Rexistrada petición para que Bruxelas investigue os vertidos da antiga mina de Touro e o novo proxecto. | Lídia Senra e a Plataforma Mina Touro-O Pino Non demandan que o Parlamento Europeo abra expediente e membros da CE visiten a zona. | A eurodeputada respalda á veciñanza e insta a analizar as directivas da UE vulneradas na falta de restauración da vella explotación de cobre.
Aurodeputada galega Lídia Senra, acompañada por Ana Parga e Maribel Cabana, membros da Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non, anunciaron este luns en rolda de prensa en Santiago a presentación por parte da citada Plataforma dunha petición que ven de ser rexistrada na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo. O obxectivo é que os entes comunitarios investiguen a vulneración de directivas europeas que supón a falta de restauración da antiga mina de cobre de Touro que estivo operativa entre 1973 e 1986 e o proxecto de nova mega explotación mineira de cobre a ceo aberto en Touro e O Pino.
A Plataforma Veciñal, arroupada por Lídia Senra, denuncia que trinta anos despois de cesar a actividade mineira en Touro por parte das empresas Sociedad Minera y Metalúrgica de Peñarroya e Río Tinto Patiño, os ríos que corren polas proximidades do antigo emprazamento da mina van totalmente contaminados e sofren continuos vertidos procedentes das balsas mineras e das escombreiras que hoxe se usan como vertedeiros de residuos sen aparente control. Na súa petición, a Plataforma Veciñal fíxolle chegar ao Parlamento Europeo varios vídeos e fotografías[1] que constatan que non se realizaron as actividades de restauración debidas para previr ou reducir na medida do posible os efectos adversos sobre o medio ambiente, en particular sobre as augas, o solo, a fauna, a flora, a saúde, a paisaxe eos riscos para as persoas derivados da xestión da actividade e dos residuos mineiros.
“Vemos pois, que poderiamos estar ante unha clara vulneración no Estado español da Directiva 2006/21/CE do Parlamento Europeo e do Consello de 15 de marzo de 2006 sobre a xestión dos residuos de industrias extractivas”, indican na petición, xa que “os vertidos desa actividade abandonada seguen na actualidade drenando e contaminando cara ao río Ulla, un dos maiores ríos de Galiza e que desemboca na ría de Arousa, unha das maiores rías en importancia de marisqueo na Galiza”, argumentan.
Dita situación, que continúa a producirse sen que nin por parte do Estado español nin por parte da Xunta nin por parte da empresa se tomen medidas, parece a todas luces non ser compatible coa Directiva da Auga 2000/60/CE nin coa Directiva 2004/35/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 21 de abril de 2004, sobre responsabilidade medioambiental en relación coa prevención e reparación de danos medioambientais.
Así mesmo, poñen en aviso ao Parlamento Euorpeo de que a maiores diso, agora está en periodo de tramitación un novo proxecto mineiro, tamén de explotación a ceo aberto de cobre, presentado pola empresa Cobre San Rafael SL, na mesma zona, sobre terreos dos concellos de Touro e O Pino. “Estaríamos falando de 689 hectáreas para extraer 267 millóns de toneladas de cobre durante 16 anos e medio, nuns terreos nos que actualmente o 70% deles son fincas agrícolas e forestais en activo, o que tería un impacto social e económico brutal, pois estamos falando ademais dunha zona pola que pasa o Camiño de Santiago, que vive do turismo, e que conta con importantes explotacións gandeiras e agrícolas que verían comprometido o seu futuro, ademais de afectar tamén a zonas de protección arqueolóxica”, din.
A Plataforma informa de que o proxecto recibiu 1.500 alegacións solicitando que se paralice a súa tramitación e que se denunciou en repetidas ocasións a realización de sondaxes en vías públicas por parte da empresa sen a súa correspondente autorización. “Tendo en conta as consecuencias que sigue traendo para o medio ambiente a antiga mina, comprenderá a Comisión de Peticións do Parlamento Euorpeo que o pánico na zona e en toda Galiza ao novo proxecto sexa brutal ante unha situación que parece non acorde á Directiva 2014/52/UE sobre a avaliación das repercusións de proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente”, defenden. O proxecto afectaría ademais a áreas englobadas na Rede Natura, polo que podería estar ante unha vulneración da Directiva 92/43/CEE do Consello, de 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres e da Directiva 79/409/CEE do Consello, de 2 de abril de 1979, relativa á conservación das aves silvestres.
Por todo iso, co problema que sigue xerando a antiga mina e as carencias que implica o novo proxecto, solicítase que por parte da Comisión de Peticións Europea se estudie o proposto e se abra unha investigación para determinar se o Estado español, a Xunta, os Concelos afectados e as empresas poderían estar incorrendo na vulneración das normas de dereito europeo con respecto a esta contorna. Así mesmo, piden encarecidamente que membros da Comisión de Peticións e tamén responsables da Comisión Europea realicen unha visita á zona en persoa para que se lles poida amosar a aberrante situación e poidan comprobala cos seus propios ollos a maiores das investigacións que poidan realizar consultando ás diferentes institucións.
Lídia Senra asegurou que seguirá moi de preto a tramitación desta petición en Bruxelas e que fará todo o posible para que vaia adiante e se abra esa investigación tan necesaria. A eurodeputada leva presentado nos últimos meses varias iniciativas na Eurocámara e na CE encamiñada a denunciar a situación. De feito, ten intervido no pleno parlamentario europeo amosando fotografías e pedindo a paralización do proxecto novo e tamén ten presentado varias preguntas por escrito á Comisión Europea[2]. “Se se toma en serio a lexislación europea, as avaliacións de impacto ambiental deste proxecto non poderán ser positiva”, zanxou Lídia Senra.
Santiago, 30 de abril de 2017.
Petición rexistrada na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo. | Acceder/Baixar.
Máis información:
Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861 | lidia.senra@europarl.europa.eu | https://ageuropa.gal/
Notas.-
[1] - Fotografía da balsa de Bama desbordada https://ageuropa.gal/wp-content/uploads/2018/04/Balsa-de-Bama-desbordada.jpg
- Vídeo do desbordamento da balsa mineira de Bama https://ageuropa.gal/wp-content/uploads/2018/04/DESBORDAMIENTO-DE-BALSA-MINERA.mp4
- Restos de sondaxes tiradas no monte https://ageuropa.gal/wp-content/uploads/2018/04/Restos-de-los-sondeos-tirados-en-el-monte.jpg
- Vertido na Fonte Díaz https://ageuropa.gal/wp-content/uploads/2018/04/Vertido-Fonte-Diaz-Mina-Touro.jpg
- Vertido no río Portapego https://ageuropa.gal/wp-content/uploads/2018/04/vertido-rio-Portapego-7-de-marzo-2018.mp4
[2] - Intervención de Lídia Senra no pleno do Parlamento Europeo en outubro do 2017 denunciando os vertidos en Touro e pregunta escrita á CE https://ageuropa.gal/lidia-senra-informa-a-ue-dun-posible-vertido-continuado-de-residuos-toxicos-na-antiga-mina-de-touro/
- Segunda pregunta escrita á CE presentada por Lídia Senra en febreiro do 2018 https://ageuropa.gal/lidia-senra-denuncia-ante-a-comision-europea-o-desbordamento-da-balsa-mineira-de-touro/
- Xornada organizada en Touro en xaneiro do 2018 por Lídia Senra en colaboración coa Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino non para debater sobre as consecuencias do proxecto mineiro https://ageuropa.gal/lidia-senra-chama-a-frear-o-proxecto-de-mega-mina-touro-o-pino-porque-vai-destruir-mais-que-beneficiar/
Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
30 de abril de 2018 13:33
_______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon