martes, xaneiro 16, 2018

Comentarios a 'Presos para toda a vida' de Pérez Lema, ... Por Xaquín Campo Freire - Este artigo de Pérez Lema pode resultar iluminador nun problema sempre actual, moi complexo e complicado


PASTORAL  PENITENCIARIA.
COMENTARIO A “PRESOS PARA TODA A VIDA”.


Este artigo de Pérez Lema pode resultar iluminador nun problema sempre actual, moi  complexo e complicado. Por iso me permito engadir unhas consideracións desde outros puntos de mira complementarios desde alguén que ve o cárcere, as persoas,  en contacto directo semanal e desde dentro. Tamén desde as familias dos reclusos nos intres de entrar ás visitas. Todo é unha gran pobreza. Todo e dor, na “fabrica del llanto y el telar de las lágrimas”, dixo Miguel Hernández. E fóra, as vítimas,  as grandes silenciadas. Por veces moi utilizadas. “Non será asi entre vós”, dixo Xesús de Nazaré.

Comentarios a 'Presos para toda a vida' de Pérez Lema.
Por Xaquín Campo Freire [1]
16.01.2018


Non. Non o direi eu mellor, nin con máis autoridade, nin con máis coñecemento de causa do que Xoán Antón Pérez Lema: "Se é permanente non é revisábel. Se revisábel non é permanente. A PPR é un xeito de branquear semanticamente o que non é senón cárcere a perpetuidade".

Os entendidos falan de porcentaxes moi altas de enfermos psíquicos, pero non só, que se lles dá como solución e oportunidade determinista o camiño do cárcere xa desde o comezo da súa existencia. E el non teremos nada que reflexionarmos a sociedade?

Abóndanos con ver quen é o que abre máis a boca coa expresión máis contundente cando xa ocorreu unha desgraza? E os medios non terán nada de que examinárense na súa función educativa do público ou no xeito de informaren?

Non. Non é por aí como vai vir a prevención e solución de tanta dor que se dá en casos tan dramáticos.

Mellorouse moito na saúde buco-dental, poño por caso. Pero que se fixo e fixemos coas enfermidades mentais, detección precoz, prevención, atención axeitada e especializada, seguimento correcto e eficaz, etc.? Que tipos de institucionalización? Estamos todos moi de acordo en que: “Manicomios, non!”.  Pero que alternativas? U-las elas?

Non chega con devolverlle ás familias os problemas. A sociedade, como tal, temos de crearmos respostas aos problemas que son de todos. Como poden seren a mesma meninxite, a diabete, o cancro, os infartos, etc. Á fin tamén todo é social.

Lembro o caso dramático, hai poucos anos, daquela veciña nosa de Narón que cansa de chamar a todas as portas a prol do seu fillo, xa maior de idade e moi violento, por estar moi enfermo, optou por procurarlle ela mesma a morte para que non puxese en perigo a vida de ninguén e logo foise mergullar ela mesma no mar da nosa costa ferrolá. Deixou unha dorida e desesperada carta, outra máis, para D. Manuel Fraga a quen nunca lle deixaran acceder en auxilio do seu desespero. Ela tamén sería unha desas que as nosas sociedades, nós, a “apodreceriamos no cárcere”. Sempre nos colocamos na parte dos “puros”, dos bos, dos xustos e, mesmo por iso, axustizamos.

Non será esa máis unha gran “asignatura pendente” que non se quere abordar en serio pola sociedade en xeral e os políticos?  E a marxinación social? Aquí, estes medios si que deben ser permanentes e revisábeis.
 
Ben seguro que non acabaría con todos os problemas. Pero tamén seguro que outros tratamentos que non só sexan as prisións permanentes, desas  que "apodrecen nos cárceres", serían ben máis eficaces, aforrarían moitas vítimas e seriamos todos menos vindicativos, (enfermos sociais), e ata teriamos algo máis de  felicidade persoal, familiar e comunitaria.

Por moito que berremos cando é tanta dor, non quer dicir que socialmente esteamos máis acertados nas diagnoses e terapias.

Outra cousa ben diferente son as familias afectadas. As vítimas. Para elas, todos os respectos e consideracións serán sempre poucas. Pero tampouco as utilicemos. Que doado é sermos demagogos.

Tamén teriamos de ver como mellor acompañar. Estámolo a facer ben? Que nos dirían os entendidos nunha verdadeira psicoloxía de auténtica calidade e actualizada? Canto camiño por andar e canto por aprender cando a vida nos golpea tan forte e absurdamente.

Mandia, 15 de xaneiro de 2018

 
Graciñas, Xoán Antón Pérez Lema. Velaquí o texto completo da súa achega valiosa e acertada, que non dubido nos permite reproducir, coñecida a súa loita por concienciármonos cara un mundo máis humanitario.


Presos para toda a vida
Xoán Antón Pérez-Lema [2]
15.01.2018

Foille abonda ao PP a súa maioría absoluta para introducir en marzo de 2015 a prisión permanente revisábel (PPR), que permite condenar ao cárcere por tempo indefinido aos que cometen delictos de asasinato no seo de organizacións criminais, asasinatos múltiples ou en serie, homicidio do Xefe do Estado, do seu sucesor ou de Xefes do Estado estranxeiros, xenocidio ou semellantes, asasinato de menores de 16 anos ou persoas especialmente vulnerábeis e indefensas e calquera asasinato precedido de agresión sexual. A permanencia no cárcere revisaríase cada dous anos logo de se cumprir 25 anos de cumprimento (cando o feito puníbel consista nunha morte) ou aos 35, cando sexan dúas ou máis.

Este último outubro o PNV propuxo e a maioría do Congreso aprobou unha proposición de lei orgánica, arestora en trámite, que derrogaría a PPR, coa oposición do PP e a abstención de C´s. Ducias de milleiros de cidadáns apoian o seu mantemento a requirimento de Rocío Viéitez, nai das nenas de Moraña asasinadas polo seu pai (primeiro condenado á PPR). A iniciativa de Rocío Viéitez é lóxica e demostra lucidez, ausencia de ánimo de vinganza e sentido cìvico.

Mais a política criminal non pode atender só ás lexítimas demandas das vítimas. Porque a indeterminación da duración da PPR atenta contra o principio de legalidade. E porque a propia pena vulnera os principios constitucionais de reinserción e resocialización, propios dos sistemas penais democráticos, ao enfrontar aos condenados, na maioría dos casos, a unha pena efectiva a perpetuidade.

O certo é que o Estado español conta cun dos sistemas penais máis ríxidos da Europa, que ten xerado altos níveis de superpoboación penitenciaria. As penas son longas (un duplo asasinato cumprirá normalmente 30 e 40 se son actos de terrorismo ou criminalidade organizada) e non admiten redención. Son excepcionais os casos de cumprimento efectivo inferior aos ¾ da pena imposta. E, malia o horror de casos como os de Moraña ou Rianxo, non somos unha sociedade onde existan altos níveis de criminalidade nin éstes empeoraron nos 23 anos de vixencia do Código Penal da democracia.

Se é permanente non é revisábel. Se revisábel non é permanente. A PPR é un xeito de branquear semánticamente o que non é senón cárcere a perpetuidade.


Notas.-

[1] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca], Narón 1937, é un relixioso galeguista. Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola de Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo.

[2] Xoán Antón Pérez-Lema, naceu na Coruña o 17 de abril de 1965, avogado, político e columnista galego. | Artigo publicado no Diario de Ferrol o 15 de xaneiro de 2018.

Enviado por:
Xaquin Campo Freire
-xaquinderoca@mundo-r.com-
15 de janeiro de 2018 15:45

__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon