Esta é unha imaxe que se repite co paso do tempo, a protesta diante dos Xulgados, e os poderes públicos seguen sen responder coa celeridade que reclama a situación até que non hai máis remedio e o fan, porque se produce a denuncia pública. Hoxe touco-lle a Silvia e a súa familia. A falta de recursos económicos fixo que non puidera facer fronte ao pago do elevado alugueiro da súa vivenda habitual (325 euros) e sumar-lle gas, auga, electricidade, comunidade... O desemprego é unha ameaza constante nunha parte moi importante da poboación de Ferrolterra. Mesmo Ferrol non só é a cidade da Galiza que máis habitantes perde, senón que ten o duplo de persoas en desemprego e sen perspectivas de te-lo a curto e medio prazo, polo que provoca que unha parte importante opte por deixar a cidade, sobre todo a xuventude. Silvia nos últimos tres anos só leva traballado seis meses de xeito regulado, con seguro e contrato. O que só lle dá para que lle sexa recoñecido o dereito a un subsidio de desemprego polo mesmo tempo traballado. Na actualidade segue formando-se realizando un curso polas tardes.
O xuízo tivo lugar, hoxe ás 11 da mañá, Silvia presentou documentación e unha testemuña (A dona do 10% da vivenda) que demostra a falta de lexitimidade da rentista para alugarlle a vivenda, polo tanto para tamén desafiúza-la, que a vivenda aínda está rexistrada ao nome do IGVS e que non se podería alugar, é por iso que non había recibos, nin estaba declarada. Isto argumenta a defensa, para evitar o desafiuzamento. Agora queda a deliberación do xuíz e a posterior resolución que se saberá entre unha semana e 10 días. A avogada da rentista demandante, solicitou o pago ou o desaloxo da vivenda antes do 15 de febreiro.
O Concello de Ferrol, mediante unha nota do seu gabinete de comunicación saíu ao paso da situación, dicindo que está no asunto e que os servizos sociais están atendendo o caso.
"A muller afectada acudiu a mediados de decembro aos Servizo Sociais de Ferrol para expoñer a urxencia do seu caso, logo da denuncia do particular ao que lle tiña alugada a vivenda.
Tiña unha cita ás 12:00 deste mediodía nos Servizos Sociais de Ferrol á que non puido acudir, polo que foi adiada ao mércores 17, o mais axiña posible.
De arcordo aos datos dos que dispoñemos, é a primeira persoa da lista en optar ao bono alugueiro do IGVS, logo da intermediación do Concello e habida conta da urxencia do seu caso, no que están envorcada a Concellería de Benestar Social sempre coa dilixencia ea reserva no tratamento dos datos particulares que corresponde a estes casos, para ofrecerlle todas as axudas económicas posibles e facer os trámites pertinentes -que xa foron realizados desde o Concello nas competencias que lle son propias a esta Administración-para a súa tramitación.
A concelleira de Benestar Social, Saínza Ruiz, que acudía hoxe a concentración en apoio desta persoa, tamén se comprometeu publicamente a poñer ao seu dispor, unha vivenda de urxencia de titularidade municipal, no caso de que fose necesario no caso de que a Xunta non ofreza a solución que lle compete".
Desde o movemento antidesafiuzamentos, vemos positivo as solucións paliativas, coas que resposta o Concello e dependentes da Xunta de Galicia, mais somos conscientes de que son a moi curto prazo, que vai facer Silvia no futuro inmediato, con apenas un subsidio de desemprego (430,27 euros) dun curto período de tempo (seis meses prorrogábeis de 6 en 6 até un máximo de 21 por ter cargas familiares) e o bono de alugueiro social que cubre unha axuda de 200 euros nun período dun ano (prorrogábel até tres), e sempre no caso de que algún particular, teña a ben alugar-lle unha vivenda. Pois segundo indican desde o Programa Reconduce de Ferrol (Xunta de Galicia), non hai vivendas dispoñíbeis que poda ofertar o IGVS, nin de adxudicación directa, nin do Programa Vivendas Baleiras, nunha cidade que ten máis de 9.000 vivendas baleiras. Non se pode chegar moi lonxe nun Ferrol deprimido social e economicamente, onde as perspectivas de atopar un emprego son mínimas e xa non digamos un emprego minimamente estábel. Só un parque público de vivenda pode solucionar a medio prazo a situación de cada vez máis familias que viven na precariedade residencial.
A demanda de vivenda social en Ferrol (VPP), a 15 de xaneiro deste ano 2018, é de 610 familias e destas 498 solicitan vivenda de alugueiro social, 100 de alugueiro con opción de compra e 12 para comprar.
Continuaremos vendo as mesmas imaxes, en moi poucos días.
Enlace relacionado:
Alerta Urxente: Concentración nos Xulgados de Ferrol, ante un xuízo de desafiuzamento dunha familia sen recursos económicos - Luns 15 de xaneiro, ás 10:45hs - Nin Casas sen Xente, Nin Xente sen Casas ! - Polo dereito a unha vivenda digna e adecuada! | Ir á Web.
Lugar de Encontro e Asesoría Colectiva
---
TODOS OS MARTES (EXCEPTO FESTIVOS) VEMO-NOS EN CARANZA, POLA TARDE, ENTRE AS 17:00 E 19:00 HORAS, NO LOCAL DE FUCO BUXÁN (RÚA ARMADA ESPAÑOLA, Nº 32 BAIXO) ESTAMOS XENTE DE STOP-DESAFIUZAMENTOS E DA PAH DE FERROL E COMARCA. SE QUERES PARTICIPAR ACHEGA-TE.
Nin Casas sen Xente, Nin Xente sen Casas !
Contra o abuso bancario !
Polo dereito a unha vivenda digna e adecuada!
Si se Pode !! Saúde e Vivenda Digna !!
Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra | Está Adherida ás PAHs (17.03.2013) e forma parte da Coordinación Galega de STOPs e PAHs.
Correo-e:
forosocialdeferrolterra@gmail.com
Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/
Páxina no facebook:
https://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra
Local:
Avda. Castelao S/N.
Local de Arméria Soc. coop. Galega
Traseira do Mercado Municipal de Caranza
1406-Ferrol
_______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon