Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
25.04.2018
A REVOLTA DAS MULLERES E A SOBERANÍA ALIMENTAR
A iniciativa dos nacionalistas, vimos de comemorar en Trasancos, no pasado marzal, o centenario da coñecida como Revolta das Pedradas ou Revolta das Mulleres, pois elas foron as protagonistas principais dos feitos. Ao que parece, os días 8 e 9 de marzo de 1918 iniciouse a primeira protesta na feira de Xuvia ao proibir o governador a saída de trigo para a bisbarra o que encareceu o pan e fixo que as mulleres iniciasen as protestas perante os negocios e comercios dos acaparadores. A única resposta foi a represión armada. Artéllanse o 10 as comisións de mulleres que, como protesta, coutan o suministro de alimentos e materias a Ferrol mirando a un tempo de negociar co governador mentres arremesan as pedradas contra os comerciantes responsabeis das persoas feridas. Axiña, os días seguintes, únense as mulleres de Ferrol e Serantes que sitian Ferrol cortando todos os accesos polas rúas, o porto e os camiños de ferro. Somando o apoio dos obreiros do estaleiro e o arsenal que convocan un paro xeral. Pechan os comercios e ao berro de Temos fame! Abaixo os acaparadores! (lema tristemente actual) maniféstanse polas rúas. A represión con disparos fai que morran un neno e un mozo. Como di Francisco Rodríguez, seguen dez días de axitación e de represión sanguenta. En Maniños, as mulleres asaltan un comboio de fariña quitándolle toda a carga e repartíndoa. A escaseza e altos prezos dos alimentos básicos como a fariña, o trigo e o pan, motivada pola especulación dos acaparadores en plena guerra mundial, levaran ao povo de Trasancos a unha situación de desesperación e fame de tal calibre que as mulleres, responsábeis da subsistencia das familias, víranse abocadas a revoltarse contra tamaña inxustiza social. As forzas caciquís foron o albo das súas xustas reclamacións. E unha vez máis, como hoxendía, as pedras do povo erguéronse contra as balas do poder. O que despois aconteceu está a dispor de todos grazas á recuperación da memoria histórica de tales feitos divulgados en palestras, na hemeroteca e na estupenda monografía que nos brindou Sermos Galiza.
Mais tralo louvabel relato do pasado e os diversos actos de homenaxe por todo Trasancos, bótase en falla unha actualización de comparanza do acontecido na Revolta das Mulleres con miras no presente e proxeción de futuro.
Porque a Revolta das Pedradas ten certos paralelismos de ocupación colonial coa Intifada palestina nos territorios ocupados polo Estado de Israel. E non só polo feito de vermos o arrebolamento dunha pedra contra unha bala. Símbolo acaso lucidío do desmedido da inxustiza e da afouteza dun povo desesperado que non se rende.
As crises alimentarias ou de subsistencias, acompañadas das cíclicas pestes, foron unha constante na historia das sociedades clasistas agudizadas co capitalismo e a desposesión dos territorios e a vida comunitaria. A progresiva perda da soberanía alimentar está detrás de todas estas revoltas. Xa en 1892 o comunista libertario Piotr Kropotkin escrevía A conquista do pan amosando cómo o feudalismo e o capitalismo creavan miseria e escaseza no povo para privilexiar o engorde das clases nobre e burguesa, respectivamente. El defendía a necesidade dun sistema económico descentralizado baseado na axuda mutua e a cooperación voluntaria. Algo moi coñecido no sistema minifundiario galego rural se non fora polo acoso do poder e a globalización capitalista dos mercados.
Mais que ocorrería hoxe se, de sócato, por un suceso incontrolavel nun mundo hiperdependente da globalización selvaxe do Capital, pecharan hoxe os portos, as estradas e os camiños de ferro?. E se no canto de as mulleres revoltármonos contra a miseria á que hoxe nos sumeten os actuais acaparadores especulativos (banca e transnacionais) fora un colapso enerxético quen fixera inviabel o tráfico de mercadorías de primeira necesidade. E se ás grandes superficies deixaran de chegar as froitas tropicais, as peras chilenas, as laranxas mexicanas, os polbos marroquinos, os cereais alleos, e un longo etcétera de alimentos que deixamos de producir os galegos por térennos expropiado o territorio para lucro das transnacionais. Porque hoxe perdimos a nosa soberanía alimentar!. E só fica un ermo eucaliptal non comestivel. As hortas botáronse a perder co éxodo rural políticamente programado, coa especulación urbanística e coa política das grandes superficies que son o reino dos Monsanto, dos Novartis, dos DuPont, dos Advata...que nos impoñen selvaxes tratados de livre comercio como o TTIP e dirixen as políticas públicas alimentarias de todo o planeta. Adónanse das sementes e incluso dos recursos hídricos. Secuestrando o suministro mundial de alimentos, como moi ben aponta Vandan Shiva en Colleita roubada. Así que se hoxe fixeramos unha revolta das mulleres, contra quen arremesariamos as pedradas?.
[*] Iolanda Teixeiro Rei -Ferrol, activista ecoloxista e decrecentista, articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Sermos Galiza.
Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
20 de abril de 2018 11:16
_______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon