mércores, xaneiro 10, 2018

Xornada contra a mina de Touro-O Pino, este sábado 13 de xaneiro, un evento organizado pola eurodeputada galega Lídia Senra e a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non, será no Hotel Bello do Pino - Participarán tamén persoas da loita contra as minas de Corcoesto, Lousame, A Terra Cha, As Encrobas e Xanceda, así como de Roitinto


Xornada contra a mina de Touro-O Pino, este sábado, para debater sobre un problema que é de todos/as. | O evento, organizado pola eurodeputada Lídia Senra e a plataforma veciñal Mina Touro-O Pino Non, será no Hotel Bello do Pino todo o día. | Participarán tamén persoas da loita contra as minas de Corcoesto, Lousame, A Terra Cha, As Encrobas e Xanceda, así como de Roitinto

Persoas implicadas de forma moi activa na loita contra a minaría en diferentes lugares de Galiza daranse cita este sábado, 13 de xaneiro, no Pino, para intercambiar experiencias, poñer en común puntos de vista e debater sobre os efectos deste tipo de explotacións. O evento, organizado pola eurodeputada Lídia Senra, está concibido ademais para arroupar á plataforma veciñal Mina Touro-O Pino Non, que leva meses pelexando contra o proxecto de nova mina de extracción de cobre que pretende abrir na cotorna Cobre San Rafael S.L, -empresa participada por Atalaya Mining, a mesma dona das minas de Riotinto en Huelva-, e que ocuparía unha área de 689 hectáreas, das que se extraerían 267 millóns de toneladas durante 16 anos e medio.

A xornada desenvolverase durante todo o sábado no Hotel Bello, situado no concello do Pino, con carácter aberto. Neste sentido, a europarlamentaria Lídia Senra anima a todas as persoas a achegarse. “Estamos ante un problema que, de ir adiante, nos vai afectar a todas e a todos, non só á xente que vive á beira dos terreos mineiros no Pino e Touro”, defendeu, e chamou a tomar conciencia e á mobilización en toda Galiza para frear “esta aberración que poñería en perigo a saúde das persoas, do medio ambiente, do río Ulla e afluentes, o marisqueo da ría de Arousa, as explotacións gandeiras que hai na zona, os establecementos turísticos que viven do Camiño de Santiago,…, é moito o que está en xogo”. Senra lembra ademais que xa puxo sobre aviso á Comisión Europea e ao Parlamento Europeo sobre este proxecto, a través dunha pregunta parlamentaria feita por escrito o ano pasado, e a través dunha intervención no pleno europeo en Estrasburgo e dunha carta que lle remitiu ao comisario europeo de Medio Ambiente Karmenu Vella. “E non cesaremos en seguir denunciando por todos os medios posibles este proxecto mineiro ante a UE”, asegurou. “Entre todas e todos temos que paralo. Só coa presión e a mobilización social se logrará”, dixo.

A xornada comezará pola mañá a partir das 10:30 cun coloquio sobre o proxecto mineiro Touro-O Pino e as consecuencias que traerá, no que intervirán como ponentes membros da plataforma, a propia Lídia Senra e Aurora Puentes, Doutora en Bioloxía e membro da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). Ás 12:30 horas, Miguel Ángel Collado Aguilar, doutorando en Historia da Universidade de Huelva e veciño de Nerva realizará unha ponencia con debate posterior sobre a experiencia vivida en Riotinto, que é o principal activo da mineira Atalaya Mining.

Pola tarde, a partir das 16:30 horas, terá lugar o coloquio “Galiza non é unha mina, pero hai quen pretende que o sexa”, no que se realizará un repaso ás últimas loitas galegas contra minaría e no que intervirán Braulio Amaro, voceiro da Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños; Joam Evans, membro da Sociedade Coluna Sanfins de Lousame e ContraMINAcción; Marga Prieto Ledo, coordinadora la loita contra a minaría salvaxe do Sindicato Lagrego Galego (SLG) e representante da Comisión das minas da Terra Cha; e Mero Iglesias Dobarro, membro da Coordinadora Antiminas de Xanceda, en Mesía.

Xa ás 19:00 horas, e para rematar, terá lugar a proxección do documental “As Encrobas, a ceo aberto” e posterior coloquio do director do filme, Xosé Antón Bocixa Rei.

Santiago, 9 de xaneiro de 2018.

Máis información:

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/

Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
9 de janeiro de 2018 14:04
______________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon