luns, novembro 27, 2017

34 persoas de 18 colectivos diferentes de defensa do monte viaxarán ao Parlamento Europeo o 6 e 7 de decembro a proposta da eurodeputada galega Lídia Senra, onde denunciarán o desleixo da Xunta, que en conivencia cos intereses da industria celulosa, non está a protexer os xacementos arqueolóxicos Iniciativa para sensibilizar á UE da destrución de patrimonio galego que está provocando o eucalipto


Iniciativa para sensibilizar á UE da destrución de patrimonio galego que está provocando o eucalipto. | 34 persoas de 18 colectivos diferentes de defensa do monte viaxarán ao Parlamento Europeo o 6 e 7 de decembro a proposta de Lídia Senra. | Denunciarán o desleixo da Xunta, que en conivencia cos intereses da industria celulosa, non está a protexer os xacementos arqueolóxicos.

A eurodeputada galega Lídia Senra promoverá unha serie de actividades encamiñadas a internacionalizar no Parlamento Europeo a problemática de eucaliptización que sofre o patrimonio galego. Así o anunciou este venres pola mañá, durante unha rolda de prensa que deu en Santiago, acompañada polo presidente da Asociación Mariña Patrimonio, Manuel Miranda Ruíz. Senra explicou que un total de 34 persoas pertencentes a 18 colectivos diferentes de defensa do patrimonio cultural, arqueolóxico e natural, ecoloxistas, arte rupestre e montes viaxarán até Bruxelas os días 6 e 7 de decembro para denunciar no ente comunitario a situación de ameaza que está a provocar o monocultivo de eucalipto na nosa terra.

A europarlamentaria explicou que a visita foi pensada tendo en conta que o próximo ano, 2018, será declarado pola UE como o Ano Europeo do Patrimonio Cultural e, neste contexto, é un bo punto de partida que se poña en valor o patrimonio cultural que albergan os nosos montes e que “está ser destruído a consecuencia da falta de interese por parte de quen debería conservalo, que son as Administracións públicas”. “Esta visita é oportuna para contribuír a visibilizar na UE o que pasa na Galiza”, dixo. Así, Senra reclamou que o eucalipto sexa declarado como especie exótica invasora e criticou a resistencia que está poñendo o Estado español no marco do Convenio de Berna do Consello de Europa, en conivencia coa industria forestal, para que isto sexa posible.

Manuel Miranda acusou á industria celulosa do eucalipto de estar provocando unha destrución masiva do patrimonio arqueolóxico, “como demostran os centos de denuncias presentadas nos últimos anos” e tendo en conta que “só se denuncia unha pequena parte do total de agresións”. Neste contexto, Miranda explicou que “queremos informar á UE e denunciar alí o que non está facendo a Xunta aquí para protexer o patrimonio”. “A xunta está mirando para outro lado e está incumprindo o seu deber, tamén moral, de protexer o patrimonio, atendendo aos intereses dunha industria celulosa totalmente insensible e irresponsable”, afirmou. “Os xacementos arqueolóxicos están protexidos pola lei e non se poden danar para plantar eucaliptos nin outras árbores. Polo tanto, a Xunta debe actuar e facer cumprir a lei, algo que non fai”, denunciou.

Para o representante de Mariña Patrimonio, a relación entre a Xunta e a industria celulosa é “como mínimo de corrupción, desleixo e complicidade”. “A sociedade ten claro que a Xunta non actúa na defensa do patrimonio porque hai intereses comúns coa industria celulosa. Din que hai que plantar eucaliptos porque esa industria é moi rendible. Se é así, deberían empregar parte desa rendibilidade en protexer os xacementos arqueolóxicos e non en destruílos”, argumentou. Ante esta situación, defendeu que “non queda outro remedio que que a sociedade civil, as asociacións, actuemos”. “Estamos seguros de que podemos atallar esta desfeita. Hai que esixirlle á Xunta e á industria que cumpran as leis autonómicas, estatais e europeas. Tócanos denunciar publicamente a industria do eucaliptos e explicarlles aos consumidores europeos que estamos ante unha industria que destrúe boa parte do patrimonio europeo”, insistiu.

No grupo de persoas que se desprazarán a Bruxelas para participar desta iniciativa, haberá membros do Sindicato Labrego Galego, do SOS Arte Rupestre Galega, da Sociedade Antropolóxica Galega, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo, do Colado do Vento, de Cousa de Raíces, da Asociación para o Fomento do Deseño Sostible Kunterbunt, de Adega, da Asociación Nordés, da Asociación Amig@s de historiadegalicia.gal, do colectivo A Rula, da Asociación Mariña Patrimonio, da Asociación Cultural Irmandade de Santo Estevo, de Amigos do Patrimonio de Castroverde, de Anova Terra, Umia Vivo, Irmandade Illa de Tambo e do Colectivo da Defensa do Patrimonio A Forneiriña.

Durante a visita ao Parlamento Europeo, a delegación galega reunirase con representantes da Comisión Europea competentes na materia para explicarlles a situación que se está a vivir na Galiza, e tamén con eurodeputados doutros países, especialmente alemáns, xa que a maior parte da produción de Ence é exportada. Concretamente, un 23% vai para Alemaña, un 16% vai para Italia, e só o 5% queda no Estado español. O obxectivo é sensibilizar á poboación internacional do problema que arrastra a política da pasteira e a eucaliptización na nosa terra e esixirlle á comunidade internacional que fagan cumprir os mínimos de respecto á natureza, patrimonio e desenvolvemento sostible do monte. “O 95% da celulosa que produce Ence vai para o mercado europeo e desgraciadamente o mercado europeo non sabe o custe que ten esa celulosa para o patrimonio galego e polo tanto europeo. Queremos que o consumidor europeo saiba que eses folios que usa están provocando unha destrución masiva do noso patrimonio”, explicou Miranda.

Tamén se levarán a cabo unha serie de coloquios centrados en “A destrución do patrimonio galego por parte do sector industrial madeireiro”, “O desleixo da Xunta de Galiza co patrimonio cultural galego e a problemática dos incendios” e “Artellando solucións para protexer o patrimonio fronte á eucaliptización”.

Senra defendeu na rolda de prensa que unha sociedade “non se pode rexer pola rendibilidade económica que poida ter para uns poucos a plantación dunha especie en concreto, porque o monte ten un valor máis alá da rendibilidade económica dun monocultivo. Aporta biodiversidade e moitísimas cousas que necesitamos como o dereito a ter auga libre de contaminación”. “Cando un monocultivo se implanta a biodiversidade pérdese. Estamos falando de que está en perigo o futuro de toda a sociedade, non só de catro empresas multinacionais que se lucran de poñer o país a monocultivo de eucalipto”, dixo. Así, defendeu que o monte “é a despensa das granxas e das casas labregas e esa ten que seguir sendo unha das súas funcións. Hai que facer unha política agraria que contemple o monte como un complemento da agricultura”. Tamén chamou a reflexionar sobre as miles de perdas que xera o lume neste país. “A sociedade está contribuíndo economicamente a apagar eses lumes para o rendemento desa industria”, dixo. “A extinción máis eficaz é a prevención e a prevención pasa por non perder persoas que traballen as terras agrarias ou por acabar co monocultivo de eucalipto e por unha política agraria que volva a agroecoloxía”, concluíu.

Santiago, 24 de novembro de 2017. 

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/
Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
24 de novembro de 2017 13:38
___________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon