Por Xosé Manuel Galdo Fonte [*]
07.04.2018
Sen erradicar da vida política prácticas ilexítimas como o "transfuguismo". resultará imposible vigorizar a democracia, pois mantendo o acceso aberto a quen antepón o seu propio aproveito á defensa do interese xeral, a vía da involución farase endémica.
No coruñés concello de Fene a axitación política fíxose dona da actualidade, e todo, como consecuencia da Moción de Censura interposta contra o actual alcalde do BNG por quen foi o seu antecesor no cargo e politicamente membro do super-corrupto Partido Popular, que sorprendentemente contou para tal manobra de derrocamento co apoio explícito de dous concelleiros tránsfugas.
Despois de ser vangarda e referente do municipalismo mais alá dun cuarto de século tras a instauración da democracia, o Concello vive actualmente as horas mais convulsas da súa historia, tal é así, que tras 39 anos de corporacións democráticas, -en segundo intento- esta é a primeira ocasión que unha Moción de Censura altera o normal funcionamento de a institución municipal fenesa.
Non debendo estrañar á veciñanza do Concello a súa entrada en escena, considerando os factores de dependencia laboral e económica que acompañan a boa parte dos corporativos promotores da mesma; que coa súa aprobación ademais de ver resoltas as súas limitacións pecuniarias, ven protexido o seu status e blindada a súa revogación.
Protección, que anacronicamente outorga a estes tránsfugas a indemnidade para pasarse de bando e traizoar aos seus electores baixo prezo ou mercé; a teor da feble integridade moral dos seus membros e a súa total ausencia de vocación de servizo público.
Si alarmante é, deixar de novo o goberno municipal de Fene en mans dos artífices de esnaquizar as institucións coa súa corrupción, moito máis pavoroso resulta comprobar que quen a través da Moción de Censura facilitáronlle ao PP o acceso ao poder, son dous concelleiros que pescaron a súa credencial de representación institucional no caladoiro electoral da esquerda, e que para maior engano, nos comicios municipais ilusionaban á sociedade proclamando aos catro ventos xusto o contrario da felonía que agora viñeron a consumar
Estou a referirme aos "zascandiles" de Somos Fene, aos membros daquela candidatura que en campaña electoral en clara alusión ao Alcalde que agora promoven, prometían rexenerar o ente municipal; e que actualmente polo seu repelente transfuguismo ideolóxico e o radical cambio de parecer resultan non ser de fiar.
Nun municipio onde continuadamente desde a instauración da democracia a esquerda no seu conxunto sumou máis votos que a dereita, como actualmente segue ocorrendo; por aritmética electoral resulta imposible que un partido como o PP que conta co apoio dun terzo escaso dos votos, tivese posibilidade algunha de facerse co bastón de mando da alcaldía, a non ser que se impuxese a bastardía política sobre a dinámica democrática, de tal modo que os pactos contra natura e a confluencia de intereses persoais prevalecesen sobre a vontade popular.
Isto é xusto o que aquí veu acontecer coa rocambolesca Moción de Censura, secundada desde Somos Fene, utilizando artificios gansteriles, conseguiu que o voto limpo e progresista depositado no seu favor polos electores, se transmutara na emblemática gaivota do PP que agora xa aniña na alcaldía do Concello; un obsceno proceder dos que van á política para lucrarse dela, nunha tentativa máis que evidente de facilitar que a indecencia se apropie da democracia. Un comportamento nauseabundo e vomitivo
Xa que logo, aos inimigos da esquerda na localidade non hay que buscalos entre os seus votantes, toda vez que o apoio electoral cara ao progresismo mantense inalterable co paso do tempo a pesar da variable diversidade das formacións que conforman o seu ámbito.
Onde realmente radica a descapitalización da esquerda no municipio, é na total ausencia de integridade e na falta de honradez dunha boa parte do seu sector dirixente, como pon de manifesto a vendetta consumada por Somos Fene contra a vontade dos seus enganados electores; como tamén, o implícito apoio do PSOE á Moción de Censura que sibilinamentre disfrazou de abstención buscando gardar as aparencias.
En contraposición é de salientar á actitude firme e de compromiso co progresismo mostrado por PODEMOS, EU e BNG a través do rexeitamento da Moción de Censura e defensa da continuidade do Goberno municipal, o que de seu lles confire por consecuente proceder a autenticidade representativa de esquerdas.
Queda visto por tanto, que foron os transfugas de Somos Fene e a falsa esquerda do PSOE, os que sen fundamento argumental probado, nun Concello con maioría electoral de esquerdas, regaláronlle a alcaldía á mafia política do PP, razón sobrada para desenmascarar entre todos aos membros desta trama de indecentes e aos propios beneficiarios da felonía, coa finalidade de ir limpando o Concello de arribistas, aproveitados e persoeiros sen ética para exercer a actividade política con integridade e en suxeición á vontade expresada nas urnas polos electores.
Mentres isto non aconteza, a alcaldía usurpada polo "farolas" non deixará de ser unha apropiación indebida
Publicado no seu blogue de opinión: Que non se pare o tempo - "puntadas, pespuntes e ganduxes". La Opinión - A Coruña. | Ir á Web.
[*] Xosé Manuel Galdo-Fonte, foi traballador de ASTANO e sindicalista, perante varias lexislaturas foi concelleiro polo BNG en Fene, dentro do Colectivo Avante, posteriormente pasou ao mundo empresarial, formando parte da Iniciativa Empresarial del Noroeste que se integrou en 2007 en IEN por Europa, da cal formou parte da súa xunta directiva. É articulista e analista político, os seus artigos están publicados en moitos dos xornais galegos, tanto impresos como dixitais. A súa última aposta política foi por Podemos Fene, na promoción da Agrupación Política de Electores Avante Fene (Grupo no Facebook).
Blogue:
http://galdo-fonte-xm.blogspot.com.es/
Conta facebook:
https://www.facebook.com/galdofonte
Conta no twitter | @galdofonte:
https://twitter.com/galdofonte
Escritos publicados no no Diario de Ferrol:
http://www.diariodeferrol.com/opinion/autor/000045/xose-manuel-galdo-fonte
____________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon