Lídia Senra insta ao Estado español a abolir a dispersión penitenciaria, como recomenda o Parlamento Europeo. | Accede por primeira vez ao interior dun cárcere, acreditada como eurodeputada, para visitar a unha galega interna no penal de León. | Pídelle á CE que medie para que se respecten os dereitos humanos e pregunta cantas persoas hai en prisións alonxadas do seu domicilio.
A eurodeputada galega Lídia Senra insta ao Estado español a abolir dunha vez por todas as políticas de dispersión penitenciaria e a facer caso canto antes da Resolución do Parlamento Europeo sobre condicións e sistemas penitenciarios aprobada a finais do ano pasado polo pleno da Eurocámara. Dito texto di no seu artigo 29, recollendo a emenda realizada meses antes por Senra á proposta inicial de resolución, que “condena a política penitenciaria de alonxamento que aplican algúns Estados membros xa que constitúe un castigo engadido para as familias dos reclusos e reclusas” e “insta a elaborar medidas que permitan o achegamento de todos os reclusos e reclusas que estean lonxe dos seus fogares”.
Seguindo estas recomendacións aprobadas, a europarlamentaria galega remitiu hoxe mesmo unha carta dirixida á Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, dependente do Ministerio do Interior, na que pide ser informada sobre o número de persoas galegas que a día de hoxe cumpren condena nunha prisión que está fora da Galiza. Tamén pide coñecer o número de prazas de internos e internas que hai nas prisións galegas e cantas persoas están presas en cárceres galegos sendo de fóra. “Gustaríame saber que é o que leva ao Estado español a ensañarse de semellante maneira coas familias dos reclusos e reclusas e a obrigalas a ter que desprazarse todas as semanas centos de quilómetros para poder facer as visitas, co gasto a maiores e a perigosidade que iso supón. Estou segura de que na Galiza hai espazo suficiente para albergar a todas as persoas galegas que por orde xudicial permanecen presas. Por que non se reordena o sistema penitenciario de forma que cada persoa cumpra condena no centro máis próximo ao seu fogar? Non existe razón obxectiva para non facelo!”, dixo.
Lídia Senra experimentou de forma directa a pasada fin de semana o que significa a dispersión penitenciaria, xa que por primeira vez, o venres pasado realizou unha visita a dentro dun cárcere, autorizada polo Miniterio de Interior a acceder en calidade de eurodeputada. Concretamente, Senra visitou a María Osorio, unha moza galega que está presa no centro penitenciario de León, en Mansilla de las Mulas. Até alí viaxou en coche, desde Santiago de Compostela, percorrendo 400 quilómetros ida e outros 400 quilómetros volta, é dicir, 8 horas conducindo, con tramos nos que había neve e dificultades para a boa circulación. Esta situación, incluso con percorridos maiores, teñen que vivila as familias e amizades que van visitar aos presos e presas alonxados todas as semanas. Cando as visitas son por locutorio, non lles permiten estar dentro máis de 40 minutos. "É unha crueldade sometelas a facer semellante traxecto de distancia”, denunciou.
Ademais da carta enviada hoxe ao Ministerio de Interior, a europarlamentaria rexistrou tamén hoxe unha nova pregunta por escrito dirixida á Comisión Europea, na que insta ao organismo comunitario a mediar para que se respecten os dereitos humanos e lle pregunta se ten constancia das persoas que hai sometidas a dispersión penitenciaria no Estado español. “Segundo o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos, recluír a unha persoa nun cárcere situado tan lonxe da súa familia que as visitas dos familiares sexan moi difíciles ou incluso imposibles pode constituír unha violación do artigo 8 do Convencio Europeo dos Dereitos Humanos. Creo que as políticas que aplica o Estado español en moitos casos de galegos e galegas que como María Osorio están lonxe da súa terra son unha claro exemplo de vulneración do dereito internacional”, defende Senra, e pide rematar xa con estas prácticas, así como coa invisibilidade destas situacións e de todos os problemas e vulneracións de dereitos que padecen as persoas presas.
No que vai de lexislatura, Senra ten presentado a maiores da de hoxe, nove preguntas escritas á CE denunciando diferentes aspectos e casos de violacións dos dereitos humanos nas prisións do Estado. Así, ten denunciado ademais das políticas de dispersión, o réxime FIES no que catalogan por exemplo aos presos e presas independentistas, o abuso da permanencia obrigatoria en módulos de illamento, malos tratos acontecidos no penal de Teixeiro e tamén en León e en Dueñas (Palencia), dificultades para acceder a visitas na Lama, etc[*].
Santiago, 22 de marzo de 2018.
Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861, lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ | https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez.
[*] Relación de preguntas
[1] Pregunta rexistrada o 24 de xaneiro do 2018 sobre torturas e malos tratos continuos na prisión de Teixeiro: http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-//EP//TEXT+WQ+E-2018-000385+0+DOC+XML+V0//PT
- Pregunta rexistrada o 30 de novembro do 2017 sobre dificultades da Asociación Concepción Arenal para poder visitar a presos e presas por locutorio: http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-//EP//TEXT+WQ+E-2017-007393+0+DOC+XML+V0//PT
- Pregunta rexistrada o 28 de xuño do 2017 sobre violación dos dereitos do galego Adrián Mosquera Pazos no penal de León: http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-//EP//TEXT+WQ+E-2017-004300+0+DOC+XML+V0//PT
- Pregunta rexistrada o 30 de setembro do 2016 sobre boas prácticas e supervisión de detención nos Estados membros: http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-%2f%2fEP%2f%2fTEXT%2bWQ%2bE-2016-007388%2b0%2bDOC%2bXML%2bV0%2f%2fES&language=ES
- Pregunta rexistrada o 7 de xuño do 2016 sobre dispersión penitencaria aplicada a independentistas galegos no Estado español: http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-//EP//TEXT+WQ+E-2016-004688+0+DOC+XML+V0//PT
- Pregunta rexistrada o 7 de xuño do 2016 sobre a situación na que se atopaba o preso galego Raúl Agulleiro Cartoy en réxime de illamento no penal de Estremera: http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-%2f%2fEP%2f%2fTEXT%2bWQ%2bE-2016-004687%2b0%2bDOC%2bXML%2bV0%2f%2fES&language=ES
- Pregunta rexistrada o 7 de xuño do 2016 sobre o réxime FIES no Estado español: http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-%2f%2fEP%2f%2fTEXT%2bWQ%2bE-2016-004686%2b0%2bDOC%2bXML%2bV0%2f%2fES&language=ES
- Pregunta rexistrada o 30 de maio do 2016 sobre torturas e malos tratos no centro penitenciario galego de Teixeiro: http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-%2f%2fEP%2f%2fTEXT%2bWQ%2bE-2016-004302%2b0%2bDOC%2bXML%2bV0%2f%2fES&language=ES
- Pregunta rexistrada o 11 de xuño do 2015 sobre a situación dun preso galego vítima de malos tratos na prisión de Dueñas (Palencia): http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-//EP//TEXT+WQ+E-2015-009457+0+DOC+XML+V0//PT
Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
22 de março de 2018 13:30
________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon