luns, decembro 11, 2017

Os concellos de Ferrol e Narón volven a tropezar por terceira ou cuarta vez na mesma pedra - Solucionar o conflito non é dicir que lle dan un ano máis de prazo a Augas de Galicia, cando xa levan máis de dous anos agardando por unha solución definitiva. Foron en numerosas ocasións a Santiago de Compostela, para entregar o sistema de saneamento, e volveron, non só sen deixa-lo, senón que con máis responsabilidades e compromisos difíciles de cumprir - É o momento de denunciar o convenio - Continuar co contencioso administrativo e constituír caución en sede xudicial


Despois de que a Alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, enviara un requirimento, tanto ao Director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, como ao Alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, para que ámbalas dúas administracións deixaran sen efecto e sen vixencia o "Convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol, para a formalización da encomenda de xestión da explotación, mantemento, conservación do sistema de saneamanto e depuración do Concello de Ferrol",[1] que asinaran o pasado 1 de agosto (Un requirimento potestativo antes de interpoñer Recurso Contencioso-Administrativo contra o mencionado Convenio), a alcaldesa de Narón e o Alcalde de Ferrol, mantiveron un encontro o pasado 22 de novembro, para abordar este conflito que desde a Plataforma vimos denunciando desde hai tempo. Consideramos que tanto este Convenio de Colaboración (Encomenda), como o anterior asinado, en 2014, polo ex-Alcalde José Manuel Rey Varela, ao ser iguais, non son un marco legal valido para a xestión do sistema de depuración e saneamento. Pois afecta a un servizo público de dous concellos, non só ao de Ferrol, senón que tamén ao de Narón, e nun futuro tamén ao de Neda.


Nin o Concello de Ferrol, nin Emafesa se poden considerar medios propios

Segundo o expresado no requirimento, o citado Convenio "posúe natureza inequivocamente contractual, posto que o contido de tal xestión e encomenda coincide plenamente coa definición que do contrato de xestión de servizos públicos fai o artigo 8 do Texto Refundido da Lei de Contratos do Sector Público", polo que desde un punto de vista xurídico, o Convenio, é "un contrato administrativo sometido á normativa de contratación pública e, en primeiro termo, á libre concorrencia"; sen que se poida considerar ao Concello de Ferrol como un medio propio de Augas de Galicia, nin a Emafesa, un medio propio do Concello de Ferrol, non existindo polo tanto os requisitos do artigo 24 do Texto Refundido da Lei de Contratos do Sector Público, que se refire á "Execución de obras e fabricación de bens móbeis pola Administración, e execución de servizos coa colaboración de empresarios particulares", no se punto 6 di "Aos efectos previstos neste artigo e no artigo 4.1.n), os entes, organismos e entidades do sector público poderán ser considerados medios propios e servizos técnicos daqueles poderes adxudicadores para os que realicen a parte esencial da súa actividade cando estes ostenten sobre os mesmos un control análogo ao que poden exercer sobre os seus propios servizos. Si se trátase de sociedades, ademais, a totalidade do seu capital terá que ser de titularidade pública".[2]


Consello de Administración de Emafesa

Con posterioridade houbo un Consello de Administración de Emafesa, o 29 de novembro, ao que os medios tiñan posta a súa atención, mais non foron capaces de arrincar a información substancial do que aconteceu nesa reunión, posterior ao levantamento da suspensión da ordenanza fiscal que aplicaba a taxa do PP de 2014. Nada sobre o contido do Consello, só o difícil que está a situación. Só conseguiron declaracións do Alcalde sobre as súa relacións co veciño concello de Narón e algunha con advertencias implícitas de verse nos tribunais e outra dirixindo as responsabilidades a Augas de Galicia.[3]


Ratificación do requirimento no Pleno de Narón


Un día despois tiña lugar o Pleno do Concello de Narón, onde se ratificou os requirimentos a Augas de Galicia e ao Concello de Ferrol para que deixaran sen efecto o mencionado Convenio de Colaboración que acordaron todos os grupos, menos o Partido Popular. No mesmo Pleno aprobou-se as Addendas nº1, nº2  e os acordos complementarios, desta vez cos votos de TEGA, non sen facer-se autocrítica por ter asinado no seu momento e os votos do Partido Popular.[4]


Carta ao Director de Augas de Galicia

Esta carta produce-se 13 días despois da xuntanza que mantiveron, a Alcaldesa e o Alcalde, de Narón e Ferrol, o pasado 22 de novembro na que,  recoñecen que o convenio asinado no seu día entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol “debe ter un carácter provisional que non resulta debidamente clarificado naquel documento”.

Os dous concellos publicaron a mesma información nas respectivas webs oficias,[5] que despois se fixeron eco os demais medios.

En primeiro lugar que Marian Ferreiro e Jorge Suárez, remitiron unha carta, o passado 5 de decembro, ao Director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, solicitando manter unha xuntanza canto antes para procurar unha solución ao conflito do saneamento. Denuncian incumprimentos que poden poñer en risco o saneamento da Ría e cuestionan o marco xurídico do mesmo. Apostando por unha solución política, mais denunciando dilación indebida por parte do ente público na supramunicipalización da xestión do servizo, o que pode provocar a consolidación do citado Convenio que se previa provisional.

Na información publicada interesan resaltar un prazo concreto de duración do mencionado Convenio de Colaboración, polo que esixen a Augas de Galicia que a duración do convenio con Ferrol remate o 1 de agosto de 2018 e que a partir desa data, as decisión sobre o sistema de depuración e saneamento deberán ser consensuadas a tres bandas. Manifestando que se non hai acordo, "a xestión reverterá inmediatamente a Augas de Galicia, única entidade que asumiu con carácter indefinido esa xestión nun convenio subscrito o 27 de decembro do ano 2013 coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil".

Os concellos que apostan pola supramunicipalización da xestión do sistema de saneamento e depuración, queren un compromiso asinado a tres bandas que contemple as súas demandas e manterán o acordo político de financiamento do sistema ao 70% e 30 entre ambos, apostando pola "solución política das diferencias, e resolución das contías pendentes de pago, acordadas, reservadas e previstas para tal fin".


É o momento de denunciar o convenio

Desde a Plataforma consideramos que hai un pequeno cambio de actitude, por parte do Alcalde de Ferrol, Jorge Suarez, mais a súa palabra é difícil de crer despois de continuos incumprimentos e a súa inacción en todo este proceso, e máis aínda, despois de estar implicado como activista nas nosas fileiras. Os concellos de Narón e Ferrol, non se poden envolver na mesma rutina de sempre que está  hipotecando a súa credibilidade (E a maiores no caso de Ferrol a súa economía) á hora de afrontar este problema que non ten solución con Emafesa de xestora. Unha empresa xestionada ao 100% pola parte privada (Socamex), na actualidade en crebar económica técnica; que mentiu e cometeu fraude; que cobrou indebidamente máis de 800.000 euros á veciñanza, sen devengo do feito impoñíbel, vamos sen depurar; que contaminou a sabendas que o facía, vertendo millóns de toneladas de augas residuais nun medio mariño protexido; que se prestou ao xogo político co Partido Popular e Augas de Galicia, apoiando a José Manuel Rey Varela na súa mentira, para que obtivera réditos electorais como o salvador da Ría; e por último que non se pode considerar como medio propio do Concello de Ferrol, aos efectos da encomenda, ao tratar-se dunha sociedade mixta, polo que o seu capital non é na súa totalidade de titularidade pública, como así esixe a lexislación vixente.

Os  concellos de Ferrol e Narón, na representación do seu Alcalde e Alcaldesa, volven tropezar por terceira ou cuarta vez na mesma pedra. Solucionar o conflito non é dicir que lle dan un ano máis de prazo, até o 1 de agosto de 2018 ao Director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, cando xa levan máis de dous anos agardando por unha solución definitiva. Foron en numerosas ocasións a Santiago de Compostela, para entregar o sistema de saneamento, e volveron, non só sen deixa-lo, senón que con máis responsabilidades e compromisos difíciles de cumprir. A última para aceptar un Convenio de Colaboración (Encomenda), idéntico que ao do PP de 2014, rexeitado, lesivo para os intereses da cidadanía e imposíbel de cumprir sen saltar-se a legalidade. Aínda encima regalando-lle o rescate da Taxa do PP, aprobando-a a sabendas de que é unha Taxa inxusta, sen participación cidadá e sen o informe económico de custes preceptivo que a xustifique. É o momento de denunciar o Convenio e entregar o sistema de saneamento e depuración ao seu único responsábel (Augas de Galicia - Xunta de Galicia) até que se constitúa ese ente supramunicipal que se poida facer cargo do sistema de xeito sostíbel, real e efectivo, como así estaba previsto, a semellanza de Edar de Bens, da área metropolitana d'A Coruña.


Continuar co contencioso administrativo e
constituír caución en sede xudicial

O Concello de Narón debe continuar exercendo a súa responsabilidade e salvagardar os intereses da veciñanza, continuando co procedemento do contencioso-administrativo (Iniciado co requirimento), independentemente de intentar chegar a unha solución política. Por outra banda fronte as ameazas do Alcalde de Ferrol de acudir aos tribunais por suposto enriquecemento inxusto, debe intentar a posibilidade de constituír caución en sede xudicial por un importe igual ás cantidades recadadas polos recibos cobrados á veciñanza en concepto de depuración de augas residuais. Polo importe cobrado até agora, como despois cada vez que se recada en cada recibo emitido. Todo baseado na futura resolución do conflito xerado pola falta de marco legal para facer efectivo o 30% do custe do sistema de depuración e saneamento. Como unha solución provisional a favor de Augas de Galicia ou no seu caso do Concello de Ferrol, segundo se resolva a situación.


Augas de Galicia que non conte milongas, pode acceder a varias empresas que si as pode considerar medios propios


Augas de Galicia, de xeito provisional e até que se constituíra un ente supraminucipal, se non quere licitar por asunto de prazos e complicacións legais que nos parece ben, ten dúas opcións inmediatas de empresas públicas que se poden considerar medios propios que poderían facer-se cargo no seu nome da xestión do sistema de depuración co mesmo persoal que hai hoxe contratado a través dunha subrogación. Unha é a pública galega SEAGA e a outra a publica estatal (SEPI) da que a Xunta forma parte do seu accionariado: TRAGSA, por certo dúas empresas que teñen experiencia en depuración e saneamento. Mesmo se os seus estatutos o permitisen e o Consello de Administración dera a súa conformidade, poderían ser Emalcsa e Edar Bens.


Notas.-


[1] Convenio de Colaboración (Encomenda) 2017, asinado o 1 de agosto e anunciado no DOG o 9 de outubro. | Acceder/Baixar.

[2] Real Decreto Lexislativo 3/2011, de 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Contratos do Sector Público.

[3] 29.11.2017 |  Hoxe celebraba-se unha xuntanza do Consello de Administración de Emafesa, á saída os xornalistas agardaban polo Alcalde Jorge Suárez, ao que se lle preguntou polo resultado da xuntanza e as relacións con Narón - Audio | Ir á Web.

[4] Orde do día do Pleno Ordinario do Concello de Narón, celebrado o 30 de novembro de 2017. | Acceder/Baixar.

[5] A mesma nota de prensa nas webs dos dous concellos. | Web Concello de Narón | Ir á Web. | Web Concello de Ferrol | Ir á Web.


PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Alexandre Carrodeguas | Fernando Ramos | Pablo Portero |  Bernardo Rego | Lupe Ces  |
remunicipalizacion.plataforma@gmail.com | https://plataformaferrol.blogspot.com.es

_________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon