Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
30.04.2018
Disque os lobos van en manada. Disque algúns machos da especie humana tambén. Disque as manadas conteñen entre dous e seis lobos, e anque os humanos digan da ferocidade dos lobos nouturnos, estes endexamais serían quen de fazer o que eses cinco lle fixeron a esa moza nos Sanfermíns. Porque os lobos gozan dun ánima, son animais, eis, sensíbeis. Capaces de empatizar. E aos lobos andamos aos extinguir mentres as manadas de humanos depredadores que, con premeditación e aleivosía van á caza dunha moza para abusala e violala entre todos mentres o gravan para amosalo como unha peza de caza, van en aumento.
Négome a lle chamar manada a eses cinco especímenes cuxo único obxecto na vida é gozar co sufrimento e a dominación. A covardía non é propia de lobos, animais nobres e sociais que adoitan só pelexar ritualmente pola supervivencia ligada ao territorio.
Só unha especie destrutiva como a humana pode chegar a crueldades inconcibíbeis en calquera manada animal como é unha cruel, premeditada e exhibicionista violación colectiva. Só un tribunal humano pode emitir unha sentenza máis despiadada e non apreciar violencia ou intimidación nos feitos que nos ocupan.
A mensaxe ás mulleres é nidia. Se andamos soas, se non somos dun home, somos de todos e estamos ao seu dispor como escravas e/ou obxectos sexuais. A vella sentenza da sagrada misoxinia no simbolismo dunha festa touril demarcando unha patria. O sangue como amósega de dominio, a ignorancia como bandeira, a crueldade como pracer de machos que se autoerotizan en manada a través da sumisión imposta polo terror e a exhición da vileza burda e humillante.
Mais o máis abraiante é que a toga vexa aos fermosos lobos, capaces de oulear de amor nas noites invernais, como animais despiadados e a estes cinco só como culpabeis dun abuso que non chega a agresión nen intimidación.
[*] Iolanda Teixeiro Rei -Ferrol, activista ecoloxista e decrecentista, articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Sermos Galiza.
Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
30 de abril de 2018 02:24
_______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon