017

#LeiDepredacionGaliza

Evento no facebook.

Web:

http://www.contraminaccion.org/depredacion/

http://www.contraminaccion.org/
_________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon