Lídia Senra avisa á CE sobre os prexuízos que suporía a planta de residuos que Toysal quere instalar en Teo. | A eurodeputada insta por escrito á Comisión Europea para que analice a posible incompatibilidade deste proxecto coa Directiva 2010/75/UE. | Apoia a Concello e plataforma e reclama que Xunta e empresa faciliten toda a información e a participación das persoas afectadas na decisión.
A eurodeputada galega Lídia Senra ven de avisar por escrito á Comisión Europea (CE), sobre os perigos e danos para a terra, para as augas, para a saúde humana e para o futuro socio-económico da zona que acarrearían as instalacións de xestión de residuos que a compañía Toca y Salgado SL (Grupo Toysal) pretende abrir na Casalonga, nuns terreos dunha antiga canteira no concello de Teo. Senra rexistrou este venres en Bruxelas unha pregunta parlamentaria escrita dirixida á CE na que lle informa sobre este proxecto, que está a xerar gran contestación social no Concello de Teo e proximidades. A europarlamentaria, leva deste xeito á CE as reclamacións e preocupación tanto do Concello como da Plataforma Veciñal Casalonga Limpa de Residuos, despois de ter visitado hai uns días a zona afectada e de reunirse con membros do colectivo veciñal, así como co propio alcalde de Teo, Rafael Sisto, e co concelleiro de Benestar, Igualdade, Mocidade e Participación Veciñal, Ignacio Iglesias.
Senra informa á CE de que o pasado mes de decembro, Toca y Salgado SL presentou na Xunta de Galicia un proxecto[1] para a solicitude de autorización ambiental integrada para unhas novas instalacións de xestión de residuos orgánicos no concello deTeo, que tratarían 90.000 toneladas ao ano de lodos de depuradoras e conserveiras, residuos de industrias agroalimentarias, subprodutos animais, xurros e esterco, producindo biogás, abono e lixiviados. A Administración municipal, á que se lle solicitou compatibilidade urbanística, considera inaxeitado[2] ubicar algo así neste concello, que é principalmente lugar de servizos e residencial, sen zona industrial.
A antiga canteira de Casalonga, onde a empresa pretende instalar a planta, está a 450 metros de núcleos de poboación, nun terreo altamente inestable, con significativa pendente e serio risco de desmoronamento e filtracións á auga e á terra, incluído o río Ulla, Lugar de Importancia Comunitaria (LIC), afectando ás especies animais e vexetais e á saúde humana, con serio risco de chegar á ría de Arousa, onde desemboca o Ulla, e polo tanto afectar a todo o marisqueo, denuncia a europarlamentaria.
“Está claro que este lugar non é o axeitado para unha planta así, xa que estamos a falar dunhas instalacións que ocuparían o espazo equivalente a uns 14 campos de fútbol, que prevé unha balsa de 7.000 metros cúbicos de capacidade, dous gasómetros para 1.000 metros cúbicos cada un, o lavado diario de 20 camións que transportarían os residuos orgánicos e cheiros e máis molestias que terían que soportar as persoas de Teo e gran parte das galegas e galegos que nos poderiamos ver afectados pola contaminación”, defende a eurodeputada.
Ante esta situación, Lídia Senra pregúntalle á Comisión Europea se ten constancia deste proxecto e insta ao ente comunitario a analizar a posible incompatibilidade deste proxecto coa Directiva 2010/75/UE[3] sobre as emisións industriais e a prevención e control integrados da contaminación. Senra considera que dificilmente o proxecto presentado pola empresa se axeita a esta directiva cando non inclúe máis que xeralidades, sen concretar medidas detalladas sobre como evitar a contaminación ás augas e terras. Neste sentido, Senra reclama á CE que tome as medidas oportunas para que, tal e como recolle a citada Directiva, se garanta por parte da Xunta de Galicia e da empresa o acceso a toda a información do proxecto e a participación pública das persoas afectadas no procedemento previo ao permiso da instalación, máxime tendo en conta que o Concello está en contra desta instalación e que hai constituída unha plataforma veciñal preocupada polas posibles consecuencias desta planta de residuos.
A eurodeputada ve con preocupación os proxectos que están proliferando nos últimos tempos en relación ao suposto tratamento de residuos. “Só nos arredores de Santiago, a capital galega, está o vertedoiro creado nas antigas instalacións da mina de Touro[4], o vertedoiro de Grixoa[5] e agora o que pretenden poñer en Teo, sen ter en conta o envelenamento das augas e das terras e da xente que están a provocar e que seguirán provocando como non se poña freo e non se atalle xa o problema dos residuos na Galiza. Pretenden converter o rural nun vertedoiro continuo onde depositar todos os residuos que xera a sociedade de consumo e iso é insostible”, denuncia Senra, que chama a analizar o problema de forma global e buscar unha alternativa respectuosa co medio para a xestión do lixo, que pase por unha maior concienciación da xente e pola necesaria redución de residuos e consumo de plástico.
Santiago, 15 de xuño de 2018.
Oficina de Lídia Senra. | Eurodeputada Galega. | Grupo da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Comisión de Agricultura
Comisión de Pesca. | Asamblea Paritaria África, Caribe, Pacífico-UE. | 0034 609 845 861. | Willy Brandt, 02M025 (Bruxelas). | Louise Weiss, T05018 (Estrasburgo).
lidia.senra@europarl.europa.eu
http://ageuropa.gal/
Notas.-
[1] Pódese consultar aquí o proxecto presentado pola empresa:
https://www.teo.gal/sites/default/files/arquivos_nova/proxecto%20toysal.pdf
[2] Pódese consultar aquí o informe encargado polo Concello:
https://www.teo.gal/sites/default/files/arquivos_nova/Informe%20sobre%20Proxecto%20Toysal.pdf
[3] Pódese consultar aquí a Directiva 2010/75/UE:
https://eur-lex.europa.eu/legal-content/PT/TXT/PDF/?uri=CELEX:32010L0075&from=ES
[4] Denuncia no Parlamento Europeo sobre o que está a pasar nas antigas instalacións da mina de Touro:
https://ageuropa.gal/lidia-senra-informa-a-ue-dun-posible-vertido-continuado-de-residuos-toxicos-na-antiga-mina-de-touro/
[5] Iniciativa que levou a cabo Lídia Senra ante a CE en relación ao Complexo de Miramontes, en Grixoa (Santiago):
https://ageuropa.gal/senra-denuncia-na-ce-o-incumprimento-de-directivas-europeas-no-complexo-ambiental-de-miramontes/
Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
15 de junho de 2018 13:07
_________________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon