Clicar acima da imaxe para ampliar |
Ferrol pasa a ter o servizo de sumidoiros, saneamento e depuración máis caro de todas as cidades galegas.
A ESTAFA CONTINÚA – ESTA TAXA NON
POR UNHA TAXA XUSTA, XUSTIFICADA E PARTICIPADA
Ninguén, pode negar a importancia do saneamento e depuración das augas residuais para preservar o medio ambiente e recuperar a nosa Ría. O dereito ao saneamento e á auga, é un dereito humano, non un negocio, por iso reclamamos o retorno da súa xestión a mans públicas.
O Goberno Municipal vai pasar ao cobro, nestes días co recibo de Emafesa, a taxa de depuración, a sabendas de que é unha taxa inxusta e moi elevada, por riba do custe do servizo que se presta. Ferrol é a cidade mais empobrecida e avellentada, pero vai pagar as taxas máis elevadas de sumidoiros, saneamento e depuración, das sete cidades galegas.
Desde a Plataforma vimos solicitando ao goberno de Jorge Suárez que elabore unha Taxa de Saneamento e Depuración xusta, xustificada e participada. A súa resposta foi volver a impoñer a taxa do PP. Unha taxa inxusta, e calculada por Emafesa, en beneficio da súa parte privada Socamex.
O anterior alcalde José Manuel Rey Varela, do Partido Popular, enganara-nos recepcionando e inaugurando unha depuradora defectuosa que non depuraba, e cobrando un recibo por un servizo que non se prestaba. Agora o novo Alcalde, Jorge Suárez, tamén nos engana, pois prometera devolver á veciñanza os 800 mil euros cobrados indebidamente; abrir un expediente informativo a Emafesa; entregar a depuradora a Augas de Galicia e iniciar o proceso de remunicipalización do servizo, como tiña anunciado no verán de 2015, mais non fixo nada. Agora, todos eses incumprimentos xeraron, xunto coa nefasta xestión de Socamex (parte privada de Emafesa), unha débeda millonaria no servizo de augas, cunha depuradora con cesión ilegal que debera xestionar Augas de Galicia até ser mancomunada, e endosando-lle á veciñanza e ao pequeno comercio e hostalaría, o servizo de saneamento e depuración máis caro de todas as cidades galegas.
O alcalde manifestou en repetidas ocasións que a taxa, agora a cobro, estaba avultada e todos os grupos municipais recoñecen que é inxusta. Isto está comprobado, non só polos propios estudos da Plataforma, senón que polos informes da mesma Emafesa, de Audigal, de Augas de Galicia e do Enxeñeiro Municipal. Mesmo no Pleno onde se aprobou, acordou-se a súa revisión inmediata ao día seguinte. Os nosos estudos técnicos sitúan a Taxa do PP (agora ao cobro), o dobre de cara, por estar baseada nun contrato eléctrico onde a potencia contratada é moi superior á necesaria. Un contrato que avulta as estimacións de consumos eléctricos e desproporcionadamente os caudais a depurar. Por outra banda está a diferencia nos custes de explotación a maiores do que se lle chama saneamento en alta (interceptores, colectores, tanques de tempestade, impulsores e alivios), que lle foi adxudicado a Viaqua por un 30% menos do custe previsto para o cálculo da Taxa. E por último, esta Taxa ponse a cobro sen os estudos e unha memoria económico-financeira sobre o custo do servizo, preceptiva, que a xustifique. De levar-se a cabo o Alcalde está incumprindo a Lei sobre taxas e prezos públicos, e el o sabe.
Desde o Concello seguen sen contestar a uns 200 recursos de reposición que se interpuxeron contra o acordo do Pleno do Concello de Ferrol, de rescatar a inxusta e avultada Taxa, aínda que só fora por 7 votos a favor do grupo de goberno, pactando a abstención do Partido Popular, con outra abstención máis de Ciudadanos e 6 votos encontra do resto dos grupos.
En vista da situación chamamos á veciñanza de Ferrol a mobilizar-se contra a continuación da estafa, polo que convocamos unha CONCENTRACIÓN a celebrar o mércores 7 de febreiro ás 6 da tarde na Praza do Concello de Ferrol.
CONCENTRACIÓN EN FERROL
MÉRCORES 7 DE FEBREIRO, ÁS 6 DA TARDE, NA PRAZA DE ARMAS
Ferrol pasa a ter o servizo de sumidoiros, saneamento e depuración máis caro de todas as cidades galegas.
A ESTAFA CONTINÚA – ESTA TAXA NON
POR UNHA TAXA XUSTA, XUSTIFICADA E PARTICIPADA
ANEXOS
Para a poiar a Concentración hai un evento no Facebook:https://www.facebook.com/events/558208254549579/
Folla Informativa para difundir a convocatoria da Concentración. | En B/N e formato pdf. | Acceder/Baixar.
Folla Informativa para difundir a convocatoria da Concentración. | A Cor e formato pdf. | Acceder/Baixar.
Táboa Comparativa das Taxas nas Sete Cidades + Narón. | Acceder/Baixar.
PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Alexandre Carrodeguas | Fernando Ramos | Pablo Portero | Bernardo Rego | Lupe Ces |
remunicipalizacion.plataforma@gmail.com | https://plataformaferrol.blogspot.com.es
__________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon