Lídia Senra valora o anuncio da CE de lexislar para prohibir as “prácticas desleais” na cadea alimentaria. | Phil Hogan presentou hoxe no PE as claves da proposta de Directiva da CE para abordar cuestións como a demora nos pagos ao sector produtor. | Lídia Senra reivindica retomar a regulación dos mercados e da produción como un ferramenta de base para frear os abusos na cadea alimentaria.
A coordenadora da Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural para o Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), Lídia Senra, saúda o anuncio realizado esta mañá polo Comisario de Agricultura Phil Hogan da posta en marcha por parte da Comisión Europea (CE) dunha proposta de directiva para paliar as coñecidas como “prácticas desleais” na cadea de subministro de alimentos.
Se ben durante a sesión da Comisión de Agricultura do PE celebrada hoxe o Comisario Hogan unicamente formulou as liñas principais, a falta de que se faga público o texto definitivo que vai presentar a CE, Senra destacou a importancia de que o ente comunitario “por fin supere a fase de análise e comece a dar pasos de cara a elaborar unha lexislación que poña couto aos abusos que se están a dar na cadea alimentaria”.
Algunhas das cuestións que semella van ser abordadas por parte da Comisión Europea recollen demandas que se veñen denunciando dende as organizacións labregas dende fai moitos anos, e que a nivel galego teñen un impacto moi significativo en sectores tan relevantes como o vacún ou o hortofrutícola. “Valoramos positivamente que a CE identifique como prácticas concretas a prohibir os retrasos nos pagos ás produtoras e produtores de produtos perecedoiros, ou as cancelacións de última hora e as modificacións unilaterais ou retroactivas dos contratos”, destacou. “Tamén é interesante que a proposta que vai desenvolver a Comisión obrigue aos Estados a designar unha autoridade pública encargada de facer cumprir as novas normas”.
Malia todo, a xuízo da eurodeputada galega “se como di a CE, o que se pretende é rematar ca incerteza e riscos aos que teñen que facer fronte ás labregas/os e pequenas e medianas explotacións, ademais de prohibir prácticas concretas debería deixar de eludir abordar politicamente o problema de base, que non é outro que a necesidade de establecer medidas de control das producións e os mercados”.
Dende a súa participación como coordenadora na Comisión de Agricultura, Lídia Senra realizará un seguimento exhaustivo da proposta da Comisión Europea e presentará unha batería de emendas de cara a avanzar na protección das labregas e labregos fronte ás prácticas abusivas na cadea agroalimentaria impostas maiormente polas grandes industrias.
Bruxelas, 12 de Abril de 2018.
Oficina de Lídia Senra, Eurodeputada Galega do Grupo da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Comisión de Agricultura e na
Comisión de Pesca. | Asamblea Paritaria África, Caribe, Pacífico-UE. |
0034 609 845 861/+32(0)2 28 45414/+33(0)3 88 1 75414 .| lidia.senra@europarl.europa.eu. | http://ageuropa.gal/ | twitter | facebook
Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
12 de abril de 2018 13:3
___________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon