Activistas feministas de distintos colectivos sociais participarán dende mañá até o vindeiro xoves 8 nun foro internacional en Bruxelas. | Neste intercambio abordaranse, entre outros aspectos, a situación das mulleres no medio rural, a desigualdade laboral ou movemento #MeToo
Vinte e catro mulleres pertencentes a diferentes colectivos que loitan polos dereitos das mulleres na Galiza desprazaranse a Bruxelas dende mañá, martes 6, até o xoves 8 de marzo, a iniciativa da eurodeputada Lídia Senra, para participar nas actividades do Foro Feminista ‘Feminismo sen fronteiras’ que organiza este ano o Grupo Parlamentario Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).
Concelleiras como Sandra Pesqueira (Marea Marín) ou Margarita López (Marea Vigo), así como integrantes de Alternativa Canguesa de Esquerdas, da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza, de SOS Racismo, da Marea Feminista de Vigo, de Andaina Mulleres, do Grupo de Traballo en Igualdade do Colexio Profesional de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia “Fiadeiras”, de Anova Ourense, da Confederación Intersindical Galega (CIG), do colectivo Arente do Chan, do proxecto Buserana e do Sindicato Labrego Galego (SLG) formarán parte deste grupo.
Durante estes tres días de actividade no Parlamento Europeo, a mulleres que integran a delegación galega terán a oportunidade de intercambiar experiencias con representantes chegadas de Polonia, Alemaña, Ucraína, Grecia ou Italia de #MeToo, o coñecido movemento internacional que leva unha década denunciando a través das redes sociais casos de abuso e acoso machista.
Tamén terán ocasión de visitar a exposición “Vitorias do Feminismo”, da artista gráfica feminista do Estado español María Inmaculada Ramos Pizarro, e de coñecer o traballo que realiza a ONG portuguesa O Ninho de apoio ás mulleres que abandonan a prostitución. No Foro tamén estará presente o Mouvement du Nid, que loita en Francia contra as causas e consecuencias da prostitución, a través do seu secretario xeral Grégoire Thery, iniciador ademais da campaña de homes que apoian #MeeToo. Igualmente, está previsto un coloquio sobre Xénero e Migración, centrado nas loitas contra o racismo desde unha perspectiva feminista en cooperación coa ONG Le Monde selon les Femmes, coa Iniciativa Feminista Euromed IFE-EFI, e coa Asociación de Solidariedade de Mulleres Árabes.
Outro dos coloquios centrarase na importancia de lograr a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e nenas no medio rural. Nel intervirán como relatoras a propia Lídia Senra; a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba; a responsábel do GUE/NGL na Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero, Ángela Vallina; a directora do Instituto Universitario UC3M de Estudos de Xénero do Estado español, Rosa San Segundo; a directora da Fundación de Estudios, Acción y Participación Social (FEDAEPS, Ecuador), Irene León; a presidenta da Asociación de Mulleres Vítimas da Esterilización Forzada en Chumbivilcas (Perú), Inés Condori; e a membro da organización labrega Ecumenical Association for Sustainable Agriculture and Rural Development (ECASARD, La Vía Campesina África), Gladys Serwaa, de Ghana.
O programa completarase cun coloquio centrado na importancia da igualdade de remuneración e a negociación colectiva como elemento de equidade, e a conferencia “#YouthVoices: ser nena e muller nova en tempos de violación e cultura porno”.
Así mesmo, está previsto que na noite do mércores 7 de marzo teña lugar un evento cultural na Sala La Tentation, Centro Galego de Bruxelas, con stands de información de ONGs e co concerto gratuíto da africana Manou Gallo e a súa banda, aberto a todas aquelas persoas que queiran asistir.
Durante a realización do Foro tamén se levará a cabo unha acción fotográfica de apoio á Folga Feminista Internacional, e ese xoves 8 de marzo as persoas participantes no evento feminista internacional do GUE/NGL uniranse ás actividades públicas organizadas pola Marcha Mundial das Mulleres na Estación Central de Bruxelas a partir das 15:00 horas.
Bruxelas, 5 de Marzo de 2018.
Lídia Senra Rodríguez, Eurodeputada galega integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861 | lidia.senra@europarl.europa.eu |
http://ageuropa.gal/ | @LidiaSenra.
Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
5 de março de 2018 10:51
_____________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon