Mariñeiro traballando cunha nasa para polbo - Foto: Fundación Lonxanet para a Pesca Sostíbel |
A Comisión de Pesca do Parlamento Europeo vén de aprobar un informe sobre “Optimización da cadea de valor no sector pesqueiro” incorporando nove emendas a favor da pesca local e artesanal impulsadas pola eurodeputada galega Lídia Senra, quen ademais foi a responsábel do seguimento deste texto para todo o Grupo da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).
“Estamos contentas de que dende a Eurocámara se vaia avanzando no recoñecemento da importancia da pesca artesanal e local, o seguinte paso será a votación na sesión plenaria do Parlamento Europeo, onde este texto debe ser referendado; logo agardamos que a Comisión Europea plasme estes avances en medidas concretas”, explicou. Con todo, Senra considera que para a valorización dos produtos da pesca local é indispensable asegurarlle ás novas xeracións o futuro do sector, e “iso pasa necesariamente por garantir cotas dignas para os mariñeiros e mariñeiras da frota artesanal e un maior control dos recursos”, tal e como recolleu outra das súas emendas adoptadas.
Froito do traballo de consultas co sector artesanal galego, entre as emendas aprobadas presentadas por Senra atópase o fomento da cooperación entre o sector público e o sector pesqueiro mediante o subministro a establecementos públicos -tales como escolas e hospitais- con produtos procedentes da pesca local, unha das reivindicacións históricas dos traballadores e traballadoras da frota artesanal xunto ca pertinencia de que as estratexias de comercialización adaptadas ás especificidades locais inclúan a posibilidade da venda directa, emenda tamén aceptada.
Outras das engádeas presentadas por Senra e aprobadas pola Comisión de Pesca do PE instan a poñer en marcha unha etiquetaxe do peixe, tanto fresco como transformado, na que se indique claramente a orixe do produto; así como a posta en marcha de programas de formación e concienciación nas escolas e institucións sobre a importancia do sector e do consumo local de peixe. “A mocidade debe coñecer o valor económico, social e cultural do sector artesanal galego nas vilas costeiras e a importancia de consumir os produtos locais para permitir que este sector sobreviva e teña futuro”, recalcou Senra. Para avanzar neste sentido solicitou tamén que a Comisión Europea realice un estudo sobre o impacto das importacións de peixe na pesca local, emenda que tamén foi incorporada ao texto da proposta de informe.
A nivel de articulación do sector pesqueiro, a comisión de Pesca tamén deu o visto bo á proposta de Senra de que se rebaixen os mínimos de produción esixidos para entrar nas Organizacións de Produtores, favorecendo deste xeito a entrada de pequenos/as produtores/as, así como e que as axudas concedidas para mellorar a seguridade e a hixiene a bordo non entren en concorrencia competitiva e se doten dun maior orzamento dedicado ao sector artesanal.
A eurodeputada galega conseguiu tamén introducir unha crítica explícita á falta de execución do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, ao terse aprobado a emenda na que solicitou a aplicación dun maior nivel de control e transparencia ás administracións pertinentes, así como unha mellor xestión das partidas.
Bruxelas, 25 de Abril de 2018.
*Xuntamos arquivo de audio con valoracións da eurodeputada Lídia Senra. | Acceder/Baixar.
Máis información:
Lídia Senra |
Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
25 de abril de 2018 11:29
_______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon