martes, abril 24, 2018

Lídia Senra esixe á CE a retirada inmediata do Produto Panaeuropeo de Pensións Individuais - A eurodeputada galega presentou dezaseis emendas en contra dun informe ao servizo dos intereses dos sistemas privados de pensións - Demanda á Comisión Europea que recúe na súa proposta e asuma a responsabilidade de fortalecer os sistemas públicos de pensións

Concentración en Ferrol,17 de marzo de 2018, na defensa do sistema público de pensións

Lídia Senra esixe á CE a retirada inmediata do Produto Panaeuropeo de Pensións Individuais. | A eurodeputada galega presentou dezaseis emendas en contra dun informe ao servizo dos intereses dos sistemas privados de pensións. | Demanda á Comisión Europea que recúe na súa proposta e asuma a responsabilidade de fortalecer os sistemas públicos de pensións.


A eurodeputada galega Lídia Senra e o eurodeputado portugués Miguel Viegas -integradas no Grupo da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)-, veñen de rexistrar un total de dezaseis emendas ao informe co que a Comisión Europea pretende avanzar no favorecemento dos sistemas privados de pensións a través do impulso do Produto Panaeuropeo de Pensións Individuais (PEPPP, polas súas siglas en inglés[1]). “A Comisión Europea está a sentar as bases para relativizar a responsabilidade pública dos Estados de fornecer pensións dignas de xubilación. O argumento de que quen teña pensións baixas pode completalas aforrando a través deste produto financeiro é tremendamente inxusto e discriminatorio. Os salarios son cada vez máis baixos, e tamén as prestacións sociais, como pretenden que a xente aforre?”, criticou.

Xa o pasado mes de febreiro Senra denunciou publicamente en rolda de prensa esta proposta da CE, acompañada de Victoria Portas Mariño -voceira da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións e membro do Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas (MODEPEN)-, e polo economista, sindicalista e docente Xabier Pérez Davila, avanzando que se oporía a esta proposta de regulamento ideada para beneficio de entidades financeiras, compañías de seguros e de xestión de activos.

De feito, unha das emendas rexistradas hoxe esixe especificamente a retirada desta proposta demandando no seu lugar a elaboración de medidas para fortalecer os sistemas públicos de pensións co obxectivo último de garantir pensións públicas a todas as persoas na Unión Europea. “Unha vez máis tentan librar de responsabilidades aos Estados e ter argumentos para culpabilizar ás persoas da situación de vulnerabilidade social creada polas propias políticas impulsadas por estas institucións e Gobernos”, criticou.

Aliás, a propia política fiscal ca que a CE pretende acompañar esta proposta apostando por deducións moi regresivas favorece a quen teñan altos salarios, xa que son as persoas que poderían facer grandes contribucións a este plan de pensións privado. “Ademais, se o analizamos dende a perspectiva de xénero, unha vez máis este produto incidiría concretamente na situación de discriminación das mulleres, xa que temos menores salarios, máis traballos a tempo parcial e máis precarización, polo que as posibilidades de aforrar pola vía privada son inda máis limitadas”.

Por outra banda, sinala Senra noutra das súas emendas, dado que os promotores do PEPPP son os bancos, compañías de seguros, xestores de activos, fondos de pensións de emprego e sociedades de inversión, con esta proposta produciríase un desvío de posíbeis contribucións sociais, que suporían un transvase de ingresos ás empresas privadas, que á súa vez obterían importantes beneficios aproveitándose dos sistemas públicos de pensións.

A proposta do Produto Panaeuropeo de Pensións Individuais por parte dunha institución pública como é a Comisión Europea é totalmente intolerábel, xa que implica que está a renunciar ao obxectivo de que as pensións públicas sexan suficientes e dignas para cubrir as necesidades das persoas e vivir cun mínimo de tranquilidade logo de ter adicado toda a súa vida a traballar” .

Co rexistro das emendas ao informe sobre o PEPPP, Senra chama de novo a atención sobre a batalla que se está a librar no espazo europeo polo futuro das pensións públicas. O deterioro intencionado das mesmas baixo a desculpa das denominadas “políticas de austeridade” impulsadas pola Troika, así como unha reflexión colectiva de análise e propostas para loitar polo dereito a pensións dignas, foron postas de manifesto tamén o pasado 30 de xaneiro a través da xornada “Xubilación en tempos de austeridade. Cal será o futuro do noso sistema de pensións?”, que achegou ao Parlamento Europeo os aportes de trinta activistas galegas/os.

Bruxelas, 24 de Abril de 2018.

Máis información:

Oficina de Lídia Senra, Eurodeputada Galega integrada no Grupo da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Comisión de Agricultura. | Comisión de Pesca. | Asamblea Paritaria África, Caribe, Pacífico-UE. | 0034 609 845 861 .| lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/

twitter | facebook

[1] Pan-European Personal Pension Product  (PEPPP)

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
24 de abril de 2018 13:05

_________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon