Este domingo 20 de maio "Día do Orgullo Louco". Por primeira vez un grupo de activistas pola "diversidade mental" conmemorou en Ferrol este día reivindicando-se para facer-se visíbeis e romper o silencio. Un pequeno paso, mais de moito valor. Necesitan-se iniciativas deste tipo, xente que dea os primeiros pasos, son moitas e moitos os que agardan respecto e recoñecemento, aos seus dereitos a ser como son, a ser libres, sen estigmatismos, a ser comprendidas, a ser apoiadas, mais sobre todo a ser aceptadas e respectadas.
O orgullo cura-o
Promover a diversidade mental e abordar a loucura desde a consideración da diversidade sería moito mellor para todas. Seríamos mellores persoas e máis felices. A aceptación do diferente, mais o recoñecemento en igualdade en dereitos.
O activismo polo recoñecemento da "diversidade mental" (Un termo non negativo desa "diversidade funcional"), xa é mundial desde que comezou en Canada en 1993 e se foi estendendo polo mundo. Ten que ser un orgullo, para todas nós que xurdira esta iniciativa tamén en Ferrol. Que aínda que sexa incipiente, unha pequena semente, ben coidada e tratada con agarimo, pode dar moi bos froitos. A celebración do día do orgullo louco na rúa, non só nas rdedes sociais, para facer-se visíbel e presentar as súas reivindicacións na defensa dos dereitos fundamentais como seres humanos, co obxectivo ademais de romper co seu silencio, e un grande desexo e un grande logro. Parabéns.
Obxectivos loábeis
As activistas da"diversidade mental" quere acabar co sufrimento que causa "o estigma social do descoñecemento, a sobreprotección, o illamento e até a maldición ou a vexación", que limita as súas condicións para desenvolver ao máximo a súa calidade de vida. Queren que desaparezan estes "mitos e prexuízos, fomentando que as persoas, as institucións e as sociedades aprenden a xerar espazos de convivencia na diversidade".
Busca-se a concienciación de todas no recoñecemento da diferencia e o respecto da igualdade como persoas e en dereitos. A necesidade da convivencia en diversidade, de aprender a convivir coa "diversidade mental". Sobre todo nestes momentos de medre do autoritarismo, da perda de dereitos, da lei do máis forte fronte a xustiza.
Resumo do Manifesto
Somos un grupo de Activistas en saúde mental (loucas e loucos) que nos reunimos para espertar a conciencia de todo o colectivo con respecto ao orgullo da nosa diversidade e presentarnos ante toda a sociedade, celebrando por primeira vez o "Orgullo Louco".
Este 20 de maio saímos á rúa para rebelarnos contra o silencio e a invisibilización, queremos reivindicar os nosos dereitos e, sobre todo, a igualdade entre todos os seres humanos.
Por iso reivindicamos:
1. Respecto integral dos dereitos humanos en saúde mental.
2. Esiximos que se poñan en funcionamento mecanismos áxiles de recapacitación para poder garantir a nosa autonomía.
3. Reivindicamos cero contencións e o fin da tortura en psiquiatría.
4. Queremos maior formación para todas as profesionais da saúde mental e que se poñan en funcionamento opcións non coercitivas.
5. Queremos pedir especialmente a nosa participación directa e real en todas as decisións políticas e sociais que nos afecten.
6. Esiximos unha protección especial para a infancia e a adolescencia.
7. Pretendemos fomentar e incentivar especialmente a loita contra a discriminación, e aquí é esencial o uso dunha linguaxe inclusiva.
8. Por ultimo, esiximos o respecto e a dotación orzamentaria ou os dereitos sociais que afectan ás persoas con diversidade mental.
Ferrol, 20 de maio de 2018
---
Hai un Grupo de encontro e debate no facebook. | Grupo Orgullo Louco Ferrol.
Orgullo Louco (Mad Pride) ao longo do mundo
https://youtu.be/ACgYzgKb4TA
https://youtu.be/ZW2547sb_Z8
_____
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon