luns, abril 30, 2018

A Xunta Xeral de accionistas de Sermos chama a se subscribir ao Diario Galego - O mestre e escritor ferrolán, Antón Cortizas Amado, expresa o seu desexo de que 'O Diario Galego' destaque pola súa veracidade, rigor e profesionalidade - O Diario Galego sería un feito de normalidade para a nosa existencia como país

Persoas do grupo impulsor, representantes de diferentes organizacións e entidades do tecido económico,
social, cultural e político do país asistiron ao acto de presentación das liñas básicas do proxecto,
un xornal diario, que Sermos Galiza proxecta lanzar en 2019.

A Xunta Xeral de accionistas de Sermos chama a se subscribir ao Diario Galego


A Xunta Xeral ordinaria de accionistas de Sermos Galiza S. A. concluíu cun chamado a se subscribir ao Diario Galego, o proxecto de xornal en papel promovido pola empresa.

A xunta, celebrada este sábado, valorou moi positivamente a iniciativa desenvolvida polo Consello de Administración, ao que instou, ademais, a poñer en marcha medidas para acadar os 3.000 subscritores e subscritoras antes do 31 de xullo de 2018. É dicir, ao longo de maio, xuño e xullo. Estes son os apoios e os prazos necesarios para que o novo produto xornalístico estea na rúa en 2019.

O Consello de Administración, presidido por Xoán Costa, informou ao accionariado de Sermos das “medidas específicas” adoptadas no proceso e dos contactos realizados para conformar o grupo impulsor. Tres grupos de persoas traballan xa no proxecto do Diario Galego: un deles dedicado ás tarefas de impulso e lanzamento, outro para procurar subscricións e outro na dimensión xornalística. Nos tres hai persoas da empresa e outras alleas á mesma.

A Xunta Xeral de accionistas tratou, a maiores, outros temas. As contas -por segundo ano consecutivo houbo resultado económico positivo- e o informe de xestión foron aprobadas sen ningún voto en contra. 

A xestión ordinaria da empresa -funcionamento do semanario, do portal web ou da edición de libros- foi igualmente obxecto da xunta. Como tamén a valoración da conmemoración do quinto aniversario de Sermos Galiza, ocorrida entre o 26 de abril e o 25 de xullo de 2017.
---


O mestre e escritor ferrolán, Antón Cortizas Amado,[*] expresa o seu desexo de que 'O Diario Galego' destaque pola súa veracidade, rigor e profesionalidade

Tamara Martínez Pastoriza, entrevista a Antón Cortizas.

"O Diario Galego sería un feito de normalidade para a nosa existencia como país"

Que esperas de O Diario Galego?

Duración e contaxio. Sería un feito de normalidade para a nosa existencia como país. É o máis normal ter medios de comunicación no idioma que nós inventamos.

Por que é necesario?

É imprescindíbel. A nosa maior particularidade é o idioma, e dentro del, a comunicación a través do mesmo: das noticias, do arredor, do que está pasando. Paréceme de pura necesidade e sentido común ter un medio na nosa lingua. Espero tamén que sexa un diario que destaque pola súa veracidade, rigor e profesionalidade, e sobre todo, que non estea vendido a ninguén.

Que pegada podería ter no ensino e na creación literaria?

Como toda prensa, terá un apartado dedicado á cultura e polo tanto, será divulgador da parte literaria. Haberá xente que con grande mestría na man escriba columnas e outras pezas, converténdoo nun escaparate máis para manifestar a nosa literatura e a nosa maneira de escribir. Espero que estea cheo desas palabras lindas e harmoniosas da literatura como divulgadora da mesma.
___
Nota.- Para facer de O Diario Galego unha realidade, necesitamos sumar 3 mil subscricións. | Ir á Web.

Publicado en: Sermos Galiza, baixo licenza Creative Commons. | O 29 e o 14 Abril de 2018.

[*Antón Cortizas Amado -Ferrol 1954, autobiografía, obra, videoteca, fototeca, materiais didácticos e outros... no Centro de Documentación da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega -AELG. | Ir á Web.
 ______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon