luns, abril 23, 2018

41 persoas, activistas achegadas á Plataforma, instan ao Alcalde a que faga unha rectificación pública, por utilizar a descualificación persoal e levar ao termo privado, o que é o exercicio da acción pública, a participación cidadá e veciñal, da sociedade civil, no exercicio da defensa dos seus dereitos e intereses, como persoas, veciñanza e cidadáns


Cando o pasado 19 de marzo, presentamos unha denuncia no Xulgado de Ferrol, contra o Alcalde e o responsábel da xestión de Emafesa, a reacción do Alcalde arroupado por membros do seu goberno municipal, estiveron infestadas de descualificacións persoais irracionais e inxustas cara ás persoas que forman parte desta Plataforma e a representan colexiadamente. No seu momento esta Plataforma acordou emitir unha "Breve nota de Urxencia", onde cualificabamos estas palabras de "intentos de descualificacións persoais lamentábeis e inxustas". Sen querer entrar, mais neste asunto que podería desviar o importante do circunstancial, mais un número importante e maioritario da Plataforma, pensaba que o asunto non podía quedar así que o Alcalde tiña que desculpar-se, polo que se promoveu unha carta dirixida a Jorge Suárez instando-lle a unha rectificación pública das súas palabras. Son 41 persoas as que asinan o escrito que transcribimos que se entregou polo rexistro do Concello de Ferrol, o pasado venres 20 de abril.

As persoas que asinan a carta son: Ramón Castiñeira, Manuel Vázquez, Inácio Martínez, Lucia Vizoso, Rafael Pillado, Iolanda Teixeiro, Olga Fernández, José Carballo, Manuel Dopico, Alejandro Toimil, Carmen Serantes, Fernando Docampo, Gloria Cruz, Pablo P. Serantes, Esther Malde, Manuel Afonso, Francisco Montero, Manuel Bellón, Angeles Rivera, Esperanza Vidal, Helga Méndez, Manuela López, Belén Aneiros, José Vilela, Chelo Carballal, Xosé María Fontao, Anxo Fernandez, Amadeo Varela, Luís Gómez, Victor L. Casal, Xoán F. Lópes, José Martín, Victor G. Novas, Susana Alaniz, Manuela Rodríguez, Nicasio Malde, Lupe Ces, Alexandre Carrodeguas, Bernardo Rego, Pablo Portero e Fernando Ramos.

AO ALCALDE PRESIDENTE DO CONCELLO DE FERROL

As persoas abaixo asinantes en apoio da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, con enderezo a efectos de notificación en Ferrol (15406), na rúa Armada Española, nº32 baixo, e correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com, ante esa alcaldía expoñen:

Que o pasado 19 de marzo, esta Plataforma presentou unha denuncia no Xulgado de Ferrol,[1] diante de todas as irregularidades rexistradas na xestión do sistema de saneamento e depuración de augas residuais por parte de Emafesa e desa Alcaldía, para que no caso de corresponder, se diriman as responsabilidades que houber lugar, asín como potenciais actos fraudulentos, enganos e inaccións. Este camiño de apelar á vía da denuncia xudicial, tomabámolo despois de ver como unha tras outra tiñamos pechadas as portas do diálogo, a falta de resposta aos innumerábeis escritos e peticións de documentación dirixidos a esa Alcaldía, os recursos non contestados, mobilizacións... 

Que esa Alcaldía coñece que os feitos que se describen no texto da denuncia son certos e, en repetidas ocasións, vostede mesmo así os comunicou á opinión pública ou en plenos da corporación municipal. Na nosa denuncia non hai ningún ataque ao honor, nin falsidades, calquera que a lea poderá-se dar conta de que o que se transluce nela é a defensa dos intereses veciñais e medio ambientais.

Que a reacción desa Alcaldía, e do seu goberno municipal, transmitida en rolda de prensa e a través das redes sociais, ao coñecer a nosa denuncia xudicial, foi pouco afortunada e impropia dun representante público polas descualificacións persoais irracionais e inxustas cara ás  persoas que forman parte desta Plataforma.

Polo anterior, instamos-lle a esa Alcaldía a que faga unha rectificación pública, por utilizar a descualificación persoal e levar ao termo privado, o que é o exercicio da acción pública, a participación cidadá e veciñal, da sociedade civil, no exercicio da defensa dos seus dereitos e intereses, como persoas, veciñanza e cidadáns. Non podemos deixar de manifestar o noso malestar polas actitudes dun representante público, que utiliza a difamación e o menoscabo da integridade moral e persoal de quen conformamos os movementos sociais e veciñais, independentemente de quen estea no goberno municipal.

Polo que instamos a esa Alcaldía, A que faga unha rectificación pública das súas palabras, no momento máis oportuno que considere.

En Ferrol, a 17 de abril, de 2018

Asinado.-

[1] Con posterioridade o día 23 un escrito de correccións e o 27 do mesmo mes de marzo, o texto refundido da denuncia que recae no Xulgado de Instrución nº2  co procedemento PR 0000759/18.
______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon