mércores, abril 25, 2018

Morreu o noso compañeiro Mel, activista e gaiteiro... un home bo, un bo Galego - Mel era un activista e gaiteiro, así quería que se lle recoñecera, a súa paixón pola música tradicional, a súa paixón polo social, a súa paixón polo seu traballo veciñal, a súa paixón por un Ferrol participativo... - Queremos-te compañeiro, sempre estarás con nós.

Mel Sanxoán Caamaño

Morreu o noso compañeiro Mel (Xosé Manuel Sanxoán Caamaño), este 5 de maio ía cumprir 63 anos. Nacera en Barallobre en 1955. Ante todo queremos expresar a nosa dor porque nos deixa, queremos deixar caer as nosas bágoas, non só por nós, senón porque deixa aos seus dous fillos (un menor) e a súa compañeira que os amaba con toda a súa alma e que para el era o primeiro. Non sabemos como expresar a nosa dor, mais até sempre compañeiro.

Mel era un activista e gaiteiro, así quería que se lle recoñecera, a súa paixón pola música tradicional, a súa paixón polo social, a súa paixón polo seu traballo veciñal, a súa paixón por un Ferrol participativo. Loitaba para que a Participación Cidadán fora un feito real e efectivo, non mera propaganda. Participou na elaboración do Regulamento de Participación Cidadán de Ferrol, nos primeiros Orzamentos Participativos e promoveu os seus foros cívicos, formando parte da comisión de seguimento. Colaborou na confección da Axenda 21 Local de Ferrol, tan nomeada polos políticos e tan esquecida á hora de aplica-la. Así naceu Ártabra 21, na súa mente e na súa práctica. Mel da asociación veciñal 'O rosario' do Inferniño e Amadeo Varela do Colectivo Recimil pola Reahabilitación (Da asociación San Fernando), tiñan-no claro, había que unir forzas para gañar, e promoveron a súa constitución, xunto ao Colectivo de Sartaña Sempre Pública e a Comunidade Menáncaro, xuntaron a máis dunha ducia de colectivos na Plataforma Ártabra 21 e logo o Colectivo Ártabra 21. Foi membro da Federación de ANPAS e desfensor do ensino público. Promoveu a Escola Deportiva do Inferniño. Promoveu a Plataforma Contra o Malgasto. Participou na realización do Foro Social de Ferrol Terra e na loita contra a Planta de Gas. Participou na constitución da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Área de Ferrol (SOS-Sanidade Pública) e agora era o coordinador da súa Permanente. Tamén na Plataforma que loitou pola recuperación da ribeira de Barallobre. Incansábel activista e boa persoa. Na Plataforma contra a Taxa do PP. E ultimamente na coordinadora da Plataforma de Ferrolterra na Defensa das Pensión Públicas e colaborando coa Plataforma na Defensa dos servizos Públicos, pola Remunicipalización.

Mel era un optimista por natureza, incansábel... observador...e un moi bo compañeiro.

Queremos-te compañeiro, sempre estarás con nós.

Ferrol a 25 de abril, de 2018.

Amadeo, Juan 'O Bon', Lupe, Ana, Tono, Rubén, Jove, Ramón, Santiago e Inácio

---
Nota.- Está no Tanatorio San Lorenzo (Catabois) Túmulo nº2.
_________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon