Lídia Senra fará folga feminista mañá e só participará nas actividades de loita polos dereitos das mulleres. | A eurodeputada reclama a fin da fenda nos salarios e nas pensións e a aplicación das leis de igualdade desde unha perspectiva non machista. | Igualdade dende a educación e asunción de que tras os privilexios dos homes está a discriminación das mulleres, reivindicacións das galegas.
Lídia Senra secundará este xoves, 8 de marzo, a convocatoria de Folga Feminista. E eurodeputada galega do GUE/NGL só participará nas actividades organizadas para apoiar a folga e para loitar polos dereitos das mulleres, cancelando todo o resto da súa axenda e todos os actos que podía ter no día. “Sóbrannos razóns para ir á folga”, dixo e anunciou que ela tamén vai á folga “porque queremos que se apliquen as leis de igualdade desde unha perspectiva non machista; porque queremos rematar coa violencia machista; porque queremos acabar coa fenda salarial, coa fenda das pensións tamén; porque queremos corresponsabilidade nos coidados; porque queremos que se aplique a lei de titulariedade compartida nas explotacións agrarias; e porque as mulleres queremos poder vivir a nosa vida con tranquilidade e sen violencias machistas”.
Senra leva xa dous días participando en Bruxelas no Foro Internacional Feminista organizado polo seu grupo, o Grupo Parlamentario Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), ao que tamén se desprazaron, a iniciativa dela, un grupo de 24 galegas pertencentes a diferentes colectivos que loitan polos dereitos das mulleres na Galiza. Dentro da extensa programación do Foro, hoxe tivo lugar unha mesa de debate centrada na importancia de lograr a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e nenas no medio rural. Nel interviron como relatoras a propia Lídia Senra; a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba; a responsábel do GUE/NGL na Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero, Ángela Vallina; a directora do Instituto Universitario UC3M de Estudos de Xénero do Estado español, Rosa San Segundo; a directora da Fundación de Estudos, Acción e Participación Social (FEDAEPS, Ecuador), Irene León e a presidenta da Asociación de Mulleres Vítimas da Esterilización Forzada en Chumbivilcas (Perú), Inés Condori.
Irene León, que despois da súa estancia no Parlamento Europeo acompañará a Lídia Senra e viaxará a Galiza, destacou o feito de que “tras terse consumado a globalización e con ela a expansión do capitalismo e da súa cultura de poder patriarcal a escala mundial, a perspectiva antipatriarcal de transformación integral, presente no pensamento feminista, é máis indispensable que nunca”. Abordou tamén expresamente a situación das mulleres no medio rural, e criticou que habitualmente “a existencias das mulleres rurais é lida en negativo, victimizando”, apostando polo seu empoderamento “tomando en conta os seus coñecementos históricos”.
Isabel Vilalba pola súa banda, encetou a súa intervención aledándose de que por vez primeira podíase expresar en galego nas institucións europeas, grazas á xestión que dende a oficina da eurodeputada galega se fixo da loxística de interpretación deste Foro internacional. A Secretaria Xeral do SLG introduciu o seu discurso afirmando que as mulleres alimentan o mundo, “o cal pode ser chamativo en Europa, onde asistimos á destrución progresiva do modelo labrego de produción de alimentos, onde as mulleres son protagonistas. Entre un 60 e un 80% da alimentación esta producida por labregas”. Avanzou lembrando a estreita relación entre patriarcado e capitalismo subliñando que “moitas veces as políticas económicas europeas están na causa da desposesión das mulleres labregas, e na espiral de violencia. Ate a FAO recoñeceu que o acoso sexual ás mulleres que traballan como asalariadas acada cotas arrepiantes”. Analizou que tamén a discriminación presente noutros eidps estase a dar no ámbito da representación as mulleres nas organizacións agrarias, onde calificou o feito de que as mulleres ocupen os máximos postos de coordenación, ou teñan órganos de dirección paritarios como “unha completa anomalía”. Fronte a esta realidade, Vilalba puxo o exemplo de pasos dados para a despatriarcalización por parte do Sindicato Labrego Galego, tales como “o fortalecemento dun espazo específico das mulleres, a Secretaría das Mulleres; a participación das mulleres en todos os niveis da organización e a paridade nos estatutos dende o ano 20007, así como a participación no movemento feminista, formando parte a Secretaría das Mulleres dende o ano 2003 na Marcha Mundial das Mulleres”.
A eurodeputada Lídia Senra, que foi co-poñente no ano 2016 dun informe do Parlamento Europeo sobre mulleres rurais, e que participará dentro de dúas semanas en Nova York na reunión de ONU Mulleres que abordará como tema principal os desafíos e oportunidades das mulleres e nenas no mundo rural, denunciou na sinerxia de “rapiña” que o capitalismo está a facer dos recursos naturais, da que existen abondosos exemplos tamén na UE e na Galiza, “as loitas contra estes ataques que se están a levar adiante dende o medio rural están sendo apoiadas pola sociedade, pero moi especialmente protagonizadas polas mulleres”. Mulleres que, en moitas ocasións, “precisamente sofren con maior intensidade as distintas violencias despregadas polas grandes corporacións”.
Asemade, aproveitou a súa intervención para destacar “a forza que está a coller na Galiza e no Estado o debate sobre a folga feminista convocada para mañá” aludindo a enquisas publicadas nestes días polos medios de comunicación que recollen que o 82% das persoas afirman coincidir cos motivos expostos para a convocatoria da mesma. “Paréceme que estamos avanzando, e esta folga tense que extender, ten que chegar a ser a nivel planetario porque é a única forma de cambiar a vida das mulleres”. Porén, a eurodeputada galega foi tamén crítica expresamente con propostas que relativizan a convocatoria desta xornada de folga, “unha vez máis o machismo non é capaz de dixerir que sexamos as mulleres as que levemos a iniciativa, as que convocamos unha folga. Os sindicatos de clase quérennos emendar a plana convocando paros de dúas horas, non o podemos consentir”. Enlazando con esta análise animou a “dende a esquerda”, afrontar “o reto de definir propostas para despatriarcalizar as sociedades”, como teñen avanzado xa por exemplo Gobernos latinoamericanos como os de Bolivia e Ecuador.
Nota.- Fotografías da participación das mulleres galegas durante estes días no Foro Feminista do GUE/NGL no Parlamento Europeo en Bruxelas.
Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861 | lidia.senra@europarl.europa.eu. | https://ageuropa.gal/
Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
7 de março de 2018 17:30
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon