mércores, outubro 18, 2017

Pronunciamento da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores Agamme, ao respecto do debate no Parlamento Galego da ILP para a probación dunha lei galega de custodia compartida - A asociación considera que a aprobación da lei supoñería un paso atrás na loita contra o maltrato infantil e contra a violencia de xénero

Foto de portada do informe "Ollos que non queren ver", publicado por
Save the Children o 20 Setembro de 2017 , feita por Alba Lajarín.
Agamme, Asociación Galega contra o Maltrato a Menores, posiciónase en contra da ILP que propón a aprobación dunha lei galega de custodia compartida.

Agamme dirixiuse aos grupos parlamentarios para manifestar a súa inquedanza pola apertura do debate sobre a custodia compartida como opción preferente e para manifestar que unha lei destas características supón un risco para os nenos e nenas que sofren maltrato no ámbito familiar e/ou violencia de xénero e un paso atrás nos dereitos da infancia e adolescencia.

A asociación considera que a lei poñería en situación de maior vulnerabilidade aos nenos e nenas que sofren violencia no ámbito da familia por dous motivos: en primeiro lugar porque segue a existir unha gran falla de medios que permitan investigar adecuadamente os delitos cometidos contra nenos e nenas, o cal se traduce en que a inmensa maioría das denuncias non cheguen nin sequera a xuízo. Neste sentido apuntan os datos do informe recentemente publicado por Save the ChildrenOjos que no quieren ver”, sobre o abuso sexual. Segundo a ONG o 70% das denuncias quedan en fase de instrucción. Nestas condición, considerar necesaria unha condena firme para evitar a custodia compartida é evidentemente un risco para moitos nenos e nenas con situacións reais de maltrato que o sistema xudicial non chega a enxuiciar. Outro tanto sucede en situación de violencia de xénero. O perigo secundario desta realidade é que as mulleres atoparán dificultades engadidas á hora de decidirse a dar o paso da denuncia, por temor a que os fillos e fillas se atopen a soas ante o agresor.

Deste xeito, a aprobación da lei supoñería un paso atrás na loita contra o maltrato infantil e contra a violencia de xénero.

Por outra banda, Agamme lembra que un dos principios fundamentais da Lei de Protección Xurídica do Menor, do ano 96’, é a consideración do neno ou nena como suxeito de dereito, como parte activa nos asuntos que lle competen. Aplicar a custodia compartida de maneira prioritaria é tirar por terra este principio. Non existe unha fórmula maxistral aplicable a todos os casos, o Comité de Dereitos do Neno e da Nena, de Nacións Unidas, aclara que o interese superior debe ser estudado en cada caso, cada neno e cada nena ten a súa propia idiosincrasia que debe ser analizada coidadosamente para o seu benestar. Ademais o Comité considera imprescindible que o neno ou nena poida participar no procedemento a través do cal se toman decisións sobre asuntos que lle competen. É dicir, o neno ou a nena debe ter a oportunidade de ser escoitado ou escoitada.

Polo tanto, a aprobación dunha lei de custodia compartida significaría ignorar o marco internacional de dereitos dos nenos e das nenas por negarlles o dereito a que se considere o seu particular interese superior e a ser parte do procedemento a través do dereito a ser escoitados ou escoitadas.

Agamme reunirase en breve cos grupos parlamentarios para deixar constancia dos seus argumentos e do seu interese en participar no debate, como entidade a prol dos dereitos da infancia e da adolescencia

No nome da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores - Agamme

Estrela Gómez Viñas e Víctor M. López Casal

agammeferrol@gmail.com
http://agamme.org/
Tamén no Twitter e no Facebook.

Informe "Os Ollos que non queren ver - Os abusos sexuais a nenos e nenas en España e os fallos do sistema" | Save the Children - En formato pdf, 160 páxinas - en español | Acceder/Baixar.

Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
18 de outubro de 2017 12:09

__________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon