Por Mar Moreira [*]
01.05.2018
O 26 de abril será unha data que moi poucas poderemos esquecer, a data en que se fixo pública a sentenza que o tribunal de Navarra impuxera a la manada.
Miles de mulleres pasamos da incredulidade ao odio: non sentenciaran á manada, sentenciáronnos a nós.
Ese gran xarro de auga fría espertou aos meus demos e fixo rexurdir o meu medo, ese que tanto traballo me custou conter. Un empuxón contra a parede, o frío dos azulexos, o golpe, aquela masa que me premía e non me deixaba escapar, o terror, a parálises volvían ocupar a miña mente.
Coñeciámolo como Javi o dos vellos, rexentaba a cafetería do centro de día de Marín, tiñamos confianza con el.
Era o verán do 94, unha tarde como outra calquera; viñamos da praia toda a cuadrilla, parabamos alí, naquel bar que estaba xunto ao parque no que nos atopabamos a diario.
Como cada tarde, partida de cartas ou de dados mentres nos comiamos un bocadillo; como cada tarde, collemos no almacén, onde había unha pequena cociña, as cartas, cubiletes, bolígrafos... Como cada tarde, como ningunha outra tarde:
A porta do almacén pechouse tras de min, un forte empuxón golpeoume contra a parede, notaba o frío dos azulexos na miña cara, o corpo que me esmagaba impedíndome escapar daquel recuncho. O medo non che deixa pensar, non che dá marxe de manobra para poder entender o que está pasando e o pánico paralízache.
Cando logrei zafarme del e saír daquel cuarto, daquel pesadelo, o meu primeiro pensamento era que ninguén me ía a crer e que, si facíano, miraríanme con mágoa, quedaría marcada.
Unha vez fóra atopeime cunha das miñas mellores amigas, miroume aos ollos e non fixeron falta palabras: ela estaba fóra, non entraba alí, porque a ela tamén lle pasou.
Quedou como o noso segredo -existía o medo a ser acusadas, a ser marcadas, a que puxesen en dúbida a nosa palabra- un segredo que arrastrei cunha tremenda dor e coa culpa ao pensar que outra nena podería estar pasando polo mesmo ou peor.
22 anos despois, somos nós as acusadas. Non sufrimos violación porque non houbo o que estes xuíces consideran violencia: non houbo ósos rotos, nin rachos, quizais nin tan sequera considerárono abuso sexual porque non houbo penetración, quizais terei que dar as grazas a ese malnacido por seguir viva.
Os meus monstros reapareceron, unha sentenza abriulles a porta para volver campar ás súas anchas deixándonos claro, a min e a todas, que só nos queda o medo, que aos ollos da xustiza estamos desamparadas, que non nos podemos confiar, que debemos asumir que o noxo e o medo formarán parte das nosas vidas.
Condenáronnos a toda unha vida de medo, sen dereito a ser libres.
[*] Mar Moreira -Marín 1979, Colectivo Soeres. | @MarMoreira79
Enviado por:
Colectivo Soeres
-colectivosoeres@gmail.com-
30 de abril de 2018 19:56
_____________________
Documentación:
Texto integro da Sentenza 00038/2018 da sección Segunda da Audiencia Provincial de Navarra. | Procedemento sumario ordinario 0001670/2016 - 00 Xdo. Instrución Nº 4 de Pamplona/Iruña | Proc.: PROCEDEMENTO SUMARIO ORDINARIO Nº: 0000426/2016 | 371 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.
______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon