No Pleno celebrado o pasado 15 de novembro de 2017, quedou aprobado o levantamento da Taxa que fora imposta en maio do 2014 polo Partido Popular, unha taxa inxusta, non participada e non xustificada. Mais tamén unha Taxa que ten un percorrido de fraude, engano e estafa. Unha Taxa que foi recorrida por máis de 2.500 persoas. Unha Taxa cobrada sen ter-se elaborado o preceptivo Padrón Municipal. Unha Taxa avultada no seu prezo pois levaba a maiores o financiamento do saneamento no rural, un pago de caudais aumentados, a depuración da auga da chuvia, avultados os custes de consumo e contratación eléctrica, o financiamento das obras dos interceptores (unha obra declarada de interese xeral que tería que estar incluída nos orzamentos do Estado )...Unha taxa que se cobrou indebidamente, foron máis de 800.000 euros que se prometeu devolver á veciñanza, en innumerábeis ocasións, mais que nunca se fixo. Unha taxa consecuencia de encadeamentos de encomendas, ao noso entender fraudulentas,... Unha taxa que se aprobou a sabendas de que era inxusta.
O Partido Polpular e Ferrol en Común pactaron para lavar-se a cara e tapar as súas responsabilidades na situación actual do sistema de saneamento e depuración de Ferrol e Narón e do suposto endebedamento pola actividade non legal de Emafesa no citado sistema.
Ultimato de Socamex e Pleno do 10 de novembro
No Pleno anterior do 10 deste mesmo mes, a mesma Taxa non foi aprobada, o Partido Popular, na súa rebaixada de esixencias de informes, algúns supostamente preceptivos, quedou en esixir só que se pedira o do Consello Consultivo, algo que o Alcalde en declaracións aos medios ese mesmo día inmediatamente despois do Pleno, manifestou claramente que non o ía pedir. Mais como a palabra do Alcalde, Jorge Suárez, vale moi pouco, esta esixencia foi concedida ao pouco tempo ao Partido Popular, sendo Martina Aneiros (Portavoz do PP no Concello) a que supervisou o texto da petición ao Consello Consultivo ao que deu o visto bo. Con antelación, Socamex a parte privada de Emafesa (49%), á que xestiona ao 100%, presentaba no rexistro un escrito advertencia da súa situación patrimonial, e manifestando que de non aprobar-se a Taxa antes do 21 deste mes, solicitaría a disolución da empresa mixta a través da vía xudicial. Socamex participa activamente, co diñeiro de tod@s, nas decisións do Pleno, coa ameaza-advertencia citada e dando o día libre remunerado, a todo o persoal da empresa, para que asistira ao Pleno para premer a favor da Taxa, como así foi. Ningunha só palabra de crítica ou esixencia de responsabilidades, saíu de boca do Comité de Empresa, contra a xestión de Socamex en Emafesa, polo que dan por ben feito o que Emafesa se fixe-se cargo do sistema de Depuración e Saneamento, cousa que foi a causa principal da situación patrimonial e de creba técnica da empresa mixta de augas de Ferrol. Triste que os dirixentes sindicais das centrais sindicais representadas nese Comité opinen o mesmo.
Peche da Plataforma no Concello
Unha representación da Plataforma, despois dunha rolda de prensa quedou pechada no Concello até que se celebrou a sesión plenaria, amosando a súa desconformidade con recuperar a Taxa do PP: "Pedimos a todos os grupos municipais que se opoñan a levantar a suspensión da taxa, non só pola falta de análise en detalle tanto dos custos incluídos na mesma como dos gastos até agora incorridos en reparacións, postas a punto e pola falta de acordo con Narón de como vai pagar polo servizo, senón tamén pola inviabilidade de que Emafesa poda executar a xestión do sistema, polo que pedimos que se esixa á Xunta de Galicia que encargue a depuración a Augas de Galicia, responsábel principal deste servizo".
Pleno do 15 de novembro de 2017
Como se desenvolveu o Pleno e as diferentes intervencións: a do representante da sección sindical da CGT, Alberto Espiñeira; Jesús Castro presidente do Comité de Empresa, en representación da CIG, CCOO e UGT; a da Plataforma a través do compañeiro Fernando Ramos; a de Álvaro Montes en representación do Goberno Municipal e de Ferrol en común, indistintamente; a de Esther Leira, non adscrita; a de Ana Masafret, en representación de Ciudadanos; a de Iván Rivas, en representación do BNG; a de Beatriz Sestayo, en representación do PSdeG-PSOE; a de Martina Aneiros, en representación do PP e a do propio Alcalde, Jorge Suárez; pode-se ver e escoitar no vídeo que a continuación compartillamos que se pode descargar da canle do propio Concello de Ferrol. Pois todas as sesión Plenarias do Concello, retransmiten-se en directo, desde a Canle de Youtube, e despois quedan penduradas na web oficial, buscando en Concello, Actividade Municipal e Plenos. O Pleno dura 3 horas e 6 minutos.
https://youtu.be/sNMz0hmqjug
O acordado no Pleno
Proposta do Goberno Municipal. | Acceder/Baixar.
Proposta do Partido popular. | Acceder/Baixar.
Despois dun receso de case unha hora, entraron no Pleno cunha sinte-se pactada, supostamente co visto bo, dos habilitados estatais, Secretario e Interventor, ao menos así o pedira o Alcalde ao saír para a recesión, como se pode escoitar no vídeo.
Acordos do Pleno de levantamento da suspensión da taxa de saneamento (15-11-2017)
Primeiro.- Declarar finalizada a suspensión da aplicación da Ordenanza Fiscal reguladora da taxa pola depuración de augas residuais, publicada no BOP de data 13 de setembro de 2014 con efectos de data de hoxe.
Segundo.- Os efectos de validez e eficacia do carácter retroactivo do levantamento da suspensión na aplicación da Ordenanza fiscal virán determinados polo contido do ditame do Consello Consultivo, para garantir a legalidade da proposta, para salvagardar as responsabilidades económicas e patrimoniais do Concello para garantir a viabilidade da empresa municipal coa súa saída da situación de potencial causa de disolución.
Terceiro.- Manifestar o compromiso de proceder de xeito inminente ao inicio dos trámites necesarios para a modificación da taxa de depuración de augas residuais.
Publicación no BOP e recurso de reposición
O acordo do Pleno do Concello, xa foi publicado en Edicto, o venres día 17 de novembro no BOP. | Acceder/Baixar. Mais no citado Edicto só figura un só punto de acordo: "Declarar finalizada a suspensión da aplicación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola depuración de augas residuais publicada no BOP do 3 de setembro de 2014, con efectos dende a data de adopción do dito acordo". Os outros acordo (Segundo e Terceiro) ao non ter efectos xurídicos, quedaran para a galería. Para reclamar só colle o recurso de reposición de conformidade co disposto no artigo 123 e dentro do prazo que establece o artigo 124, ambos da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Logo ante o mesmo Pleno e no prazo dun mes (30 días) desde o día seguinte de ser publicado no citado boletín, queda de prazo até o día 18 de decembro.
Declaracións do Alcalde, despois do Pleno
Despois dos Plenos, é habitual que o Alcalde faga declaracións sobre o tratado nos mesmos. Desta vez, as declaracións de Jorge Suárez, levantaba expectación. Non era para menos, o Alcalde acababa de traizoar as súas propias declaracións, o seu propio pensamento, de cando era activista nas plataformas cidadáns e en concreto na Plataforma contra a Taxa do PP, onde foi dirixente. Como o dito en campaña electoral, o programa de Ferrol en Común, o Programa de Goberno, polo que foi elixido Alcalde e todo o aprobado e declarado nos tres primeiros meses de goberno en 2015. Un Alcalde sen palabra e con moita frivolidade.
Detalle do Informativo de Ferrol Televisión - Canal 31, do 15 de novembro de 2017.
https://youtu.be/xqBwSaCl05w
PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Alexandre Carrodeguas | Fernando Ramos | Pablo Portero | Bernardo Rego | Lupe Ces |
remunicipalizacion.plataforma@gmail.com | https://plataformaferrol.blogspot.com.es
_______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon