domingo, outubro 29, 2017

Cumprimentos, ... Por Xosé María Dobarro

A primeira edición da constitución do 78, aínda co escudo da ditadura
Por Xosé María Dobarro [*]
29.10.2017


O 6 de decembro de 1978 fun unha das ao redor de 1.400.000 persoas que votarmos non no referendo de ratificación da Constitución Española, que foi, naturalmente, aprobada con menos do 60% do censo electoral. Para que molestarse, se todo está máis que arranxado?, dicían. Podían ter razón, mais eu pensaba que debía manifestar o meu rexeitamento a aquel texto que, despois de telo lido coa debida atención tres ou catro veces, non me ofrecía as suficientes garantías de que as cousas fosen cambiar na medida en que era necesario facelo despois de varias décadas de humillante ditadura. Non acababa de entender a que consideraba postura conformista do Partido Comunista, comandado por Santiago Carrillo, pedindo o si. Como non estaba afiliado, non tiña a obriga de acatar outra disciplina que non fose a do meu entender. Que, obviamente, foi o que fixen. Por riba, firmemente convencido. O ditador Franco morrera, mais non o franquismo. O texto constitucional, desde logo, non expedía o certificado da súa defunción. E aí radicaba o substancial do meu voto negativo. O artigo 1.3. dicía, e di, que “A forma política do Estado español é a monarquía parlamentaria” e todo o mundo sabía, ou debería saber, que o ditador nomeara o seu sucesor por medio da Ley 62/1969, de 22 de xullo, que, no seu artigo primeiro di: “Al producirse la vacante en la Jefatura del Estado, se instaurará la Corona en la persona del Príncipe Don Juan Carlos de Borbón y Borbón, ...”. É evidente, que o texto constitucional tiña, e segue a ter, aspectos moi positivos. Reparemos nestes dous: “Artigo 35.1. Todos os españois teñen o deber de traballar e o dereito ó traballo, á libre elección de profesión ou oficio, á promoción a través do traballo e a unha remuneración suficiente para satisfaceren as súas necesidades e as da súa familia, sen que en ningún caso se poida facer discriminación por razón de sexo".

"Artigo 50. Os poderes públicos garantiranlles, mediante pensións axeitadas e periodicamente actualizadas, a suficiencia económica ós cidadáns na terceira idade. Tamén, e con independencia das obrigas familiares, promoverán o seu benestar mediante un sistema de servizos sociais que atenderán os seus problemas específicos de saúde, vivenda, cultura e lecer”. Mais, hai quen pense que isto se está a cumprir?

Publicado no Diario de Ferrol. | 29 de Outubro de 2017.

[*] Xosé María Dobarro Paz (Ferrol, 1950), escritor, articulista, profesor, activista cultural e político. Na súa xuventude militou no PCG, e posteriormente no nacionalismo-popular galego, sendo militante da UPG e foi Presidente da Sociedade Cultural Medulio e divulgador da figura de Ricardo Carvalho Calero. Foi catedrático de Lingua e Literatura Galega na Universidade da Coruña. Na actualidade no PCG e foi coordinador comarcal de Esquerda Unida.
_________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon