sábado, xuño 09, 2018

Chamamento en Monforte a ordenar o monte e acabar co monocultivo de eucalipto e piñeiro para previr o lume - Lídia Senra denuncia o 'desprezo' que a Xunta de Galiza ten pola poboación das zonas máis abandonas e que tras os incendios quedan en mala situación - Expertos na materia piden un cambio de sistema e ensaiar fórmulas como os cortalumes vexetais ou de pastoreo fronte aos que abren pesadas máquinas


Chamamento en Monforte a ordenar o monte e acabar co monocultivo de eucalipto e piñeiro para previr o lume· | Lídia Senra denuncia o “desprezo” que a Xunta de Galiza ten pola poboación das zonas máis abandonas e que tras os incendios quedan en mala situación. | Expertos na materia piden un cambio de sistema e ensaiar fórmulas como os cortalumes vexetais ou de pastoreo fronte aos que abren pesadas máquinas.

Persoas expertas en materia medioambiental, rural e forestal, bombeiros, biólogos, axentes sociais e representantes políticos reclaron hoxe en Monforte un cambio de sistema e unha ordenación do territorio e do monte, que poña fin ao monocultivo de eucalipto e piñeiro que está proliferando nas últimas décadas, como medida de protección fundamental para facer prevención e atallar a lacra dos incendios forestais desde a raíz. Así se está poñendo de manifesto, na xornada organizada pola eurodeputada Lídia Senra, que baixo o título ‘Os incendios forestais na UE: Alternativas de protección’, se está a desenvolver durante todo este sábado na Casa da Cultura de Monforte.

Lídia Senra, encargada de inaugurar hoxe pola mañá a xornada, denunciou que “unha vez que o lume prende, e ante o abandono da actividade agraria e gandeira que hai no rural galego, apagar o lume é difícil”, mentres que “onde hai actividade e un rural vivo, o lume non avanza así de fácil”. Así, chamou a reflexionar sobre as causas do lume e sobre as medidas que se deberían implementar para poñer fin ao abandono do medio rural, e tamén sobre como se están facendo os cortalumes e as agresións que están supoñendo as prácticas que está levando a cabo a Xunta de Galicia.

A europarlamentaria tamén criticou a privatización dos servizos de extinción e a precariedade dos traballadores e traballadoras, pero considerou tamén fundamental reflexionar sobre aqueles pobos nos que o nivel de abandono é moi grande e nos que queda pouca xente e moita terra sen cultivar. Senra denunciou que a Administración está a practicar un desprezo por esta xente e estas zonas abandonadas, nalgúns casos abrindo pistas tras os lumes con grande maquinaria sen consultar coa poboación e cun forte impacto ambiental. Así, tras reclamar unha vez máis que se declare o eucalipto como especie exótica, Senra instou a convencer á sociedade da necesidade de actuar e de rematar co monocultivo de especies pirófitas. Na mesma liña, reclamou respectar as distancias de plantación ás casas e establecer liñas de protección. “Hai pobos en situacións que supoñen un auténtico atentado, con piñeiros ata as portas das casas”, dixo.

A xornada, que se estrutura en varias mesas de debate, comezou cun coloquio sobre “Cortalumes verdes e outras alternativas aos cortalumes de terra espida”, moderada pola concelleira de Esperta Monforte, Maribel García Díaz. A edil arremeteu contra as políticas que están a rematar coas explotacións agrarias en beneficio das explotacións forestais e pediu unha ordenación do territorio con alternativas sostibles e viables e co establecemento dun dispositivo de prevención e extinción dos lumes profesional e público.

Antonio Rodríguez García, gandeiro de cabrún de leite e membro da Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG), explicou como funciona a Rede de áreas de pasto e cortalumes animais en Andalucía, onde o Goberno autonómico apostou por este programa tras moita presión dos gandeiros. Trátase dun pastoreo controlado, un traballo polo que se paga, que actúa de cortalume e como instrumento de prevención e conservación e servizo á sociedade. Así, mediante un contrato laboral entre a Administración e o ou a gandeira, as vacas, ovellas e cabras son conducidas a pastar polas zonas que están consideradas para actuar como cortalumes.

O andaluz recoñeceu estar sorprendido polo cerca que a maleza alta está das casas en moitos lugares da Galiza, e animou aos galegos e galegas a presionar á Xunta para que aquí se implante un sistema semellante de cortalumes sostibles de pastoreo como medio tamén para proporcionar unha renda nova para os gandeiros e para manter un rural vivo.

Claudio Quintillán Vallejo, técnico de Explotacións Forestais e Membro da Asociación Galega de Comunidades de Montes, centrou a súa intervención en expoñer a situación de abandono na que está o rural e o monte galego, provocando o avance dos incendios. “Se os montes siguen nas condicións de impulso do monocultivo de eucalipto e piñeiro actuais, ímonos atopar grandes lumes que non se poden parar nin metendo enormes bulldozer nin abrindo pistas de cortalumes como se empeña a Xunta”, denunciou. Así, asegurou que os monocultivos “non respectan nada, non se respectan as vagadas nin as divisorias, hai unha continuidade da vexetación que non ten fin”, o que provoca situacións como a do ano pasado, un lume iniciado en Ponteareas que chega a Moaña, por culpa deste modelo que a Xunta non trata de modificar a pesar dos incendios ano tras ano.

Quintillán explicou que se non temos unha ordenación do territorio e do monte, por moita barreira que fagamos, o problema seguirá e chamou a ir ao fondo da cuestióne á orixe. Así, reclamou que se poña fin á masa continuada de especies altamente inflamables como son o eucalipto e o piñeiro, e propuxo aproveitar as vagoadas para plantar outras especies ou establecer un control de vexetación mediante pastoreo de gando. “Os cortalumes con máquinas, ademais do impacto visual que provocan e da erosión, tense demostrado que nalgúns sitios en pendente actúan de chimenea e polo tanto aínda comprometen máis o avance dos incendios forestais”, dixo. “Se o monte non é multifuncional e non se aposta por aproveitar en cada zona a potencialidade que ten, diversificando as producións e volvendo á madeira frondosa de calidade, ao pastoreo do gando, ao cultivo de cogumelos, á produción de mel, de herbas aromáticas, ao coidado de patrimonio,…, se non valorizamos todo isto e non hai unhas aposta da administración por mudar o modelo é moi complicado poder facerlle fronte ao lume”, concluiu.

Na mesma liña, Felipe Castro López, axente medioambiental da Xunta de Galicia, lembrou como fai décadas a ordenación do territorio na Galiza era moi diferente e os espazos estaban diferenciados, de forma que os montes estaban nas zonas máis afastadas, e as zonas habitadas estaban protexidas polas terras agrarias e por frutais e árbores que non supoñían perigo ningún. Castro reclamou eliminar as especies pirófitas por unha vexetación protectora e máis verde, que non se seque no verán, e apostou por rarear os piñeiros e eucaliptos e ter limpo o solo, así como as estradas.

Sobre o lume de Chavaga acontecido a mediados de outubro do 2017

A segunda mesa da xornada durante a mañá estivo protagonizada pola Asociación de Veciños e Veciñas de Chavaga, a través de Luisa Pallares González e María Teresa Rodríguez Rodríguez, e polo enxeñeiro forestal e membro da Asociación Forestal Frouma Diego Sánchez Agra.

Sánchez Agra denunciou que de sempre, na Galiza, as faixas de protección non se cumpriron e que a Administración moitas veces, cando había unha denuncia neste sentido, miraba para outro lado. “Agora, tras os lumes do ano pasado, estamos indo ao lado totalmente oposto: Pasamos de que a Xunta non fixo nada durante todos estes anos a que agora implante unha política do medo, dicindo até que se vai expropiar o monte a quen non o limpe. Esta política do medo lévanos a que a xente pense que se ten que arrasar con todo no monte”, criticou. “As faixas de protección son moi importantes e hai que evitar as especies pirófitas en altas densidades, pero a política do medo estanos levando a que a xente pense que ten que cortar ata as froiteiras cerca da casa e iso non é”.

As veciñas de Chavaga, lugar que sufriu un dos lumes de mediados de outubro do 2017, críticas coa actitude promovida pola Xunta, denunciaron como a maquinaria pesada desfixo moitos terreos pasados os lumes e informaron sobre a denuncia que cursaron a este respecto.

A xornada continuou pola tarde, co coloquio ‘Aprender dos erros. O sistema de emerxencias e extinción dos lumes forestais’, no que participan como ponentes Benxamín Balboa Cereijo, bombeiro forestal; Davide Rodríguez Estévez, tamén bombeiro forestal e deputado de En Marea no Parlamento Galego; e Manuel Martínez Méndez, bombeiro e representantes sindical da CIG en Ourense, membro da Plataforma Asociativa de Sindicatos de Bombeiros Forestais. Vanesa Garrido Blanco, membro de C@urel Vivo, introducirá e moderará esta parte.

E última das mesas, sobre ‘Fronte ao abandono da terra, a valoración do monte’, con Víctor Álvarez Arias, técnico da Consellería do Medio Rural e concelleiro en Lugo por LugoNovo; Félix Domínguez Cortiñas, alcalde de Manzaneda; e Paula Verao, deputada de En Marea no Parlamento Galego, que fará de moderadora.

Monforte, 9 de xuño de 2018.

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). |  Tlf: 609 845 861,
lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez

Documentación.-
Información e vídeos resumo da xornada ‘Os incendios forestais na UE: O negocio do lume’, que se celebrou en Ourense en outubro do 2016, aquí:

https://ageuropa.gal/ourense-acolle-este-sabado-unha-xornada-critica-internacional-sobre-os-incendios-forestais/

https://ageuropa.gal/lidia-senra-esixe-maior-esforzo-publico-en-determinar-as-causas-que-hai-detras-dos-incendios-forestais/

https://ageuropa.gal/agee-xunto-a-experts-forestais-e-bombeirs-esixe-unha-politica-consensuada-de-pais-fronte-ao-lume/

https://www.youtube.com/watch?v=PbLOP2XK6cYhttps://www.youtube.com/watch?v=6K_TDHmdd-k

Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
9 de junho de 2018 16:12

_________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon