martes, xaneiro 09, 2018

Foi-se o compañeiro Bernardo Bastida - Na mañá do martes, 9 de xaneiro de 2018, finaba o compañeiro por mor dunha enfermidade pulmonar que levaba padecendo desde había tempo - Desde Ártabra 21 queremos lembralo e reivindica-lo como un activista social, defensor da Ría e da Xente do Mar - Nota de pesame e solidariedade de Fuco Buxán do que era membro - Comité Cidadán de Emerxencia: Bernardo Bastida, sempre na nosa memoria, descanse en paz - Vídeo da manifestación do 3 de xuño de 2007 pedindo a súa liberdade


Foi-se o compañeiro Bernardo Bastida, mais fica na memoria de tod@s nós.

A mañá, deste martes 9 de xaneiro de 2018, finaba Bernardo Bastida Sixto por mor dunha enfermidade pulmonar que levaba padecendo desde había tempo. Desde Ártabra 21 queremos lembra-lo e reivindica-lo como un activista social defensor da Ría e da Xente do Mar.


En 4 de maio de 2007 se lle concedía acta de autorización de funcionamento provisional a Reganosa, de xeito ilegal como logo quedou probado polo Tribunal Supremo en sentenzas firmes. Sentenzas que o Goberno Español do PP burlou, excluíndo a Reganosa da obriga de someterse a avaliación de impacto ambiental. Asunto que xa está recorrido.

En maio de 2007 a imaxe dun gaseiro bloqueado na entrada da Ría de Ferrol foi portada de todos os medios de comunicación. A acción que durou varios días, convocada polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, na que participaban centos de cidadáns e cidadás, incluída a "xente do mar" -palabras que utilizaba Bastida para incluír a todas as mariscadoras, mariscadores e demais traballadoras que viven do mar- coas súas lanchas, verdadeira protagonista da acción que impediu a entrada ilegal do primeiro gaseiro cargado con GNL na Ría de Ferrol. Rachábanse, deste xeito, os muros de silencio construídos, para silenciar o despropósito de Reganosa, unha planta de gas construída no corazón da nosa Ría que nos ameaza todos os días.

A resultas daquela acción e doutra posterior do 29 do mesmo mes, Bernardo Bastida, entón patrón maior da Confraría de Ferrol, foi encadeado e procesado. Xulgado varios anos despois, xunto a outros mariscadores. A acción solidaria impediu que Bernardo ingresara de novo en prisión.

Os feitos de maio e xuño de 2007, incluída a detención e prisión de Bastida perante 15 días en Teixeiro, desencadeou unha grande mobilización solidaria co Patrón Maior e de denuncia da Planta de Gas. Miles de persoas nunha grande manifestación, máis de 1.000 auto-inculpacións, e unha marcha a pé da xente do mar até Teixeiro esixindo a liberdade do seu Patrón Maior. Pasados 15 días desde a súa detención, o fiscal une-se á petición de liberdade feita pola defensa, queda en liberdade o compañeiro Bernardo.

Mais Bernardo Bastida, ten o mérito, recoñecido, de facer da Cofradía de Pescadores de Ferrol, unha importante empresa, onde un sector da xuventude conseguiu unha profesión nas artes pesqueiras e marisqueiras, con moitos postos de traballo e unha considerábel facturación, foron anos de logros, mais non exentos de loitas reivindicativas, onde os intereses económicos e asociativos da xente do mar estiveron ben defendidos, concienciando na necesidade da defensa da Ría e do seu saneamento. E conseguindo elevar a autoestima das traballadoras e traballadores do sector.

Bastida, tiña unha dilatada historia de activista, desde a mocidade na loita na clandestinidade nos anos 70, nas filas comunistas contra a ditadura, onde foi represaliado e padeceu prisión; na implantación do sindicalismo en BAZAN até as folgas comarcais contra a mal chamada reconversión e as folgas xerais da Galiza, da primeira metade dos 80, onde foi un destacado activista nos piquetes, pasando pola xa mencionada recuperación do traballo no mar desde a segunda metade dos 80, perante 20 anos de actividade na defensa do sector. Na loita contra Reganosa e a súa colaboración nas Marchas da Dignidade e en Stop Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra.



As compañeiras e compañeiros da asociación Fuco Buxán e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol envían unhas notas de pesar e recoñecemento, ante o falecemento de Bernardo que a continuación reproducimos.

Ante o falecemento de Bernardo Bastida Sixto

Fuco Buxán A.C. quere manifestar o seu profundo pesar polo falecemento no día de hoxe de Bernardo Bastida Sixto, compañeiro e socio da nosa asociación. Transmitirlle a súa compañeira Analuz , fillos Anuska e Pedro e familia o noso pesar e solidariedade.

Bernardo Bastida, nacera  en 1949, entrando de aprendiz na Bazán, onde traballou, ate ser despedido a consecuencia dos feitos do 1972 (foi detido e encadeado na prisión d'A Coruña), e readmitido coa amnistía de 1977.

Militante activo, desde a clandestinidade, do PCG e das CCOO, foi enlace sindical, detido e procesado polo TOP. Durante anos foi o Patrón Maior da Confraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol donde realizou unha defensa activa deste colectivo, así como da Ria, sendo detido e procesado pola acción de bloqueo da entrada dos primeiros gaseiros cargados con GNL para Reganosa

Lembraremos sempre del a súa entrañable amizade e o seu compromiso, sindical, político e social. Descanse en Paz

Tanatorio Artabria  Sala Nro 9, sendo incinerado este mércores 10 de xaneiro, ás 18 horas.

---

O Comité Cidadán de Emerxencia lamenta profundamente o falecemento do amigo e compañeiro Bernardo Bastida, ExPatrón Maior da Confraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol, que tivo lugar esta tarde, tras longa enfermidade, no Hospital Xeral de Caranza.

O lembraremos sempre como un dos principais colaboradores deste CCE na defensa da legalidade, da Ría e da Vida contra a ilegal e perigosa Planta de Gas, aínda a costa da súa liberdade.

Bernardo Bastida Sixto, naceu en Ferrol en 1949, e entrou de aprendiz en BAZÁN, ao tempo que militaba activamente, na clandestinidade, no PCG e nas CCOO. Como consecuencia dos sucesos do 10 de marzo do 72, foi despedido da Empresa, detido, torturado na Prisión Naval de Caranza, sometido a Consello de Guerra, encarcerado en A Coruña e procesado polo T.O.P. no Xuizo dos 23.

Coa amnistía de 1977 retornou a BAZÁN continuando a súa militancia política e sindical, como membro do Comité de Empresa.

Foi durante varios anos Patrón Maior da Confraría Ferrolá, onde encabezou una eficaz defensa dos intereses deste colectivo que lle custou numerosas sancións.

Tivo unha participación destacada na loita contra a instalación de REGANOSA no interior da Ría e no bloqueo a entrada dos primeiros Gaseiros cargados con GNL, en maio de 2007, sendo detido e confinado vinte días na Cárcere de Teixeiro, o que motivou numerosas e multitudinarias manifestacións e unha Marcha a pé dos Mariscadores ate aquela Prisión, para exixir a súa liberdade. Por tales feitos foi procesado con outros mariscadores e multado en 2014.

A pesar dos seus graves problemas de saúde estivo sempre presente nos actos reivindicativos, amosando o seu compromiso político e social de toda a vida.

Bernardo Bastida, sempre na nosa memoria, descanse en paz.

Mañá mércores, día 10 de xaneiro, unha vez realizada a autopsia, será trasladado ao Tanatorio Artabria, na Gándara, onde será incinerado ás 18 hs.

Álbum fotográfico. | Acceder/Baixar.
---

Manifestación en Ferrol, pola Liberdade de Bernardo Bastida, o domingo 3 de xuño do 2007.


https://youtu.be/R2pL7IDlIus


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon