martes, xaneiro 16, 2018

A produción de enerxía a costa da deforestación ou o acaparamento de terras non pode ser considerada “limpa” - O Palamento Europeo está a debater hoxe en sesión plenaria informes relativos a proposta conxunta da Comisión Europea en materia enerxética


A produción de enerxía a costa da deforestación ou o acaparamento de terras non pode ser considerada “limpa”. | O PE está a debater hoxe en sesión plenaria informes relativos a proposta conxunta da Comisión Europea en materia enerxética. | Senra reivindica o respecto á biodiversidade, á produción de alimentos e á sostenibilidade como eixos principais na produción de enerxía na UE.


En novembro do ano 2016 a Comisión Europea (CE) adoptou un paquete lexislativo centrado no que deu en denominar “enerxía limpa”. O Parlamento Europeo (PE) vén de dar comezo á súa sesión plenaria hoxe ás 17.00hrs. en Estrasburgo a través precisamente dun debate conxunto sobre algunhas destas propostas lexislativas, nomeadamente aquelas referidas á Promoción da utilización de enerxía renovábel, eficiencia enerxética e gobernanza da coñecida como “Unión da Enerxía”. A votación destes informes está prevista para este mércores, e o resultado será tomado en conta para dar inicio ás negociacións tripartitas CE-PE-Consello.

Lídia Senra, responsábel na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural para o Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) incidiu hoxe na importancia de “garantir que a aposta polas enerxías renovábeis na UE pase ineludibelmente pola eliminación total dos agrocarburantes; as terras agrícolas unicamente deben ser empregadas para a produción de alimentos, primando sempre os modelos de produción agroecolóxicos”.

Senra reiterou que “non só o obxectivo final de obter enerxías máis limpas é o importante, a UE ten a responsabilidade de establecer tamén xeitos de chegar a elas que sexan coherentes co respecto á biodiversidade, á sostenibilidade e que axuden a avanzar nun cambio de modelo que faga fronte ao quecemento global”. Neste senso, a crecente demanda de biomasa forestal debe ser reconducida, alertou, “evitando sempre la forestación de tierras agrícolas, os monocultivos forestais e as especies foráneas e invasoras”.

Aliás, unha cuestión central a nivel comunitario debería ser precisamente “o deseño de ferramentas que axuden á redución do consumo enerxético da UE nun 20% daquí ao ano 2030”. Asemade, a nivel dos Estados membro, “urxe asumir a responsabilidade de garantir a propia soberanía enerxética en base ás enerxías renovábeis, pechando xa as centrais nucleares, e pondo fin á gravísima situación de pobreza enerxética á que se está a enfrontar unha significativa parte da poboación”.

A eurodeputada galega, que plantexou xa enmendas neste sentido para seren incorporadas aos informes relativos a enerxías renovábeis e de gobernanza enerxética, lembrou tamén hoxe que a Unión Europea debe en todo caso “decidir se realmente aposta por este tipo de enerxía de xeito colectivo, ou se cada Estado membro vai lexislar en función da forza que en cada territorio fai o lobby das empresas eléctricas”, un dos máis potentes do mundo e tamén un dos sectores que máis habitualmente incorpora ás súas filas a persoas que antes ocuparon cargos políticos que lle permitiron lexislar precisamente sobre ese sector.

Deste xeito Senra aludiu ás trabas ao autoconsumo e aos pequenos/as produtoras cas que teñen reaccionado Estados como o español, actitude fronte a cal Senra aposta polo “establecemento dun sistema de apoios públicos para proxectos de pequena dimensión, tales como comunidades de propietarias/os, particulares, colectivos veciñais, aldeas, pequenas ou medianas explotación agrogandeiras e empresas, administracións públicas ou organismos e organizacións sociais”.

Estrasburgo, 15 de Xaneiro de 2018.

Máis información:

Lídia Senra Rodríguez. | Eurodeputada galega. | Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861 | lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ | @LidiaSenra

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
15 de janeiro de 2018 19:27

___________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon