mércores, xaneiro 10, 2018

A eurodeputada galega Lidia Senra esixe á UE que deixe de amparar o espolio do Sáhara Occidental e respecte as conclusións do TXUE - Saúda que a xustiza europea se reafirme en que Marrocos e a Unión Europea non poden asinar acordos que afectan aos recursos saharauís - Lidia recorda que Marrocos non pode ser considerado como un interlocutor pola UE no relativo aos intereses do pobo saharauí - Vídeo da Intervención da Eurodeputada no Parlamento Europeo


Lidia Senra esixe á UE que deixe de amparar o espolio do Sáhara Occidental e respecte as conclusións do TXUE. | Saúda que a xustiza europea se reafirme en que Marrocos e a Unión Europea non poden asinar acordos que afectan aos recursos saharauís. | A eurodeputada galega recorda que Marrocos non pode ser considerado como un interlocutor pola UE no relativo aos intereses do pobo saharauí.

Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), recibiu con satisfacción a opinión emitida hoxe polo avogado xeral do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), que establece que o Acordo de Pesca asinado en 2006 entre a Unión Europea e Marrocos non pode en ningún caso ser aplicado ao Sáhara Occidental nin ás augas adxacentes. “O TXUE está a darlle a razón ao pobo saharauí reiterando que este Acordo de Pesca estase a aplicar ilegalmente nun territorio ocupado, en contra do Dereito Internacional e impedindo que o Sáhara Occidental dispoña libremente dos seus recursos naturais”, recalcou a eurodeputada galega, representante suplente para o GUE/NGL na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo.

As conclusións feitas públicas hoxe polo avogado xeral da UE, paso previo dunha futura sentencia, “constitúe unha nova vitoria do pobo saharauí fronte aos acordos que a UE asina cun país ocupante como é Marrocos, acordos ilexítimos que teñen que acabar xa. É inadmisíbel que dende as institucións comunitarias se ampare e se colabore co espolio do pobo saharauí”, criticou. Senra entende que o avogado xeral da UE “é moi claro ao establecer que a explotación pesqueira por parte da Unión das augas adxacentes ao Sáhara Occidental, instaurada e aplicada polos actos impugnados, non respecta o dereito á libre determinación do pobo saharauí”.

Está previsto que proximamente comecen as negociacións para renovar o acordo de Pesca entre a UE e Marrocos, que vence nuns meses. “Que agarda a Comisión Europea para poñer fin a esta situación? A aplicación deste acordo é ilegal e a UE non pode seguir escudándose nel nin seguir tratando a Marrocos como interlocutor no referente aos territorios ocupados do Sáhara Occidental”, apremiou a eurodeputada galega.

Senra, que xa o ano pasado denunciou a explotación ilegal dos fosfatos saharauís polo Reino de Marrocos e foille impedida a entrada, xunto a outras eurodeputadas, a El Aaiún no curso dunha visita a colectivos e activistas saharauís, lembra que esta non é a primeira vez que o TXUE tumba acordos comunitarios con Marrocos por aplicarse ilegalmente ao territorio e aos recursos do Sáhara Occidental, “en decembro de 2016 unha sentencia do TXUE declarou que o Acordo de Asociación de 1996 e o Acordo de liberalización en materia de produtos agrícolas, pescado e produtos de pesca de 2012 non podían aplicarse ao Sáhara Occidental, a UE ten que deixar xa de eludir o recoñecemento ao pobo saharauí sobre os seus propios recursos naturais”.

Bruxelas, 10 de xaneiro de 2018


https://youtu.be/WscPgtecND8

Intervención da eurodeputada galega en sesión plenaria no marco do debate sobre a proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello para o establecemento de disposicións relativas á comercialización de produtos fertilizantes co marcado “CE” -modificando os Regulamentos (CE) n.º 1069/2009 e (CE) n.º 1107/2009-.

Canle de AGE en Europa. | Ir á canle.

Máis información:

Lídia Senra, eurodeputada galega. | Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/     

https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
10 de janeiro de 2018 18:21

___________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon